Manifesto en defensa do Ateneo Ferrolán

MANIFESTO EN DEFENSA DO ATENEO FERROLÁN

“As persoas abaixo asinantes, rexeitan drasticamente a operación que está levando a cabo goberno Popular do Concello de Ferrol, de ocupar a actual sede do Ateneo con outras entidades, reducindo o espazo ateneísta a unha pequena parte na que dificilmente poderían desenvolverse as actividades habituais da entidade. Igualmente, dito goberno Popular pretende cambiar o nome do edificio, Ateneo Ferrolán, polo de Centro cultural y cívico Concepción Arenal.
Os edificios, situados na rúa Magdalena 202 e o primeiro andar do número 204, conforman a sede do Ateneo Ferrolán dende hai máis de trinta anos, e así son coñecidos pola cidadanía. Un nome, Ateneo Ferrolán, que en sí mesmo garda o concepto fundamental que encerra a entidade: aberta, plural, democrática e defensora dos valores culturais do noso país. Características de especial recoñecemento no ámbito local, nacional e estatal.
O Ateneo ferrolán, creado en Ferrol en 1879, é un lugar aberto á cidadanía e impulsor dunha permanente actividade de carácter cultural, social e progresista, en tódalas suas manifestacións. Por outra banda, posúe unha biblioteca-hemeroteca de grande interese, utilizada diariamente por lectores e investigadores.
É por todo isto que non podemos permitir que o Partido Popular, no uso da súa maioría absoluta no Concello de Ferrol, distribúa arbitrariamente os espazos do Ateneo, do mesmo modo que pretenda facer desaparecer o seu nome asociado ao edificio. Feitos os dous que semellan provir do desexo de acalar o tradicional desenvovemento cultural da entidade en favor de Ferrol e da cultura galega.

Se queres asinar o manifesto, podes mandar o teu nome e DNI ao seguinte enderezo electrónico: rosamendez.ferrol@gmail.com ou ben entrar nesta ligazón e facelo directamente.

GRACIÑAS!!!!”

A Coruña: actividades destacadas do domingo 5 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do domingo 5 de agosto son:

19:00 h.: Víctor F. Freixanes asinará exemplares da novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia.
19:00 h.: Presentación do libro Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado en Everest Galicia.
20:00 h.: Aid presenta o libro-disco Rapoemas, publicado en Galaxia. Presenta Francisco Castro.

Manuel Rivas recolle os «murmurios» de cativo en As voces baixas

“Do silencio ao murmurio. Manuel Rivas ergue a voz e pasa de Todo é silencio, a súa última novela, a As voces baixas, o seu novo libro. (…)
Antes da lectura, apuntaba o escritor: «Máis que a palabra memoria gústame murmurios; o tempo pasado volve como unha deconstrución acabada e ten ese proceso de murmurio». Con esas voces baixas do pasado, Rivas vai levantando de novo os murmurios da súa infancia e adolescencia, «un proceso de reconstrución do que nace outro tempo que está por enriba do presente e do pasado; é como estar situado no intemporal, onde desaparece o día e a noite… Sentinme como se estivese no centro do castro», de Elviña, lóxicamente, xa que é unha das xeografías da súa infancia, un lugar cheo de espazos evocadores, como aquela escaleira do lugar de Corpo Santo na que «escoitaba falar aos maiores». Coas historias, coas persoas que deixaron a pegada na súa memoria, coas voces que rodearon a súa infancia, o autor de A lingua das bolboretas escribe este libro porque «a orixe da literatura ten moito que ver con iso: o proceso de reconstrución da memoria, é a viaxe de Ulises, a Odisea; a boca da literatura está aí, cando Ulises recoñece a Penélope, cando o seu pai recoñece que é Ulises porque sabe o número de árbores que hai na horta…».” Desde La Voz de Galicia.

A Coruña: actividades destacadas do sábado 4 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do sábado 4 de agosto son:

20:00 h.: Presentación De Xente Nova a Brais Pinto, de Xosé Fernández Ferreiro, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
20:45 h.: Presentación de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde, publicado en Xerais. Participan: Fermín Bouza, Manuel Bragado e o autor.
21:15 h.: Presentación de A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, publicado en Xerais. Participan: Suso Sambade, X. H. Rivadulla Corcón e Manuel Bragado.

Manuscritos: Celso Emilio Ferreiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) Comezo, non podía ser doutro xeito, con Celso Emilio Ferreiro, neste ano do centenario do seu nacemento e cando se cumpren cincuenta anos de Longa noite de pedra. O texto é inédito, ben revelador da súa estética e goza, ao meu ver, de plena actualidade. Extráese do Libro de Notas que acompañou ao autor nos derradeiros anos da súa vida (cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro) e que incluía esbozos de poemas, reflexións, pensamentos, apuntamentos de ideas, etc.”

