“Existe
fame
por crear e ler medios de comunicación en galego”. Foi unha das conclusións que se tiraron das xornadas Os medios en galego, importan?, segundo a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Marta Pérez Pereiro, que procedeu a clausuralas tras un terceiro día dedicado integramente ós medios de comunicación e producións audiovisuais en Galicia, que contaron, entre outros, con directores de cinema galego, como Antón Reixa ou Antón Dobao, e guionistas como Carlos Ares ou Araceli Gonda. (…)
Co gallo do idioma, Antón Reixa sinalou que o audiovisual “asumiu esa misión de normalizar a lingua”, e “á conquista do público dun xeito máis arriscado que os medios impresos”. Para o cineasta e artista audiovisual, “facer un produto en galego non exime de estar sometido ás dinámicas do mercado”, polo que independentemente da lingua, “os creadores deben afrontar igual o desafío entre creación e industria, xerando produtos con calidade que respondan ás demandas do público”. (…)
Antón Dobao, director de, entre outras, a adaptación cinematográfica de Sinbad, a obra de Cunqueiro, que recentemente se estreou nas salas do país, comezou o seu relatorio afirmando que, nun primeiro momento, “os directores déronlle as cóstas a unha realidade lingüística” como a galega, coas excepcións de Chano Piñeiro e algúns outros, curtametraxes… Mais o cinema galego non conseguiu aínda desprenderse dese estigma de “subalternidade con respecto ao cinema español”, nin doutros trazos como “a hipercaracterización”, “a territorialidade”, que, ao seu ver, necesitan eliminarse. Expresou tamén o desexo de que “Galicia poida ter a capacidade de expresarse culturalmente na súa lingua propia, tamén no cinema”. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Santiago: presentación de Brais, de Guillerme Coen
O
martes 15 de novembro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Brais, de Guillerme Coen, publicada en Toxosoutos. No acto intervirán, acompañando ao autor, Euloxio R. Ruibal e David González Couso.
Allariz: presentación de Cociñando ao pé da letra
O
sábado 12 de novembro, ás 18:30 horas, na librería Aira das Letras de Allariz (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5), terá lugar a presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas. No acto participan Francisco Castro, Teresa Devesa e Yolanda Castaño.
Vigo: nova edición do Círculo Poético Aberto
O sábado 12 de novembro, ás 23:00 horas, no Café Uf Negra Sombra (Rúa Pracer, 19) de Vigo, terá lugar unha nova edición do Círculo Poético Aberto promovido polo Grupo Penúltimo Acto.
Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla
O
sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.
Cambados: homenaxe a Luis Fernández Silvoso, exposición e recital poético
O sábado 12 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Borrón 4 de Cambados (Avenida de Galicia), inaugúrase unha exposición en homenaxe a Luis Fernández Silvoso, que permanecerá aberta até o sábado 3 de decembro, na que participan 23 pintores e oito escultores. No acto leranse poemas de Saúl Otero, Miguel Anxo Fernán-Vello e Baldo Ramos.
‘Aparece unha poesía inédita de Vicente Risco e Otero Pedraio sobre o Monte Pindo’
Desde
o blog da Asociación Monte Pindo Parque Natural: “Esta vez non se trata de ningún descubrimento arqueolóxico ou ecolóxico, mais pasa por ser un dos achados de maior importancia cultural para a historia recente do Olimpo Celta. Trátase nin máis nin menos que o achado dunha misiva que contén unha poesía inédita e en alemán dos ilustres autores galegos Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, escrita durante unha excursión polo Monte Pindo feita co mítico Seminario de Estudos Galegos no mes de xuño de 1936. O orixinal consérvase en perfecto estado pois trátase dunha carta dirixida a Isidro Parga Pondal, ilustre xeólogo e literato galego, que hoxe recala no arquivo do Instituto homónimo, polo que tamén dispoñemos do sobre orixinal asi como un borrador do puño e letra de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo cando contaban con 51 e 48 anos, respectivamente, o que multiplica o valor do achádego. Pero o que sen dúbida resulta estarrecedor é que menos dun mes despois de terse redactado nalgún recanto do Olimpo Celta, declarouse o despiadado golpe de estado fascista que condenaría o noso País a 40 anos de penuria e escuridade, e que tamén condenou a moitos dos nosos veciños a buscar acubillo nas numerosas covas que poboan o monte. (…)”.
