Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza
Este
sábado, 24 de febreiro, terá lugar o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza en Vila de Cruces, organizado pola comunidade educativa do IES Marco do Camballón.
Neste Encontro, que ten como obxectivo visualizar a nova xeración de improvisadoras da Nova Regueifa Feminista e servir de foro de reunión para as protagonistas deste movemento, achegaranse a Vila de Cruces máis de quince repentistas de todo o país. O alumnado do instituto das Cruces convida a toda a veciñanza da comarca e da Galiza a participar neste evento aberto ao público.
A xornada comeza ás 11:30 cunha Asemblea de Mulleres Regueifeiras, onde se valorará a situación actual do movemento repentista. Á tarde, ás 16:30 terá lugar unha mesa redonda sobre Regueifa e feminismo e a continuación un espectáculo de regueifa onde participarán regueifeiras de toda Galiza.
No espectáculo participarán regueifeiras locais como Nuria das Cruzes ou Lorena Medela, ao lado doutras repentistas como Alba María, Sara Marchena, Sofia, a Gharota da Ribeira, Marisa Otero, Pia Lago, Lara do Ar, Silvinha, Aurora Redondo, Olaia Liñares ou Joana Santos Vilela e Estrela do Courel, crianzas do Clube de Regueifa da Escola Semente de Compostela.
No evento haberá un momento para unha homenaxe póstuma ás persoas que no ano 1980 foron gravadas pola musicóloga suíza Dorothe Schubart en Sabrexo e cuxas cancións forman parte do Cancioneiro Popular Galego e do patrimonio inmaterial do noso país.
Despois do espectáculo, terá lugar ás 20:30 unha foliada regueifesta no Bar Txapela.
O IES Marco do Camballón está a impulsar a improvisación oral en verso xunto ao IES de Baio através do Proxecto Regueifesta e con este Encontro quere facilitar ao alumnado do Camballón unha experiencia de organización e autoxestión. O alumnado da materia de 2º da ESO “Regueifa e improvisación oral en verso” dinamiza, xunto ao profesorado que orienta esta actividade, un proceso de xestión cultural do que son protagonistas.
O alumnado do IES Marco do Camballón convida a toda a veciñanza de Vila de Cruces a presenciar o Encontro de Mulleres Regueifeiras ás 18:00 no Auditorio Xosé Casal e ás 20:30 no Bar Txapela, actividades gratuítas e abertas para todas as idades.”
Comunicado da AELG sobre o Entroido e o dereito á liberdade de expresión
Varios
acontecementos dos últimos tempos, e especialmente a feroz crítica que desde sectores ultraconservadores se dirixiu contra Carlos Santiago, pregoeiro do Entroido en Santiago de Compostela, parece retrotraernos a tempos que semellan máis propios do absolutismo medieval e preconstitucional de comezos do s. XIX que dun tempo democrático como debería ser o actual.
Semella que unha neoinquisición anda á espreita, violando e atentando gravemente contra dereitos e liberdades tan básicas como a de expresión ou de lingua.
Máis grave aínda se pensamos que ese ataque furibundo a unha liberdade individual ten lugar nun período festivo como o do Entroido, que é (ou debería ser) unha parodia do que nos pasa na vida, que é cando ridiculizamos o feo e o grotesco, o que nos dá medo e exaltamos a inversión de sexos, de xerarquías sociais…, escenificamos o prohibido, dentro dun marco espacial e temporal e normativo ben regulado e controlado. Unha catarse liberadora para compensar carencias de liberdade que boa falta nos fai como demostran certos ataques retrógrados aos dereitos máis elementais.
Mala cousa que as/os cómicas/os teñan que dar explicacións do seu humor. Mala idea que dramaturgas/os, escritoras/es e poetas teñan que render contas a quen non se toma nin a molestia de escoitalos en primeira persoa. Peor idea é para unha comunidade someter a censura ao entroido e as súas expresións, como se o humor da xente estivese sometido a decisións de parte ou puidese estar sometido a outra cousa diferente da liberdade de expresión e do desexo do pobo de facer a súa propia crónica humorística da vida.
