Vidal Bolaño ou o laboratorio de cultura que fai país

Reportaxe en Letra en Obras:
“(…) Cando lle preguntamos sobre os motivos da proposta de Vidal Bolaño como homenaxeado para o ano 2013 Margarita Ledo fala, en primeiro lugar, de “revisitar todo o que foi a súa traxectoria creativa”, que considera fóra de calquera dúbida. Mais a catedrática de comunicación da USC di que tamén pretenderon “incidir no momento cultural de moita inactividade para o teatro galego, que está a sufrir unha certa exclusión dentro das políticas culturais que se están levando adiante en Galiza”. Ledo defíneo como un “grande organizador”, ao falar do seu traballo con Grupo Antroido ou Teatro do Aquí, destacando “esa reflexión sobre a combinación do traballo creador coa organización deste dentro do sistema cultural no que funciona, que é o galego”. O seu compañeiro Manuel Lourenzo sintetiza este complicado exercicio de funambulismo ao defender que Vidal Bolaño “soubo utilizar os medios dos que dispoñía para crear unha plástica moi característica, e nunca agardou polo público: sempre o foi a buscar”. Comezar polos vieiros que abre a xestión da homenaxe ao dramaturgo no eido da planificación cultural non supón perder de vista a potencia anovadora da obra que deixou atrás de si. Neste sentido, Dolores Vilavedra cualifica a escolla de “idónea”, referíndose ao dramaturgo como “o máis ‘teatral’ dos escritores de literatura dramática” e destacando nel “a súa versatilidade e a súa capacidade para abordar temas de actualidade”. Nesta liña inciden tamén os dous grandes dramaturgos contemporáneos de Vidal Bolaño como son o académico Euloxio Ruibal, quen destaca “o seu interese polo popular e a valentía na abordaxe de temáticas contemporáneas que resultaban incómodas e das que a maioría fuxía”, e o propio Manuel Lourenzo, quen recorda que “meteu a maza na cabeza das cousas que estaban a pasar” (…)”

Vigo: presentación de Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade

O martes 17 de xullo, ás 20:00 horas, no Museo do Mar de Galicia (Avenida da Atlántida, 160) de Vigo, preséntase a reedición de Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade, publicado en Galaxia. No acto participan Xesús Vázquez, Alfonso Paz Andrade, Víctor F. Freixanes e Miguel Anxo Seixas Seoane.

María Reimóndez: “Gaia é unha ponte entre distintos mundos”

“O Diario Cultural da Radio Galega realizou unha entrevista a María Reimóndez, sobre En vías de extinción. María Reimóndez fala de biodiversidade e diferencia para se referir á súa última novela, protagonizada por Gaia, unha persoa rebelde que non acepta a uniformidade. A entrevista pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.

“Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía”

Artigo en Sermos Galiza:
“A Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira.
“É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas”. Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que “a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas”, recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. “A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando”, incorporando a lectura social, política, feminista e estética. “Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos”. (…)

Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20:00 horas:
A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco.
– Xesús Alonso Montero.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Poetas con Rosalía: Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra.
– Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro.
– Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.

Crónica posterior no mesmo medio, Sermos Galiza.

Alba de Gloria no Pico Sacro 2012, o sábado 21 de xullo

“Diante do desleixo e desprezo cara a nosa cultura, a Federación de Asociacións Culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 21 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. (…) O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 h. desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida da escritora Marta Dacosta. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria, coa intervención de Mª Pilar García Negro como presidenta da Galiza Cultura. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”, logo do cal se celebrará unha actuación musical do grupo A Quenlla, con recital poético e intervencións de representantes das diferentes asociacións culturais na defensa da nosa cultura.”
Máis información e inscricións nesta ligazón.

Víctor F. Freixanes: “En España ignoran o que hai noutras linguas”

