Moncho Iglesias: “A poesía de Darwix chega a todo o mundo porque é o berro dun pobo”

“A poesía de Darwix é unha poesía fácil, que pode chegar a todo o mundo, porque é o berro dun pobo, é como ler panfletos dunha manifestación, que tamén poden ser poéticos”. Así define Moncho Iglesias os textos do poeta palestino, que xa se poden ler en galego grazas á escolma bilingüe (árabe-galego) de 48 textos que vén de publicar Barbantesa baixo o título de Carné de Identidade. Os textos, que abranguen todas as etapas da obra de Mahmud Darwix, non son 48 por casualidade, senón que conscientemente se quixo facer referencia ao ano da ocupación de Palestina por Israel. Iglesias, tradutor e poeta (Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Positivas) coñece ben a Darwix e coñece ben Palestina, pois dende hai anos é profesor na Universidade de Belén. O proxecto de traducilo ao galego naceu coma un hobbie, hai uns tres anos, e como un intento de deitar “unha ponte entre o árabe e o galego, entre Palestina e Galicia”. O carácter bilingüe da escolma permitirá, ademais que o libro se poida distribuír dalgún xeito en Palestina: “Estamos pensando en facer presentacións alí, para dar a coñecer Galicia e a cultura e lingua galegas, do mesmo xeito que coas presentacións que facemos en Galicia damos a coñecer Palestina”. É a primeira vez, ademais, que se publica en galego un libro traducido do árabe, pois até o de agora só tiñamos algunhas traducións de textos soltos, coma as realizadas por Xavier Frías Conde para A Trabe d’Ouro.” Vía Praza.

Parlamento das Letras: Fina Casalderrey

Entrevista de Armando Requeixo a Fina Casalderrey, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Fina Casalderrey (FC): Se soubese o que lles falta xa estaría a facer coma o home de negocios que atopou o Principiño no cuarto planeta que visitou. Sería eu quen me fixese dona das estrelas porque a ninguén se lle ocorrese antes. Non sei se sobran páxinas, autores…, pero estou certa de que aínda nos falta crer en nós mesmos sen agardar a que primeiro nos descubran fóra. Hai unha diglosia que vai máis alá do uso da lingua e que nos fai crer que todo o que nos vén de fóra é mellor por forza. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– FC: Un fervedoiro difícil de avaliar, pero un fervedoiro á fin. E iso antóllaseme estupendo!! Teñen que pasar anos para que todo o que agora se move, fai ruído ou abalea, apousente e ver que queda. E aínda así, pode haber valiosas ausencias. Cantas veces pasan décadas ata que se rescata unha obra mestra que no seu día foi ignorada? E outras intúo que aínda seguen a agardar. Hai xente nova que escribe sen complexos, sen vivencias persoais de ventás cegas ao coñecemento do noso, sen que os séculos de silencio e escuridade os habiten, porque non formaron parte do seu presente, que leron en galego e que saben de nós mesmos dende o comezo dos seus días… e a min paréceme xenial. (…)”

“As letras de primeira man”

O crítico literario Ramón Nicolás vén de abrir no seu popular blog Caderno da Crítica un espazo para a publicación de manuscritos inéditos de autores e autoras galegas. Celso Emilio Ferreiro inaugurou a sección, na que tamén se poden atopar textos de Agustín Fernández Paz, Marta Dacosta, Claudio Rodríguez Fer, Neira Vilas, Carmen Blanco ou Arturo Casas. O pasado 3 de agosto Ramón Nicolás presentaba o espazo, titulado Manuscritos, co obxectivo de “lanzar á rede todo tipo de textos -cartas, avisos, apuntamentos, capítulos, poemas, ensaios ou fragmentos de obras literarias-” para así “contribuír a visibilizar unha parte do traballo cotián” dos autores e autoras. A sección abríase cun breve texto da pluma de Celso Emilio Ferreiro: “Hoxe, máis que nunca, o poeta está obrigado a xustificarse como ser social”. Nas entregas seguintes atopámonos coa primeira páxina do borrador de Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz (o resto foille roubado en Madrid). Unha boa maneira de coñecer máis de preto o proceso creativo do premiado autor e en xeral de outourgar relevancia á palabra manuscrita e á caligrafía, nun momento no que se atopa en crise. A sección, en pouco máis de dez días, conta xa con achegas realizadas ex profeso, coma a da poeta Carmen Blanco. Tamén se poden atopar outros manuscritos, coma o facilitado por Xosé Neira Vilas, que cedeu a segunda páxina do orixinal de Aqueles anos do Moncho. Ou tamén os Haikus da aula dez de Arturo Casas: catro textos de finais dos noventa, escritos “mentres vixiaba algún exame na Facultade de Filoloxía compostelá”. (…)” Vía Praza.