Someter -porque este é o verbo auténtico- a liberdade de expresión de cómicas/os e artistas é o que se pretende con esta campaña de acoso a Carlos Santiago como pregoeiro do Entroido en Compostela. Someter o humor entroideiro para ver se logo se pode someter todo o resto das cousas: a liberdade de expresión, a liberdade de pensamento, a liberdade de movemento e todas aquelas liberdades que forman o catálogo dunha sociedade non só moderna, tamén socialmente madura.
Censurar un chiste ou un gag, censurar o humor, é a primeira forma de censurar a intelixencia, de acabar coa posibilidade de ter outro punto de vista para o mundo. Renegar do humor é como renegar da posibilidade de xogar coas ideas. É renegar de ter ideas.
Diante disto, a AELG quere mostrar a súa solidariedade con Carlos Santiago e rexeitar que esta liberdade esencial, que forma parte da nosa tradición cultural, sexa atacada, ao tempo que rexeita as críticas inxustificadas sobre o seu pregón de entroido e súmase a todas as persoas e colectivos que defenden o traballo e o humor de Carlos Santiago e a liberdade de ter o sentido do humor que nos permita ser máis intelixentes.
Sería moi grave, ademais, que se faltasen aos mínimos criterios de veracidade informativa se os feitos se elaboran “a partir dos recortes de declaración de testemuñas anónimas que disque estiveron alí”.
A AELG comparte o manifesto O Humor é Sagrado, da Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGa, polo que tamén “rexeitamos a terxiversación que das súas palabras se está a facer, así como o acoso ao que está a ser sometido a través das redes sociais e certos medios de comunicación tanto dixitais, como audiovisuais ou en papel, en defensa dun suposto respecto aos sentimentos, que ten como resultado un inxustificable ataque violento á súa persoa e á súa dignidade como traballador do humor e da dramaturxia.”
Bases do XXII Certame de poesía Francisco Añón
Vigo: presentación de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales
Suso de Toro: “Non leo literatura, nin galega nin non galega”
Entrevista
de Daniel Salgado a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“No escritorio de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) hai dous libros no medio do camiño, unha novela e unha comedia teatral “de enredo”. Outro máis, un ensaio, talvez nunca acabe de nacer. “Xa non creo que o escriba”, confesa. Título si tiña: Cómo intenté ser español y no me dejaron. Porque De Toro busca agora “o gozo de escribir unha historia”. Desa paixón alegre xurdiu Fóra de si (Xerais, 2018), a historia do neurocirurxián Ricardo Marzoa coa que, orgulloso, se desdí. Hai oito anos anunciara o seu abandono da literatura. “Recuperei a fe”, explica. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 284.
– Sermos Galiza (SG): En Fóra de si, como noutras obras súas, hai un axuste de contas. A literatura como axuste de contas?
– Suso de Toro (SdT): Si, porque, que significa un axuste de contas? Ir ao pasado resolver algo. O axuste de contas significa que alguén decide mirar atrás e ir ao pasado solucionar algo que estaba sen solucionar. E iso é o que fan os personaxes dos meus libros. Xa en Land Rover, que é unha novela escrita no ano 87, publicada creo que no 88. Pero en case todos os meus libros hai protagonistas que viaxan ao pasado para solucionar problemas que estaban non ocultos pero si arrombados, ou sepultados, ou mal enterrados.
– SG: Os anos en que estivo sen publicar novela…
– SdT: Saquei aquel libriño de Somnámbulos, en que aparece un psicanalista que volve aparecer en Fóra de si.
– SG: …foron os anos da gran crise do neoliberalismo. Percíbese na literatura galega?
