As escollas electivas, novo blog sobre poetas contemporáneos en lingua galega

“Benvidos ao caderno As escollas electivas, espazo onde se ligan os poetas contemporáneos en lingua galega.
Criterios para participar deste espazo.
– Os poetas para seren incluídos terán:
– Que ser proposto/a por outro/a poeta.
– Escribir poesía en lingua galega, independientemente do lugar de residencia ou da nacionalidade.
– Nomear alomenos a outro/a poeta, ata un máximo de vinte.
Cada poeta achegará:
– Bio-bibliografía.
– 1 fotografía.
– Nomeado/a por…
– Mencionar a (máximo 10 nomes de poetas vivos en lingua galega).
– Poética (espazo libre no que expresar a túa reflexión en canto á poesía).
– Enderezos electrónicos do autor (caderno, web, facebook, twitter, tuenti…)
– Selección de poemas. Máximo 1.000 palabras. Pode estar publicado ou ser inédito.
Enviarase ao enderezo: asescollaselectivas@gmail.com
O material achegarase en formato .odt, .doc ou .docx.
A imaxe en formato .jpg.
Dito material será achegado polo interesado persoalmente. Non se admiten envíos de terceiras persoas.”

Xosé Neira Vilas: ”Isaac foi un descreído optimista”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en El Progreso:
“(…) A Balbino escribiuno Xosé Neira Vilas en 1960 nun cafetín de Bos Aires, coma os dos tangos, e debuxouno seis anos despois para a edición galega Isaac Díaz Pardo. E como xurdiu esta achega? Como naceu a colaboración?
«Foi sen eu pedirllo. Ou ao mellor si que o fixen; tanto ten». A primeira edición levou unha cuberta de Luis Seoane e, para a tiraxe galega, que viu a luz sete anos despois, Díaz Pardo trazou as cirolas rachadas de Balbino, os ollos enormes e abertos do rapaz de aldea que guía a parella de bois xunguidos cos pés núos polas congostras, como na ilustración que se reproduce nesta páxina.
Díaz Pardo creou a portada de Memorias dun neno labrego e fixo outro par de láminas para o volume que, como case todos os de Neira Vilas, foi publicado por Ediciós -escrito así, á luguesa- do Castro, a editora impulsada ao abeiro das cerámicas do Castro.
Acertou Díaz Pardo nos riscos que lle deu ao Balbino? «Balbino é inventado, se fose unha persoa real!», dá como resposta o pai literario da criatura.
Para 1967 -ano no que asina a obra-, había tempo que Isaac Díaz Pardo deixara a pintura para «ser un home do Renacemento».
«Hai que pensar que é unha figura fundamental para entender a cultura galega. Con quince anos facía carteis en favor do estatuto, foi autor de dúas obras de teatro, escribiu cantares de cego, ensaios coma o Galicia hoy», reivindica Neira Vilas.
Marcouno cando tiña 16 anos o asasinato do pai, Camilo Díaz Baliño, paseado e soterrado nunha beiravía de Palas de Rei. «Tivo que traballar na construción, de pintor de brocha gorda para manter a nai, que perdeu a razón». (…)”.

Xavier Alcalá: “Aquí mandan os de sempre, como din os perdedores de Fábula

Entrevista a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Trinta anos despois da primeira edición, ¿como atopou Fábula e que cambios ve en vostede como escritor neste tempo?
– Xavier Alcalá (XA): Fábula foi editada en galego seis veces, antes de aparecer en castelán. Eu sempre releo e retoco as miñas vaidades. Por tanto, nun caso de long-seller coma o desta novela, non dou esquecido o texto. Está claro que hai unha evolución nas miñas teimas: pasei da «collage» que se nota en Fábula, Nos pagos de Huinca Loo e Tertúlia (nesta, moitísimo) á linealidade da triloxía Evanxélica memoria, ou na da miña próxima novela, Verde oliva. Antes confiaba na «intelixencia do lector». Agora teimo con ser lineal e explícito: deben ser os anos de docencia na universidade…
– LVG: O libro publicouse en 1980 e algunhas afirmacións de personaxes sobre Franco podían causarlle problemas, sabendo hoxe o que podería ter pasado no 23-F. ¿Era consciente de que se podía producir esa involución?
– XA: Esta pregunta pon o dedo na chaga. Verdadeiramente foi unha insensatez publicar a novela nesa altura (escribina en tres meses) porque a Transición en España pechara en falso. De feito, colleunos en pleno trauma do golpe de estado aínda a presentar a novela. Houbo unha escena dura, que dá para novelar, logo do 23-F no escritorio do alcalde da Coruña, daquela Domingos Merino. Salvámonos por pouco… (…)
– LVG: A novela sae agora en castelán. ¿Como ve a percepción fóra da literatura galega?
– XA: Hai algo que me parece un absurdo: que en Madrid pensen que escribimos en «subvencionado», que o que non se escribe en castelán é algo de broma. Por iso é tan importante o paso que deu Pulpbooks, porque en Galicia hai moita materia literaria ben tratada. Ora, se hai ese prexuízo do nacionalismo español, lancémonos a outros mercados libres del. E, se o texto en papel non se difunde, pensemos nos novos soportes. Eu ando niso.”

