Anxo Lorenzo é o novo secretario xeral de Cultura

“A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa ten estrutura e xa se coñecen algúns dos nomes designados tralo cambio de goberno. As competencias de Cultura que se adscribiron a este departamento terán a Anxo Lorenzo (Vigo, 1964) como o seu máximo responsable. O que foi o secretario xeral de Política Lingüística asume agora o reto de xestionar a política cultural da Xunta. A súa secretaría xeral perde a dirección xeral de Libro, Bibliotecas e Arquivos creada hai xusto un ano (que substituía á de dirección e promoción cultural) e queda só cunha dirección xeral, a de Patrimonio Cultural. O decreto, publicado no DOG o xoves 5 de xaneiro, establece tamén que a Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais, segue adscrita a este departamento.” Desde Cultura Galega, onde tamén se recollen declaracións súas.

Celso Emilio Ferreiro por si mesmo

“Máis dunha hora de gravación na que Celso Emilio Ferreiro fai un repaso da súa biografía. Esta é a achega que fai a Mediateca do Consello da Cultura Galega a coincidir, hoxe coa celebracón do centenario do nacemento do escritor. A súa infancia, a relación coa familia, a evolución política e ideolóxica poden coñecerse na propia voz de Ferreiro. A gravación que agora se publica fora editada polo Consello na serie As nosas voces en formato casete. O son procede das entrevistas que María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo realizaran para o seu libro Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas, e fora editado polo Arquivo Sonoro de Galicia. As limitacións tecnolóxicas do momento explican a relativamente escasa calidade do son. O material orixinal está na actualidade en proceso de restauración no propio Arquivo Sonoro e se publicará na rede en canto estea dispoñible. (…)” Vía Cultura Galega.

Celso Emilio Ferreiro, cen anos de resistencia poética activa

Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“A pesar das confusións biográficas, Celso Emilio Ferreiro naceu hai cen anos, un 4 de xaneiro de 1912, concretamente ás catro da tarde, horas antes de que, segundo a súa avoa, houbese fenómenos estraños no ceo. A literatura xogou, desde ese momento de feitos estelares, un papel fundamental na vida de quen, segundo os especialistas, foi un dos escritores galegos máis populares. Coincidindo con este centenario, o Parlamento Galego declarou este 2012 como ano dedicado a conmemorar a figura do escritor de Celanova, que cargou toda a súa vida poética coa responsabilidade de ser poeta civil. Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu o 4 de xaneiro de 1912. O seu pai tardou dous días en inscribilo no rexistro civil e por este motivo nalgunhas biografías aparece a data do 6 de xaneiro como a do seu día de nacemento. A perspectiva dos poetas novos sobre a obra de Celso Emilio resúmea María do Cebreiro, asegurando que o escritor volveu «imprevisiblemente antes desta conmemoración e quizais o mellor dela sexa que nos obrigue a relelo». Para a escritora, a poesía de Ferreiro «conecta cun momento de incerteza e precariedade e a súa lectura pode ser moi produtiva na circunstancia actual». Máis que conectada coa súa poesía, María do Cebreiro encontra ligazón entre o autor de Celanova e os poetas que comezaron despois do 2000, «como Daniel Salgado».”

O sector cultural ve con reticencias a remodelación do goberno

Desde Cultura Galega:
““Considero que é un paso atrás” aseguraba Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. A adscrición das competencias de Cultura en Educación, desaparecendo a actual consellaría de Cultura e Turismo, é vista pola Asociación de Actores e Actrices, como “unha mostra máis do desmantelamento da cultura galega”, en palabras de Casilda Alfaro, vicepresidenta da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Outras entidades, como Agapi, optan por esperar a que se coñeza todo o organigrama. “É unha mensaxe que o goberno nos fai para o noso autogoberno ao emular o Ministerio de Cultura de Madrid xa desaparecido. Pero a situación é diferente porque o ministerio desaparece porque están transferidas ás comunidades autónomas” puntualizaba Bragado, quen considera que a austeridade dun goberno “non depende do número de consellarías como da eficacia na xestión”. Nese sentido, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, apunta que “depende máis dos recursos que do feito de dispor un departamento propio”. Con todo, o sentir maioritario é o de agardar ata que se coñeza a estrutura orgánica deste departamento. “Hai que agardar a organización, e ver se mantén a Dirección Xeral do Libro. Unha vez publicado haberá que estudar o organigrama e ver que se manteñen os compromisos de futuro” puntualizaba Bragado. Desde a AAAG teñen convocada unha xuntanza para este xoves co obxecto de facer unha valoración oficial do colectivo ante esta situación.”