“Positivas publicará en xaneiro a obra completa de Vidal Bolaño”

“Roberto Vidal Bolaño estreou moito e publicou menos. E o publicado quedou disperso en editoriais diferentes e con edicións a estas alturas esgotadas. No 2013 o Día das Letras Galegas estará dedicado a esta figura convertida en referente principal do teatro galego. Para ir cubrindo eivas, Edicións Positivas ten previsto ter publicado no mes de xaneiro próximo as obras completas do escritor. A intención desta colección de Positivas é reunir en seis volumes toda a obra de Vidal Bolaño, seguindo o criterio de épocas artísticas fixado por Xosé Manuel Fernández Castro no seu libro sobre a traxectoria do dramaturgo publicado por Laiovento. Os seis volumes irán agrupando as obras seguindo ese criterio artístico e temporal, aínda que segundo o editor, Francisco Macías, «algunha das épocas terán que estenderse en máis dun volume». A intención desta colección de obras é que sexa moi asequible. Macías explica que, de acordo coa familia de Vidal Bolaño, teñen a «intención de facer unhas obras completas moi manexables desde o punto de vista do formato e economicamente igual de asequible». (…)” Desde La Voz de Galicia.

Parlamento das Letras: Xosé María Álvarez Cáccamo

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé María Álvarez Cáccamo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Falta normalidade: presenza suficiente dos nosos libros nos escaparates e nos andeis das librerías, circulación fluída e natural dos mesmos entre as mans dunha sociedade lectora galega non constituída preferentemente por escolares e profesorado, escritores e críticos, políticas de apoio e difusión por parte da administración, canles axeitadas para a visualización pública da literatura galega. Fáltanos, pois, a paisaxe da normalidade lingüística e cultural, máis ameazada hoxe por causa do rearme centralista dos gobernos de Galiza e de España. Como lector, a min sóbranme a hipervaloración de certos discursos poéticos atonais que se expresan en verborrea hermética de mal disimulada base libresca ou daqueles outros que asentan a súa proposta nunha ollada inxenuísta e elemental adobiada con chiscadelas de pretendida sorpresa provocativa. A carón destas dúas liñas de escola, que non me interesan, conviven hoxe en Galiza voces e rexistros variados, moi atractivos, densos e necesarios. Sobra tamén o exceso promocional de produtos narrativos febles e de consumo que con frecuencia desvían a atención que se debería prestar ao texto literario concibido como proposta para unha recepción activa e enriquecedora. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XMAC: Na resposta á pregunta sobre as eivas e o prescindíbel nas nosas letras ficou apuntada algunha valoración do presente literario. Unha consideración restrinxida ao panorama textual colectivo de hoxe permite apreciar un bo nivel xeral de calidade, con algúns autores e obras que sobrancean por riba do horizonte medio. Como en todas as literaturas do mundo. A normalidade do discurso literario galego contrasta coa situación anormal do contexto sociocultural e político. (…)”

Andrés Torres Queiruga: “Rosalía nin foi santiña nin atea”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Van xa 32 anos do seu ingreso na Academia, o que o converte no máis veterano da rúa Tabernas. ¿Como lembra aquel día?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): Para min foi unha sorpresa non esperada. Vivín ese día con ilusión, sobre todo coa idea de colaborar na nosa cultura desde unha institución como é a Igrexa, que non acaba de encontrar o seu sitio xusto. (…)
– LVG: ¿Cre que a Academia necesita máis sangue novo?
– ATQ: Evidente. Pero sempre nesa dialéctica das idades, que marcan a continuidade fecunda da memoria do pasado coa sempre inédita aventura do porvir. O de «inmortais» xa pasou, pero as raíces son importantes.
– LVG: ¿E quizais algunha académica máis?
– ATQ: Máis evidente aínda. É preocupación común e tamén necesidade. Non por unha simple equiparación numérica, senón porque hoxe contamos con moitas e que están moi preparadas. (…)
– LVG: Comentou no seu discurso que Rosalía «é unha mística que non pasou da noite escura».
– ATQ: Ese é un tema fascinante: Rosalía nin foi santiña nin atea. Foi unha buscadora inconformista, con dúbidas abisais e fulguracións místicas. Non encontrou nin a igrexa nin a teoloxía que lle axudasen a ver respostas axeitadas. Pero era demasiado auténtica e profunda como para resignarse. (…)”

Cincuenta e un orixinais concorren ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo

Cincuenta e un orixinais concorren ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos.
O pasado 31 de xullo rematou o prazo para a recepción de orixinais para participar no V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O xurado reuniuse para recoller os traballos presentados, nun total de cincuenta e unha obras, cifra algo superior á das anteriores convocatorias. O fallo farase público nos primeiros días de setembro, en data que se anunciará nos medios de comunicación.
O premio dotado con 3.000 €, peza conmemorativa e a publicación da obra premiada está sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e será entregado nun acto a celebrar no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.