Armando Requeixo: “O capital cultural e socioidentitario da nosa literatura está a ser obviado e desprezado”

Entrevista a Armando Requeixo publicada en varios medios, a través do seu blog Criticalia:
“(…) – P: Nestes tempos tan duros que estamos a vivir, cal diría vostede que é o estado actual no que se atopa a literatura galega?
– R: Depende como se mire. Se xulgamos a nosa literatura pola súa calidade, pola excelencia dos produtos que ofrece, penso que nas últimas décadas se ten demostrado, sobradamente, que somos un país de escritoras e escritores equiparables aos mellores de calquera outra latitude. Agora ben, se o que hai que xulgar é cal é a proxección e vitalidade social desa escrita… aí o presente volveuse moi avolto ultimamente. O capital cultural e socioidentitario que a nosa literatura supón, mesmo a súa fortaleza como industria que cohesiona, en sentido amplo, a riqueza dun territorio, creo que está a ser obviada e desprezada por algúns. Iso ten feito que involucionemos obscenamente. Temos unha literatura de calidade propia do século XXI, pero unha caixa de resonancia institucional e social que recuou trinta anos.
– P: Leva anos traballando como crítico literario. Como escolle os libros que analiza?
– R: Pois, para explicalo dunha maneira sinxela, fago unha especie de “catas” de lectura. Comezo a ler os libros unhas cantas páxinas, un número xeneroso delas. Logo, dou pequenos saltos para ver como van sosténdose no desenvolvemento. Se vexo que a obra é boa ou, polo menos, mantén uns mínimos, apártoa para realizar unha lectura xa completa e demorada. Se, pola contra, o libro é moi frouxo, entón a crítica é o meu silencio, porque entendo que o espazo público é demasiado precioso para desbaldilo co que non paga a pena. (…)”

Gondomar: Miguel Anxo Fernández participa no Club de lectura Sete vidas

O martes 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a primeira cita do ano do club de lectura Sete Vidas, organizado por Espazo Lectura, que xirará arredor da novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, quen estará presente para dialogar cos asistentes.

A fascinación pola contundencia e a voz de Isidro Novo dá pé a un estudo

Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“José Luis Calvo confesa que unha das primeiras cousas que o impresionou de Lugo non foi unha paisaxe, como adoita, senón un son. O escritor e investigador ovetense arribou á cidade en 1989, pero tomou conciencia físíca cinco anos máis tarde, na Noite dos Tolos, a celebración que organiza o club Clavicémbalo. Naquel evento, sentiu un recitado telúrico de Isidro Novo; «impactáronme a contundencia da súa voz e a forza das súas imaxes». Aínda lembra o título do poema que estaba lendo o poeta, Crise. A partir de aí entrou en contacto, unha canda outra, coa persoa e coa obra. A fascinación foi medrando e encauzouse nunha reflexión que quedou plasmada en Xograr da gravidade, que Calvo presentou onte xunto co autor estudado e Carlos Gegúndez en Lugo. O experto asegurou que o título está tirado dun poema que dedicou a Novo en Definitivo territorio -«un libro dedicado a Lugo»- e que fai referencia ao escritor «como xograr moderno e que ten gravidade por esa contundencia da súa voz e esas imaxes pouco comúns». (…) José Luis Calvo definiu a lírica de Isidro Novo como «un reflexo da desgraza humana», pero, a diferenza da visión opaca do parente, «sempre amosa un atisbo de esperanza». Reiterou que «trata temas moi duros, fai crítica social, pero o lirismo sempre está presente». A seguir citou ao poeta analizado para exaltar que «a poesía é a grande emoción», unha idea que lle valeu para anotar que «ten que existir esa beleza que sae do home, que aínda que escriba unha poesía dura, como no caso de Isidro, ten unha noción de canto musical, como acontecía con Neruda ou con Celso Emilio». Isidro Novo recoñeceuse «abafado» pola xeira de José Luis Calvo e «abrumado» porque ten conseguido ofrecer en Xograr de gravidade unha concepción da súa obra «moi parecida» á que ten el, sobre todo, na súa consideración da poesía «coma a magna arte». «Como poeta non son prolífico porque me dedico con devoción a cada libro», afirmou o escritor.”