Cadeiras, Sober: VI Encontro á luz da lúa, da A. C. O Colado do Vento

O venres 3 de agosto, sobre as 21:00 horas, en Cadeiras (Sober), terá lugar un encontro poético e musical coa participación de Xosé do Incio, coa zanfona, Olga Novo e Xosé Lois García, poetas, Carmeliña, rapsoda, Teresa Grau, contacontos, Rosa García, poeta, os músicos Pucho e Lelo, o grupo O Trícole, os guitarristas Sergio e Joel e Fernando Estévez coa gaita. O acto está organizado pola A. C. O Colado do Vento.

A Coruña: actividades destacadas do venres 3 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do venres 3 de agosto son:

18:45 h.: Presentación do album ilustrado Xiana, a nena pirata, da escritora María Canosa, publicado en Everest Galicia, ilustrado por Noemí López. Xunto a elas estará no acto Irene Penas.
20:00 h.: Xabier P. Do Campo presenta o seu libro Mans, publicado en Everest Galicia.

Pregón de Cesáreo Sánchez Iglesias na Feira do Libro da Coruña 2012

Recollemos aquí o texto do pregón de Cesáreo Sánchez Iglesias na inauguración da XLI Feira do Libro da Coruña, lido o 1 de agosto de 2012:
“A miña gratitude á Federación de Libreiros, que me honra co agasallo de abrir as portas a esta feira do libro de A Coruña. Esta é a feira do libro dunha cidade literaria, galega, que define o seu alto nivel cultural polo numero de librarías que é capaz de soster a súa cidadanía, polas editoriais, polos escritores e escritoras, polos lectores que a habitan e a soñan cada día, pola rede de bibliotecas públicas, verdadeiro referente na Galiza, cos seus 90.000 socios.
Nunha feira do libro, confluímos os escritores, os editores, os lectores e un anaco dese fogar común que son as librarías. Lugares tan necesarios neste tempo de excesos da virtualidade, que arrecenden a papel novo, que nos leva á infancia cando estreabamos libros de texto nos primeiros dias do outono.
A libraría é o lugar máxico onde o libro, co seu sabio consello, vólvese algo único, singular, súmase á lectura de outro libro e complétase, todos os libros complétanse entre si e imos así construíndo a casa do noso soñar.
A libraría, a biblioteca son o lugar onde os libros vanse encontrando coma se atopan nunha praza os amigos e coñecidos, os seres amados e óllanse uns a outros e fálanse e fálannos coma nos falan os brancos da lúa fariñenta de Agosto.
A libraría é lugar de encontro de afíns e diversos, é lugar de conversa ilustrada e na que o noso libreiro de cabeceira coida da nosa saúde cultural, dános noticia de libros novos, sabe da biografía das nosas lecturas, pois nós somos tamén a historia das nosas lecturas. A libraría é lugar onde sempre é a primavera, na súa breve eternidade, onde sempre está a nacer a flor e o froito maduro e intemporal: o libro. Libros novos, soños novos, o saber de todo tempo.
A biblioteca en si mesma é un libro de libros. A biblioteca fai que a cidade, a vila, sexan tamén coma un grande libro: o libro da memoria, na que os humanos imos escribindo a nosa humilde e anónima biografía e que lemos, colectivamente, en voz baixa.
A Coruña é tamén unha grande biblioteca aberta á cidadanía co seu saber de séculos, onde cada tempo ten a súa caligrafía. Por iso, hoxe, A Coruña, na súa feira do libro, vístese de festa e pon, con ledicia infantil, os seus zapatiños de charol.
Os nomes das súas librarías, das súas editoriais, dos seus escritores e escritoras son os nomes que tatúan a fina pel da cidade con topónimos con nomes de rúas que, que son a voz tremelucinte da cidade.
Ela, A Coruña, tamén é unha grande lectora, ela tamén le na luz das estacións ou no vento do mar ou só na chuvia, cando molla a súa pel transparente.
Cando pousamos os ollos nos nomes antigos de librarías como Carré, Lino Pérez, Roel, Colón, Lorman, A poesía, Zincke, Villardefrancos, elas non son o pasado, elas son a memoria do presente pois, humanas, naceron e viviron e morreron para se encarnar hoxe en novas librarías, en novos nomes que habitan a cidade de A Coruña e que hoxe nos acollen nestes Xardíns de Méndez Núñez.