– SdT: Sabes que pasa? Que non leo literatura, nin galega nin non galega. Raramente. Leo libros soltos en función dun tema que me interesa nese intre. A xente non o entende e cre que é por soberbia ou menosprezo, e non é o caso. Se te ves obrigado pola profesión, ou porque es un puramente un lector e non desencadeas un proceso creativo, podes seguir a actualidade. Pero se non, non. Eu non a sigo. Non hai que mirar para os lados. Ao principio é inevitábel: cando encetas un camiño tes que estabelecer o valor do que fas e comparalo co mundo real. E o mundo real ao principio é un mundo moi doméstico. É inevitábel ler os coetáneos. Pero logo non hai que facelo, entre outras cousas porque son demasiado parecidos a ti, porque o espírito da época é semellante. É desconcertante, e faiche dubidar da túa orixinalidade. Eu tiven fortuna de estabelecer unhas referencias moi altas, grazas a don Benito Varela Jácome. Afacerte a admirar é fundamental. O autor que non o faga non poderá emular, para construírse como autor. Se só te move a envexa dos veciños, non vas emular. Trátase de non mirar os veciños, senón o que admiras e intentar emular as súas proezas cos teus desafíos. Nese sentido fun a por todas. Por iso nunca me vin como autor galego. Eu son autor. Eu quero ser un autor en serio e o meu problema é que vou ficar limitado polos condicionamentos históricos da miña lingua. Estou fodido.”
Vigo: presentación de Os Megatoxos e a batalla de Rande, de Anxo Fariña
A Coruña: inauguración da exposición Galicia 1975-1979. A intimidade da imaxe
Foz: Manuel Miragaia apresenta Galeguia
A Mesa e a AGAL lanzan a campaña “Nós feiramos de segunda a sexta” polos días tradicionais
Desde
A Mesa:
“A Mesa pola Normalización Lingüística / PGL / A Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego, desenvolverán, ao longo do ano 2018, unha campaña para promover os días da semana tradicionais: domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado.
A campaña presentouse na segunda feira 19 de febreiro, e só seis días despois, no domingo 25 de febreiro ás 12:00 horas, realizarase un evento conxunto de apoio aos días da semana tradicionais na localidade de Padrón (na polbeira A Feira), con petiscos, música, poesía e intervencións de coñecidos e coñecidas intelectuais galegas.
Videoclip da campaña
A campaña irá especialmente dirixida ás crianzas, por un lado, e a medios informativos dixitais, por outro. Así, por un lado conta co apoio audiovisual da banda de música infantil Mamá Cabra, que compuxo a canción “Na segunda feira” co obxectivo de facilitar ás crianzas a aprendizaxe dos días da semana entre outros tesouros de que andan á procura. En canto ao material gráfico, editaranse chapas, manteis de mesa infantís e un calendario (ver anexo) que xa está a ser distribuído polos organismos promotores da campaña.
Implicación de medios informativos
Por outro lado, pedirán a medios de comunicación e outras plataformas dixitais para usaren estas formas de modo total ou parcial. A partir do día 19, será distribuído un bánner que informa do día do mes e da semana en que estamos. Premendo nel, seremos encamiñados para unha páxina web onde se ofrecerá información lingüística e histórica sobre os días da semana na mesma normativa ortográfica que normalmente usa o sitio web en que o bánner sexa inserido. A información contida nesta páxina web contará cunha unidade didáctica para ser explorada no ensino primario.
Os días da semana tradicionais
Algunhas denominacións dos días da semana tradicionais resistiron como maioritarias até ben entrado o século XX, mais foron caendo no esquecemento cando na escola se comezaron a promover outras formas que, aínda que tamén fosen xenuínas nunha zona máis pequena do noso territorio oriental, en xeral eran produto da adaptación fonética dos días casteláns: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo.
Aproveitando o feito de aínda estaren vivas as formas tradicionais da maior parte do territorio (aínda que só en persoas moi vellas), e de estaren admitidas pola norma oficial do galego, os colectivos promotores afirman querer darlles un impulso e evitar a súa desaparición.
Segundo A Mesa e a AGAL, para as persoas preocupadas polo galego “é fundamental que saiban que temos forza para recuperar as nosas palabras aínda que sexa no límite da desmemoria. No caso concreto dos días da semana, a súa revitalización sería moi motivadora, porque afecta unha serie de palabras usadas diariamente por calquera persoa”.
Mais aínda hai máis motivos:
– É un sistema lexical moi emblemático dos países lusófonos, despertando o noso orgullo pola pertenza a este tronco lingüístico e pola capacidade comunicativa do galego no mundo.
– É un sistema lexical moi relevante na nosa historia lingüística e política, pois o seu nacemento está intimamente vinculado ao Reino da Galiza (Galliciense Regnum) dos séculos V e VI.
– É un sistema único do galego-portugués entre todas as linguas do mundo.”