Víctor Freixanes: “Era un pulmón incansable da cultura galega”

“O mundo da cultura lamenta o falecemento de Isaac Díaz Pardo, e glosa a importancia do seu traballo. Recollemos as reaccóns de pesar a este triste acontecemento.
Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, sinala que “pouco a pouco váisenos a xeración dos históricos, quédannos practicamente Xaime Illa Couto e Avelino Pousa Antelo. Isaac era un pouco a ponte entre a Galicia de aquí e a Galicia do exilio, esa ponte simbólica que conseguiu concretar no proxecto Sargadelos con Luís Seoane. Era un pulmón incansable da cultura galega, e deixa unha marca que é esa visión da cultura que non se fecha en si mesma, senón que busca noutros ámbitos, no mundo da empresa, na economía e nas industrias culturais a súa capacidade competitiva. Supuxo unha marca de modernidade no galeguismo do século XX. Con Luís Seoane formaron aquel grupo de soñadores de Bos Aires que souberon moi ben que había que manter firme a dignidade e que tamén había que voltar e dar aquí a batalla. E fixérono ben”.” Vía Cultura Galega.

Falece Isaac Díaz Pardo

“A morte sorprendía a Isaac Díaz Pardo esta mañá aos 91 anos de idade na Coruña. O histórico galeguista, industrial, empresario e activista cultural estaba ingresado no hospital San Rafael da Coruña a se recuperar dunha pulmonía. Co seu falecemento remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. Cunha longa vida plenamente dedicada a Galicia e ao galeguismo, a figura de Isaac Díaz Pardo (1920-2012) resulta fundamental para coñecer a evolución do noso país ao longo do século XX. Testemuño do galeguismo de preguerra e da súa aniquilación polo franquismo, traballador incansable durante os anos escuros, conexión imprescindible coa cultura galega na emigración e peza fundamental na configuración da nosa cultura na etapa autonómica, a figura do recentemente falecido emerxe como unha constante na historia da nosa cultura ao longo dos últimos cen anos. (…)” Vía Cultura Galega.
Recollido en Asociación Galega de Editores, Galaxia, Xerais, Portal Galego da Língua, Fervenzas Literarias, Gálix, Galicia Hoxe, La Opinión, El Progreso, Galiciaé, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Camilo Franco, Faro de Vigo, Galiciaé, El País, Galicia Confidencial, Mundo Galiza e Diário Liberdade.

Convocado o X Certame Xornalístico Dora Vázquez

O Concello de Arteixo, a través da Concellaría de Muller, convoca o Certame Xornalístico Dora Vázquez que chega neste ano 2012 a súa décima edición.
O tema deste ano para o certame é Muller e deporte e poderán concorrer a el todas as persoas que o desexen cun artigo de opinión inédito, único e orixinal escrito en galego.
O prazo para enviar os orixinais remata o día 31 de xaneiro de 2012.
A persoa gañadora terá un premio dotado con 600 € e a publicación do seu artigo nos xornais “El Ideal Gallego”, “La Opinión de A Coruña”, “La Voz de Galicia” e na páxina web da Asociación da Prensa de A Coruña, os cales colaboran un ano máis con este certame.
O concello dispón dun Servizo de Normalización Lingüística que poderán utilizar as persoas participantes antes da presentación do artigo ao certame.
As bases pódense descargar aquí: Diptico X Certame Dora Vázquez 2012.