O libro galego moderno e A Coruña son coma nai e fillo, ao longo de máis de douscentos anos. Esta cidade tivo moita responsabilidade na creación do libro galego para que, hai douscentos anos, entraramos na modernidade, coma un dos pobos cultos da Europa. Da mao do editor o coruñés Xosé Fernández, no 1810, o primeiro libro impreso sae en Imprenta da Vila, Proezas de Galicia. Manuel Pardo de Andrade, despois de ter fundado catro xornais na Coruña edita un libro de rogos para se librar da inquisición, e é tratado polas autoridades do momento de “Impío e demócrata en grao sumo”. Da mao de Uxío Carré, libreiro editor e poeta, na Libraría Regional, na Cova Céltica, créase a Real Academia Galega. Ánxel Casal na Praza de Maria Pita tiña a editorial Nós, editorial fundadora.
Elas gardan a memoria da nosa biografía persoal e colectiva, nos libros de onte e de hoxe. Axúdannos a entendermos cada momento da historia no que, páxina a páxina, foi nacendo unha Galiza anovada en cada lugar de noso, amantiño, que se suma e forma parte do corpo da Terra Nosa que hoxe vivimos e que temos a responsabilidade de deixar culturalmente máis galega e máis nosa para as xeracións futuras.
O libro dinos que existen os demais e que temos obrigas éticas. O libro irmándanos aos galegos co mundo ao lle ofrecermos unha literatura construída por unha cultura entre as máis fértiles e antigas da Europa.
É determinante que a nosa sociedade cos seus poderes públicos á fronte, coide das súas editoriais, das súas bibliotecas, das súas librarías, dos seus escritores, porque son elas e eles as que enxendran con maos sabias, maioritariamente anónimas, a alma cultural da Galicia toda. Son as maos que sosteñen o hoxe, a insubornábel esperanza desta terra.
Non é viábel un sistema literario dunha cultura milenaria como a galega sen unha industria editorial viva. O libro dálle a voz, no noso idioma, a este anaco da humanidade que somos os galegos, cos libros dicimos como somos, que temos para ofrecer de singular para enriquecermos á humanidade.
Neste difícil tempo da saturación audiovisual acrítica, é importante que as novas formas de comunicación e de coñecemento estean integradas no apoio ao devir do libro, pois el axudarános a non ser espectadores pasivos.
Ler, dinos Italo Calvino, é ir ao encontro de algo que está a piques de ser e aínda ninguén sabe o que será…. Ler. O numero de lectores dun país dan a medida da calidade cultural e democrática que hai na súa sociedade. Por iso un neno lector sempre é unha esperanza.
Todos necesitamos comunicármonos cun libro para ser aquel que soñamos ser, cando enchiamos o noso caderno de nenos de todas as cores do arco iris. No libro atoparemos as palabras como recén nacidas, aínda coa súa sede de inocencia.
Hoxe os libros veñen a este dia vestidos de domingo, veñen á súa festa e agardan que os acollamos nas nosas casas, que os fagamos familia nosa, veciño de porta, amigo, primeiro amor inesquencíbel. Libros que escribimos en galego porque escribimos para toda a humanidade. Porque somos este anaco da humanidade que se chama Galiza.
Na nosa terra, toda feira ven acompañada da súa festa e, na Coruña, invito a veciños e visitantes a todos os lectores, á festa da luz que, para o noso amado Álvaro Cunqueiro, é luz de mañá submariña. A festa desta luz de Agosto que eu ollo de mañanciña cedo, dende a miña praia atlántica, nun incendiado amencer onde as galerías fánseme un vagalume de prateado cristal. Invítolles a que paseen esta feira do libro á luz das letras nesta mañá de Agosto, cando o sol doura a cidade coa súa luz sen idade, a mesma que cando chega o solpor vai co seu azul a se salferir no mar para o facer azul violáceo.
Nestes fermosos xardíns ilustrados paseemos as casetas das librarías e editoriais á sombra dos magnolios coas súas flores coma grandes bolboretas de azas cor branco marfil, que nos dan a súa luz e así poderemos ser Madame Bovary ou ser Simbad ou Hamlet ou ser só orballo na fronte de Rosalía.
Sexan por nós amadas para que veñan a nos visitar e sexan fundadoras dos nosos soños.
Agárdannos, chámannos atravesando séculos e mares lonxincuos e acrisolan na escrita da branca páxina que todo ser humano temos no noso interior, a elas sabias conselleiras, amigas, vaiamos. Non as fagamos agardar.”

Arteixo: nova edición dos Encontros Milpedras

O xoves 2 de agosto, a partir das 20:00 horas, na praza da Rúa da Capela de Arteixo, terá lugar unha nova edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Modesto Fraga, Mou de Lugh e Óscar de Souto, xunto a Karlos Barral e Alberto Laso na parte musical, e Javier de la Rosa como creador gráfico. O acto, organizado pola A. C. Encontros Milpedras e 3D3 Audiovisual, será presentado por Rubén Fenice, director do Taller de Litografía Milpedras.