A Coruña: recital de Martín Veiga e Eiléan Ní Chuilleanáin no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 8 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Martín Veiga e a poeta irlandesa Eiléan Ní Chuilleanáin. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2017.

Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do sábado 6

O domingo 7 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 6:

19:30 h. Presentación de O caso Quintana, de Miguel Alonso, publicado por Belagua.
20:30 h. Presentación de Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez, publicado por Belagua.

Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do venres 5

O venres 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. Presentación de A morte do meu pai, de Afonso Eiré, publicado por Hércules.
19:30 h. Presentación de Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville, publicado por Baía Edicións.

Amadeo Cobas: “Hai que acompañar a calidade literaria coa busca de lectores”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Amadeo Cobas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Co’A cacería, vostede gañou o Premio Cidade Centenaria de Ribeira. Que foi primeiro, o libro ou a convocatoria?
– Amadeo Cobas (AC): Non. Eu tiña o libro escrito e andaba nesa fase de dárllelo a ler ás miñas amizades. E foi a miña grande amiga, tamén escritora, Clara do Roxo, quen me falou deste certame. Xa te podes figurar como é presentarte a un premio. Ti deixas alí o orixinal, esperas, case que te esqueces da historia e de repente un día chámante e dinche que es o gañador. Para min foi unha grande alegría porque me permitiu publicar con Xerais, unha editorial coa que levaba tempo querendo traballar. Eu fun editor e sei do importante que é, como autor, estar no catálogo dunha das grandes.
– B: Como xorde esa historia prehistórica que se conta n’A cacería?
– AC: Xorde no Pireneu. Cando vivín en Aragón, ir á montaña pirenaica foi o meu xeito de aproximarme a Galicia. Aragón é un lugar máis ben árido, moi influído polo deserto dos Monegros. Así que o verde haino que ir procurar ás serras. Alí encontrei unha paisaxe que, por unha banda, me recordaba ao da miña terra e tamén descubrín unha afección que me acompaña até hoxe: camiñar. E nesa experiencia foi aparecendo esta historia, na que a montaña está moi presente. (…)
– B: Cal é a súa rutina creativa?
– AC: Depende do momento no que a obra estea. No primeiro momento vou construíndo o relato na miña cabeza. Doulle forma dun xeito primeiro desordenado, que se vai sistematizando pouco e pouco. Aproveito moito as camiñadas para ordenar ideas. Moitas veces vou polo medio do monte e teño que parar para anotar unha cousa. Incluso houbo veces de suspender unha excursión porque tiña que voltar á casa con urxencia e escribir.
Cando a obra xa está máis ou menos documentada e xa teño unha idea do que quero facer, escribo, a man, o primeiro texto, case toda a primeira escritura fágoa así, nun caderno e lonxe dunha mesa. Só cando está case todo rematado, paso o manuscrito ao ordenador.
– B: É vostede un escritor que estrutura o traballo ou vai creando a dinámica da obra conforme a vai escribindo?
– AC: Eu antes de poñerme a escribir unha liña sei como empeza, como acaba, cantas páxinas (máis ou menos) vai ter, que van facer os personaxes… Necesito ter todo controlado. Por unha sinxela razón: non quero sentir nunca a síndrome da folla en branco, notar que non sei cara a onde vou. (…)”

A Coruña: Ramalletes editoriais, na Biblioteca Municipal Ágora

Complementariamente, haberá unha campaña en redes sociais (Instagram, Facebook e Twitter) para que a xente se sume á proposta subindo unha foto que inclúa: un libro en galego (se pode ser dunha pequena editora, mellor), un elemento natural (flor, ramiña, etcétera), un sorriso e os cancelos #ramalletesbmc e #letrasgalegas2017. A idea é que participe o maior número de persoas posible para poner en valor o idioma como valor de futuro e emprendemento, o artesanal e natural para apostar pola calidade e un xesto que sume.
Álbum en Facebook cos ramalletes.

A Coruña: representación de Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro

O xoves 4 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Calvo Sotelo da Coruña, dentro do Certame de teatro escolar e afeccionado Candilejas Don Bosco 2017, o grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda representa a obra Palabras de víspera, de Álvaro Cunqueiro.