O
sábado 18 de xuño, no Centro Betanzos de Bos Aires, terá lugar unha homenaxe a Antón Santamarina Delgado polo cincuentenario (1-xuño-1961) do seu libro Pra unha terra apremida, que foi considerado como un dos anticipadores da corrente socialrealista da poesía galega no seu tempo.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
María do Carme Kruckenberg prevé editar dous novos poemarios este ano 2011
‘A
editorial Barbantesa publicará este ano dous novos poemarios da escritora María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926). O primeiro deles verá a luz nas próximas semanas e titúlase O enigma do segredo. Esta obra reúne un feixe de cincuenta poemas que estaban no caixón á espera de seren publicados. “Son poesías que escribín na última época, entre 2007 e 2009. Estaban aquí durmindo. Espero que gusten, xa que considero que son moi importantes e do mellor que escribín” (…) Para Kruckenberg, estes versos reúnen gran parte do seu estilo poético. “Son un anaco moi importante do meu dicir poético, son moi importantes para min. Ten certas claves para que os lectores vexan que son versos que pagan a pena”, sinala a escritora, que destaca a presenza do “desacougo e a morte” nos seus poemas. Ademais, a Guerra Civil xoga un papel destacado no poemario, xa que centra un dos diversos apartados nos que se divide esta obra poética. Deste xeito, a escritora busca homenaxear e lembrar os mortos e as vítimas da contenda e da posguerra.
Cara ao final de ano, Barbantesa lanzará outro poemario da escritora María do Carme Kruckenberg. Neste caso, o tema central será o jazz, un estilo musical que a autora xa analizara dende un punto de vista poético en 1999. Aquel ano, Kruckenberg publicara un total de 17 poemas ilustrados pola artista Eva Llorens sobre os grandes nomes masculinos do jazz. Baixo o título Jazz Espido (Edicións do Castro), o libro estaba dedicado a varios compositores e os debuxos eran de mulleres espidas. Doce anos despois, Kruckenberg pecha o círculo. “Faltaban os poemas dedicados ás grandes mulleres do jazz, era algo que estaba pendente”, sinala a escritora, que considera que con esta obra “xoga co pasado” ao volver a el para enfrontarse cunha materia pendente. A escritora recoñece, ademais, que realizou estes poemas nas últimas semanas, nun “momento de enfermidade”. Non obstante, non puido deixar de traballar. “Non podo estar sen facer nada, cada noite soño cun poema”, recoñece.’. Vía Xornal.
A Fundación Manuel María adquiriu a casa natal do escritor
Barcelona: presentación de Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón
O
mércores 15 de xuño, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Carrer Provença, 276) de Barcelona, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco. No acto participan, acompañando ao autor, Olegario Sotelo Blanco e Helena González.
O Rafael Dieste máis antifascista, por Xesús González Gómez
Artigo
de Xesús González Gómez en A Nosa Terra:
“En Mirador, no número 417, correspondente ao 22 de abril de 1937, é dicir, baixo a éxida PSUC, aparece publicado un artigo de Rafael Dieste na sección Les lletres. Nesa entrega, con protagonismo na cuberta a unha homenaxe ao líder comunista alemán Ernst Thaelman, os destaques á lectura eran os artigos que non interior ofrecía a revista de man de Jean Cassou e o propio Dieste xunto a unha declaración do escritor Thomas Mann a prol da República. A colaboración, que transcribimos en galego titulouna Feixisme i cultura nacional, cun subtítulo de A propósit del Casal de la Cultura. Toda unha reflexión persoal sobre a natureza dos fascismos implantados en Europa nos anos 30 (…)”.
Pontevedra: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro
O
mércores 15 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Oliva, 24) de Pontevedra, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, acompañan ao autor Xoán Hermida e Antón Baamonde.
Roteiros literarios por Compostela: Euloxio R. Ruibal
O
martes 14 de xuño, a partir das 20:00 horas, na Estatua de Chillida no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela, comezan os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man de escritoras e escritores. Está previsto que este Roteiro, da man de Euloxio R. Ruibal, comece no parque de San Domingos de Bonaval e remate na Praza do Toural Os participantes percorrerán as principais rúas da zona monumental (Casas Reais, Preguntoiro, Rúa Nova, Rúa do Vilar…), facendo paradas na praza de Cervantes, praza de San Martiño Pinario, praza da Quintana, praza do Obradoiro, praza de Mazarelos, praza da Universidade… Tamén se deterán en espazos de especial simbolismo (Panteón de Galegos Ilustres) ou diante de edificios onde residiron insignes escritores (Murguía, Bouza Brey, López Ferreiro…). Notábel presenza terán tamén escritores contemporáneos do meirande prestixio literario; xa pola súa estreita vinculación coa cidade compostelá (Lorca, Otero, Castelao…), xa por formar parte da súa veciñanza durante longo tempo (Novoneyra, García-Bodaño, Carvalho Calero, Ramón Piñeiro). Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Agustín Fernández Paz: “Consentemento e resistencia”
Entrevista
a Agustín Fernández Paz en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A novela [Non hai noite tan longa] conta o reencontro de Gabriel, o protagonista, co seu pasado, coa historia da súa familia. Pero máis que nada parece que o obxectivo da novela é retratar o que en varias ocasións se define como “miseria moral” daquela sociedade…
– Agustín Fernández Paz (AFP): O libro ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60. E esa é unha das regras da boa novela negra clásica. Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción.