Comeza o programa do Ano Celso Emilio

“O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentaba o martes 3 de xaneiro as propostas da Consellaría de Cultura para celebrar o Ano Celso Emilio. No programa que se adiantou destacan as iniciativas de divulgación a pé de rúa. A iniciativa 100 poemas para lembrar a Celso Emilio exhibirá mostras da súa poesía nos escaparates de Celanova, mentres a acción Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro repartirá poemas nas caixas de correo dos habitantes das rúas que leven este nome en todo o país. Tamén se desenvolverán dous concertos con versións musicadas das súas obras. Cultura apoiará tamén a edición en inglés de Longa noite de pedra, así como unha versión bilingüe en galego e castelán sobre o escritor e unha escolma dos artigos que realizou para ABC desde 1973 e ata o seu pasamento. Unha homenaxe na Cidade da Cultura completa, polo momento, as iniciativas presentadas.” Vía Cultura Galega.

A Coruña: presentación de Cartografías do derrubo, de Carme Adán

O mércores 4 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa-Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, preséntase Cartografías do derrubo, de Carme Adán, publicado por Difusora. No acto, acompañando á autora, participan Lucía L. Bayo, Xabier P. Docampo, Pilar García Negro e Xavier Paz.

A Coruña: presentación de A praza é nosa

O mércores 4 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, preséntase o libro A praza é nosa, publicado por 2.0 editora. O acto consistirá nunha mesa redonda aberta na que participarán varios dos autores do libro e na que poderán intervir libremente todas e todos os asistentes.

María Xosé Queizán: “Existe desinterese por coñecer a realidade social”

Entrevista a María Xosé Queizán en Radiofusión:
“Impactada trala viaxe que realizou a Ushuaia, María Xosé Queizán decidiu unir na súa nova novela esta cidade do sur de Arxentina e Galicia. En Meu pai vaite matar a autora viguesa intentou trazar unha historia “suxestiva” e “entretida” que, asemade, abordase cuestións como os abusos infantís. Queizán elixiu como personaxe central da súa obra a unha policía, xa que entende que os profesionais deste gremio, ao contrario que a maioría da xente, están en contacto coa realidade social. A escritora detecta “hipocrisía” e “desinterese” na cidadanía. “Sabemos que existen determinados problemas, pero ninguén quere complicarse a vida”.” A entrevista pódese escoitar aquí: 261211QUEIZAN.mp3.

Desaparece a Consellaría de Cultura e Turismo na remodelación da Xunta

“Alberto Núñez Feijoo deu a coñecer hoxe, martes 3 de xaneiro, a remodelación do seu equipo de goberno de cara á recta final da súa lexislatura. A no organigrama da nova Xunta desaparece a Consellaría de Cultura e Turismo repartindo as súas competencias actuais entre outros departamentos. De tal xeito, a área de Cultura intégrase en Educación que mantén á súa fronte a Jesús Vázquez. As competencias de turismo pasan a ser asumidas directamente polo presidente da Xunta.” Vía Cultura Galega.

A Estrada: presentación de Tatuaxes, de Manuel Pereira Valcárcel

O mércores 4 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Museo do Moble e da Madeira (Avenida Benito Vigo, 92, baixo) da Estrada, preséntase o poemario Tatuaxes, de Manuel Pereira Valcárcel, publicado en Follas Novas. No acto intervirán, xunto ao autor, Luís Alonso Girgado, Asunción Canal Covelo e Xosé Luna.