A gran base de datos das cantigas galego-portuguesas
“O
Instituto de Estudos Medievais, da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, presentou o pasado 27 de outubro o proxecto Littera, financiado pola Fundação para a Ciência e Tecnologia. Dirixido pola profesora Graça Videira Lopes, este proxecto procura iniciar, de forma coherente, coordenada e cientificamente consistente, a edición, protección e actualización do patrimonio literario e cultural medieval galego-portugués, nas súas dúas grandes vertentes: poesía e prosa narrativa. O sitio web Cantigas é un servizo público dirixido a docentes, especialistas e público en xeral. A base de datos conta coa totalidade das cantigas medievais presentes nos cancioneiros galego-portugueses, as imaxes dos manuscritos e a música medieval ou as versións ou novas composicións contemporáneas. Tamén se comparte información sobre todos os autores nela incluídos, os personaxes e lugares referidos nas cantigas, así como a Arte de Trovar, o pequeno tratado de poética trobadoresca que abre o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, colaboradora neste proxecto. A páxina ofrece un glosario, notas explicativas de versos, notas de lectura, toponimia e antroponimia que completan os textos das cantigas, ademais de información de base sobre algúns dos seus aspectos formais. Tamén se ofrecen imaxes dos manuscritos. A base permite a lectura secuencial dos folios dos cancioneiros, así como a visualización independente das miniaturas contidas no Cancioneiro da Ajuda. E inclúe ficheiros de audio e pautas das cantigas, ademais de información sobre autores e intérpretes. Os textos contidos na base están escritos segundo as normas do Novo Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa.” Vía Galicia Confidencial.
A Coruña: presentación de Praza Pública
O
xoves 10 de novembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), preséntase o xornal Praza Pública. No acto intervirán Marcos Pérez, Manuel M. Barreiro e Filipe Díez.
Bases do XX Certame Literario A Pipa de Becerreá
A
Asociación Cultural A Pipa de Becerreá convoca o XX Certame Literario A Pipa, coas seguintes bases:
“1. Temática. O tema é libre.
2. Tres categorías.
2.A.- CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos)
2.B.- CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos)
2.C.- CATEGORÍA Revista A PIPA para maiores de 18 anos.
3. Dúas modalidades.
3. A.- POESÍA (máximo 50 versos)
3. B.- RELATO, NARRACIÓN OU CONTO breves (máximo 5 folios Din A4, dobre espazo entre as liñas, letra Times New Roman tamaño 12, marxes entre 2 e 3 cm.)
4. Os premios.
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º Premio de Poesía, e tamén 1º e 2º Premio de Relato, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural A PIPA non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos, en LINGUA GALEGA.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a CATEGORÍA e MODALIDADE na que participan, e achegando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a.
5. C.- O prazo de admisión rematará o 22 de decembro de 2011.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou enviarse ó seguinte enderezo: Certame Literario A PIPA. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo.
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A PIPA de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes. O fallo farase público a través dos medios de comunicación, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.
7. Cerimonia de Entrega de Premios.
A Cerimonia de Entrega de Premios terá lugar na Casa de Cultura de Becerreá o mércores 28 de decembro ás 21:00 h. no marco da XX Noite poética A Pipa 2011, con María Lado e Lucía Aldao.”

![Tempora, Tempore, Tempera [cartel da exposición]-1](https://axendacultural.aelg.gal/wp-content/uploads/2011/11/Tempora-Tempore-Tempera-cartel-da-exposición-1.jpg)