Entrevista de Camilo Franco a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“A máis recente novela de Víctor Freixanes, Cabalo de ouros, acaba de ser publicada en castelán por Siruela.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que agarda da publicación en castelán?
– Víctor F. Freixanes (VFF): A recepción está sendo moi boa e estou satisfeito porque Siruela é unha editorial con todo o criterio dunha editorial literaria. Volcáronse co libro e o único que lles pedín é que esperaran a que o orixinal en galego tivese recorrido nas librerías. Xa vai ben andada a segunda edición e xa pode saír en castelán.
– LVG: Houbo un tempo en que nas editoras en castelán parecía haber un cupo para os autores que procedían doutros idiomas peninsulares. ¿Mudou esa situación?
– VFF: Pois se mudou foi para que reducir o cupo. Pero non é tanto que non haxa autores galegos traducidos ao castelán, que hai moitos máis dos que parece. Pero os que hai resultan invisibles para o mercado maioritario. Pero ese mercado está cambiando moito. En España ignoran o que hai noutras linguas, incluída a portuguesa. En moitos casos o que se publica nesas outras linguas resúltalles exótico ou directamente invisible. Isto crea outro problema porque para os autores galegos é difícil saír fóra se non é pasando polo castelán, pero hai pouca visibilidade. (…)”

Inma López Silva: “Moitos relatos son a raíz dalgunhas novelas miñas”

Entrevista a Inma López Silva en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que decidiu reunir estes relatos nun só volume [Tinta]?
– Inma López Silva (ILS): O motivo inicial foi que as historias estaban moi dispersas, quería xuntalas e salvalas desa especie de dispersión. Pero unha vez que fun traballando nelas, dinme conta que tamén había certo motivo de evolución.
– LVG: ¿Non existe ningunha relación que vincule as historias?
– ILS: A priori son historias non relacionadas entre si, pero que teñen algúns puntos de concomitancia. Por exemplo, os temas que reaparecen constantemente. A comedia delirante, os relatos de amor, a memoria dende a distancia, a memoria histórica… sempre mesturada coa idea do amor e coa idea de morte que tanto nos gusta aos escritores.
– LVG: ¿Cal é o seu favorito?
– ILS: Quizás o último, Caso Torneiro, porque o escribín cando estaba xa un pouco farta do académico. Foi un relato a modo de informe académico con notas a pé de páxina. Rinme moito con ese relato a primeira vez que lin o libro.
– LVG: ¿Algunha sorpresa?
– ILS: Si. Hai moito protagonismo feminino, e tamén sobre a memoria. Ademais, moitos son raíz dalgunhas novelas miñas, como un relato referente a María Casares que me inspiraría en Memoria de cidades sen luz.”

Proxecto Actívate co galego, a partir de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

“Estase a preparar un proxecto baseado en persoas que conten cal foi o resultado da aplicación dos consellos para vivir en galego que aparecen no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, escrito por Carlos Callón e editado en Xerais. Por iso, se utilizaches nalgunha ocasión ese manual práctico, podes enviar a túa historia ou as túas historias ao correo electrónico dereitos@carloscallon.com
Non é necesario que o testemuño sexa longo. O que se considera esencial é que se compartan estas experiencias, xa que poden servir de espello e estímulo para que todas e todos nos activemos na defensa da nosa lingua. Porque falamos galego e temos dereitos!”

“Antón Reixa é un ghicho do Calvario que quere ser un poeta de masas”. Entrevista con Cid Cabido e Manuel Xestoso sobre Antón Reixa. Ghicho distinto

Entrevista a Xosé Cid Cabido e Manuel Xestoso no Faro de Vigo sobre Antón Reixa. Ghicho distinto, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Se me permiten Vdes. a ironía, tan complicada de abordar resulta a figura de Antón Reixa que facían falta dous autores para escribir este libro?
– Manuel Xestoso (MX): Non é unha fórmula infrecuente.A idea do libro nace dunha serie de conversas ocasionais entre nós os dous, nas que descubrimos que tiñamos sobre Reixa e a súa actividade poética puntos de vista complementarios: o do crítico e o do escritor.
– Xosé Cid Cabido (XCC): Por outra banda, a inxente produción do Reixa en campos tan diversos como a poesía, a música, o teatro, a videocreación, o cine, a produción audiovisual… non só fan aconsellable a combinación de dúas perspectivas, senón que sería unha faena cargarlle todo ese traballo a unha soa persoa. (…)
– FdV: Afirman no Limiar que a definición de “polifacético” é rexeitada até polo propio Reixa. Despois de escribir o libro, como definirían xornalisticamente (é dicir, con poucas palabras) a Antón? Valería algo así como “un renacentista dos séculos XX/XXI”?
– MX: Reixa, en certa medida, reflicte unha contradición moi propia do noso tempo: a do artista que pretende manter a súa condición de intelectual vangardista ao tempo que procura conectar co mercado e a cultura popular. Se cadra, habería que definilo como un ghicho do Calvario que quere ser un poeta de masas. (…)”