Fran Alonso gaña o XII Premio de Novela por Entregas de La Voz

“A historia de dous personaxes marxinais e dunha camioneira (…) son os protagonistas da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz, presentada baixo o lema A punta de pistola e cuxo autor resultou ser Fran Alonso. O fallo coñeceuse onte no transcurso dunha cea literaria celebrada nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre. (…)
Alonso explicou, nada máis recoller o premio, como o suceso que lle inspirou a novela demostra que «a realidade, cando quere, pode ser máis inverosímil que a ficción», e que asumira o reto de converter aquela inverosimilitude nun relato literario verosímil. No seu discurso, o galardoado tamén recordou outra fonte de inspiración tirada da realidade, a galega Celia Rivas, que en 1932 se converteu na primeira muller camioneira de España. Para o seu autor, A punta de pistola é unha road movie de «ritmo trepidante», con vocación de «enganchar» ao lector, pero que tamén quere propoñer unha reflexión sobre a «desestruturación social», entre outros temas, e saudou unha iniciativa, a do premio e a dos Relatos de Verán, que «levan a literatura galega ata milleiros de fogares». A novela publicarase no xornal e na súa edición dixital ao longo do mes de agosto, ao ritmo dun capítulo por día, nas Páxinas Literarias. O galardón, co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, ten tamén unha dotación económica de 6.000 euros.” Vía La Voz de Galicia.

Arteixo: inauguración da Libraría Á lus do candil

O venres 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, inaugúrase en Arteixo a libraría Á lus do candil, na rúa Historiador Vedía, 3, baixo, codirixida por Modesto Fraga. No acto estarán presentes os poetas Miro Villar, Lucía Novas, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Marilar Aleixandre, que porán voz a poemas da súa autoría. Asemade, haberá unha actuación musical a cargo da intérprete galega María Xosé Silvar, “Sés”. Os asistentes poderán disfrutar, tamén, coa exposición pictórica do artista Nolo Suárez.
Crónica posterior en Sermos Galiza.

Parlamento das Letras: Xavier Queipo

Entrevista de Armando Requeixo a Xavier Queipo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xavier Queipo (XQ): Fáltalle proxección internacional, pois por desgraza moitas traducións teñen que pasar antes polo castelán e os editores en castelán non están polo labor de procurar talento nos escritores galegos cando teñen milleiros de escritores que escriben directamente en español, sexa con corda arxentina, mexicana ou colombiana, hoxe entre as mellores do panorama en castelán. Poderase falar das fabas contadas dos escritores galegos contemporáneos que acadaron unha certa sona nas letras hispánicas, mais non hai que esquecer que para iso tiveron que pasar polas “horcas caudinas” e traballar de mercenarios na lingua do Imperio. Cadaquén coas súas opcións, mais non se poñan como exemplo.
O que sobra é esa ollada umbilical que todos os sistemas literarios pequenos en lectores teñen. Hai que arriscar e tirar para adiante. Se os islandeses con tantos habitantes como Vigo tiveron un Premio Nobel, nós tamén podemos, mais para iso é necesario saír fóra, abrir as fronteiras e dicir en galego o que pasa no mundo, non soamente no noso país, aínda que tamén, por suposto, mais tamén no noso interior e nas nosas interaccións… (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XQ: O máis importante é que temos futuro, que hai escritores novos que escriben marabillosamente, que os lectores irán chegando coa calidade e a eliminación progresiva desa escrita antropolóxico-cultural que tivo o seu momento, mais que agora xa comeza a facer dano, coa renovación nas institucións (tan necesaria) e coa fin da cultura dos escritores mortos. Hai que celebrar os escritores vivos, darlles a oportunidade de espallar as letras galegas por todos e cada un dos recunchos do país e polo mundo adiante, polas academias e os departamentos de literatura. Non hai que ter medo, patrimonio da dereita inmobilista. Hai que arriscar, que tirar para adiante, que facer agromar cen mil flores e milleiros de obras e pensamentos novos. Contamos, xa dixen, coa nosa capacidade de traballo, chámese resistencia e capacidade de persistir, de reproducirse, de perdurar no tempo e, de sempre, cunha forza interior invencíbel. (…)”

Castelao foi acollido como un debuxante revolucionario na URSS: entrevista con Xesús Alonso Montero en Radiofusión

“Entrevista con Xesús Alonso Montero sobre o seu libro Castelao na Unión Soviética en 1938. “Os soviéticos decatáronse da importancia política e artística dos debuxos de Castelao” afirma o catedrático de Lingua e Literatura Xesús Alonso Montero. O dirixente do Partido Galeguista, antes de rematar a guerra, visita tamén Cuba e Estados Unidos, dentro dunha campaña diplomática dirixida a lograr apoios para a Segunda República. “Castelao cambia logo a raiz do pacto xermano-soviético, que foi un golpe moi duro para vellos militantes do Partido Comunista, e para persoas que tiñan simpatía coa Unión Soviética, pero que se veu abaixo” salienta Alonso Montero. Aquí se pode escoitar a entrevista en mp3.” Vía Xerais.

Santiago: presentación de Xardín de inverno, de Ledicia Costas

O mércores 18 de xullo, ás 20:30 horas, na Librería Lila de Lilith (Travesa, 7, baixo) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado por Everest Galicia. No acto, xunto á autora, participan Daniel Puente Bello e Montse Pena Presas.

Vidal Bolaño ou o laboratorio de cultura que fai país

Reportaxe en Letra en Obras:
“(…) Cando lle preguntamos sobre os motivos da proposta de Vidal Bolaño como homenaxeado para o ano 2013 Margarita Ledo fala, en primeiro lugar, de “revisitar todo o que foi a súa traxectoria creativa”, que considera fóra de calquera dúbida. Mais a catedrática de comunicación da USC di que tamén pretenderon “incidir no momento cultural de moita inactividade para o teatro galego, que está a sufrir unha certa exclusión dentro das políticas culturais que se están levando adiante en Galiza”. Ledo defíneo como un “grande organizador”, ao falar do seu traballo con Grupo Antroido ou Teatro do Aquí, destacando “esa reflexión sobre a combinación do traballo creador coa organización deste dentro do sistema cultural no que funciona, que é o galego”. O seu compañeiro Manuel Lourenzo sintetiza este complicado exercicio de funambulismo ao defender que Vidal Bolaño “soubo utilizar os medios dos que dispoñía para crear unha plástica moi característica, e nunca agardou polo público: sempre o foi a buscar”. Comezar polos vieiros que abre a xestión da homenaxe ao dramaturgo no eido da planificación cultural non supón perder de vista a potencia anovadora da obra que deixou atrás de si. Neste sentido, Dolores Vilavedra cualifica a escolla de “idónea”, referíndose ao dramaturgo como “o máis ‘teatral’ dos escritores de literatura dramática” e destacando nel “a súa versatilidade e a súa capacidade para abordar temas de actualidade”. Nesta liña inciden tamén os dous grandes dramaturgos contemporáneos de Vidal Bolaño como son o académico Euloxio Ruibal, quen destaca “o seu interese polo popular e a valentía na abordaxe de temáticas contemporáneas que resultaban incómodas e das que a maioría fuxía”, e o propio Manuel Lourenzo, quen recorda que “meteu a maza na cabeza das cousas que estaban a pasar” (…)”