Polafía nas Pontes, o domingo 26 de novembro

A Polafía nas Pontes. Fiando lembranzas, que terá lugar o 26 de novembro de 2017, a partir das 18:00 horas, no Salón de Exposicións do Mercado Vello (Avda. Ferrol, 13), é unha actividade coorganizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e a Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume, e que conta co apoio da Deputación da Coruña, a Consellaría de Cultura e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello das Pontes.

A entrada será libre para todas as persoas interesadas.

Contará coas intervencións de:
Ovidio García Pazos, Xosé López Soto, Antonio Lourenzo Cabarcos (Toñito de Ferpu), Maruja López Rivera (Maruja da Ibérica), José López Martínez (Pepe de Rosalía), Esperanza Piñeiro de San Miguel, Nieves Montero Corral, Juan Eladio Pico Romero (Eladio O Cego), Jesús Prieto (Suso do Aparral), Sara Ramil, Elisa Romero Ferreiro, Isidro Novo, Lois Pérez e… un mundo de xente.

Tamén haberá actuacións musicais.

Gondomar: María Reimóndez e Xavier Estévez en Espazo Lectura

María Reimóndez participa na próxima sesión do Comando Le
O sábado 25 de novembro, de 20:00h a 00:00h, a Casa da Lectura de Gondomar acollerá unha nova sesión do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor da novela Corredora, de María Reimóndez, publicada por Edicións Xerais, e incluiranse diferentes actividades que nos permitirán reflexionar xuntos sobre a realidade que presenta esta novela que lles propuxemos como lectura aos comandoleiros e comandoleiras. Como é habitual, haberá unha pausa para a cea polo que os rapaces e rapazas que asistan deberán levar algo para compartir.
Xavier Estévez estará no club de lectura infantil Lendo Contigo
Tamén o sábado, pero ás 12 da mañá, a Casa da Lectura acollerá a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo. Nesta ocasión, os nenos e nenas que queiran participar, falarán e compartirán experiencias arredor do libro Avións de papel, de Xavier Estévez, unha novela sobre a amizade relatada sobre o fondo da arte urbana, dos traballos pictóricos, sexan graffitis ou murais, que humanizan a cidade e a fan máis fermosa. O propio autor estará na sesión para conversar coas familias participantes.

A Coruña: mesa Como sería un mundo gobernado por mulleres?

O luns 27 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Ágora da Coruña (Lugar da Gramela, 17), terá lugar a mesa Como sería un mundo gobernado por mulleres? Por Min mesma. Mulleres pioneiras, con Pilar García Negro, Andrea Jamardo, Eva Vieites e Silvia Seixas.
O aforo é limitado. Para asistir, enviar un mail a clasicosnunhahora@gmail.com
* Entre os asistentes sortearase un lote de libros da colección Mulleres Bravas da Nosa Historia, de Urco Editora, e dúas entradas para a estrea de Casa de Bonecas da compañía Clásicos Nunha Hora o vindeiro 30 de novembro ás 20h no Ágora. Colaboran co evento Asociación Veciñal Agra do Orzán, Livraría Suévia e Suma Ágora.