– GH: Pero considera o seu libro unha novela negra? Exemplo desa miseria moral que retrata é como se condena socialmente as mulleres violadas…
– AFP: É unha obra con elementos de novela negra. Esa indagación moral, sobre todo, e xa non só o feito de que haxa unha investigación sobre un caso, o do pai do protagonista, encarcerado por un delito que non cometera. Houbo moitas mulleres coma Berta, violada e obrigada polos seus propios pais a calar, a ocultalo, porque se as culpaba dese acto de violencia de xénero dicindo que eran “lixeiras de cascos” e ese tipo de cousas. (…)
– GH: Moito premio recibe. Foi nominado para os Andersen, seleccionado pola Dalkey Archive Press…
– AFP: Iso é porque son maior. Sempre son de agradecer os premios… agás algún caso particular… -refírese ó Premio da Cultura Galega, que rexeitou como modo de protesta contra a política cultural e lingüística do actual Goberno-. E non me preguntas pola foto de portada, na que sae Rosa Parks, a muller que non lle cedeu o asento no autobús a un branco porque estaba “farta de ceder”. Martin Luther King escribiu sobre ela. O Movemento polos Dereitos Civís ten aínda moito que ensinarnos: a non violencia, a protesta… e o movemento do 15-M ten que ver con isto, aínda que estea menos organizado.”
Xavier Queipo: “A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste ser de dereitas”
Entrevista
a Xavier Queipo en Xornal:
“- Xornal (X): Que se conta en Extramunde?
– Xavier Queipo (XQ): É unha novela de aventuras ambientada no século XVI e ten unha forte compoñente ideolóxica. Critícase a opresión da ideoloxía única da Igrexa católica naquel momento, o colonialismo… Dáse unha visión dos dereitos fundamentais do home, e en particular do dereito á liberdade, a través dun grupo de persoas condenadas polo Santo Oficio. (…)
– X: No Encontro Internacional de Literatura de Viaxes (Litvi), que financia a Xunta con 20.000 euros, non hai un só escritor galego. Non os hai ou non os ven?
– XQ: Unha cousa é que non teñamos unha experiencia marítima e outra que non sexamos viaxeiros ou non teñamos literatura de viaxes. A literatura da emigración é literatura de viaxes, e temos abondosos exemplos recentes, como New York, New York de Inma López Silva, Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado ou o que escribín sobre as miñas viaxes por Asia. A metade de Saltimbanquis no paraíso, de Xelís de Toro, tamén se desenvolve en Londres. E hai literatura de catedrais, por suposto. De que fala Trece badaladas? De que fala Festina lente? Falan de catedrais. Se fose profesor de literatura e non biólogo, podería dar moitísimos máis exemplos.
– X: Daquela, como se explica?
– XQ: Supoño que a dirección consideraría que aos autores galegos non son abondosos, nin en número nin na súa calidade. Eu estiven na primeira edición, e coido que en igualdade de condicións con xente como Julio Llamazares ou César Antonio Molina. Nunca me sinto inferior cando estou con autores de sistemas literarios cun idioma maioritario, pero tampouco podemos esquecer que o galego é unha lingua minorizada en Galicia. Unha lingua que, debendo ser maioritaria, como indica o noso Estatuto de Autonomía, está a ser atacada pola xente que ten medo, pola dereita. Ser de dereitas consiste niso, en ter medo.
– X: Medo a que?
– XQ: Medo a que cambie unha coma no libro sagrado, no sistema de referencias no que eles se sinten seguros. O máis revolucionario en Galicia é escribir en galego, e por iso o fago.”
Santiago: presentación de Cociñando ao pé da letra
O martes 14 de xuño, ás 20:00 horas, no Casino de Santiago, preséntase o libro Cociñando ao pé da letra, publicado en Galaxia. No acto participan as autoras, Yolanda Castaño e Andrea Costas, o editor, Francisco Castro, e dous dos escritores que participan no libro, Anxos Sumai e Xabier P. DoCampo.
