Diana Varela: “Se por algo paga a pena vivir é porque existe a liberdade e porque temos, ademais, o dereito de exercela”

Entrevista de Montse Dopico a Diana Varela en Praza:
“A videopoesía está a abrirse un camiño cada vez máis sólido na literatura galega. Unha das últimas achegas neste sentido é Non, Amor de Diana Varela Puñal, un proxecto editado en formato convencional en papel e en DVD. A autora dérase a coñecer cos seus poemarios anteriores, Fíos e Animal Abismo, coas súas pezas de teatro e cunha novela, Fin de Festa, reeditada recentemente por Laiovento. En Non, Amor explora o impacto da asunción da morte como único destino inexorable das persoas. Reivindica a liberdade, o amor e a patria, entendida como orixe, tribo, clan. Clama contra a violencia e a intolerancia. E cuestiona, como en Animal Abismo algúns binomios hexemónicos, como o que opón humanos e animais.
– Praza (P): Publicaches primeiro os videopoemas e despois o libro en formato papel. Por que?
– Diana Varela Puñal (DVP): Interésanme moito o teatro e o cine. Este é, ademais, un libro que me levou varios anos facer. Estivo metido nun caixón ata que decidín retomalo. A raíz de facer recitais e, pola experiencia previa que tivera con A morte e a súa voz ausente -unha peza teatral miña sobre Cesare Pavese da que fixemos varias representacións e que gravamos en vídeo-, xurdiu a idea dos videopoemas.
Falei cun amigo que traballa no cine, Cristian Rola, e así foi… Empezamos a coller algúns dos textos e a traballalos doutra maneira. De todas maneiras, a nosa proposta non consiste nunha poeta poñéndose a recitar versos, coma nun recital. As pezas son como pequenas curtas, nas que a imaxe e a música son tan importantes coma a palabra, aínda que sexa poesía. En youtube poden verse algúns dos poemas, pero non todos, porque tamén temos unha edición en DVD.
– P: “Neste breve conxunto de poemas imaxinei como verían o mundo varios personaxes a piques de integrarse na quietude definitiva”, di o limiar do Non, Amor. Todo o libro está marcado pola presenza da morte, quizais da perda de seres queridos, e do xeito no que fuximos da morte, sen estar nunca preparados para a súa chegada.
– DVP: É unha reflexión, si, arredor da morte. Non só pola perda de seres queridos. É, esencialmente, o que pasa cando asumes que a morte sucede, que tamén che vai suceder a ti. É a maneira de afrontalo. Que pode ser iso que chaman delirio, loucura… vivir cos ollos pechados, non querer velo. O libro é unha reflexión sobre este limbo no que vivimos pois, desde que nacemos, estamos camiñando cara ao precipicio. É ese pánico de saber que vamos morrer. Mais tanto ten se estamos preparados ou non, porque vai acontecer igual. É esa angustia de saber que vas morrer, que é o noso único destino claro.
– P: O poemario é moi diferente dos anteriores na forma. Poemas e versos máis longos, e máis narrativo. Por algunha razón especial?
– DVP: Eu pretendín que fose diferente. Non, Amor ten moito que ver coa música, con cancións que eu escoitaba ou tiña na cabeza mentres escribía. Os versos saíanme segundo a melodía da canción. Así foi o proceso: deixeime levar polo río da música. E iso permitiume expresar experiencias dolorosas dun xeito para min máis levadeiro. Non é que eu planease que ían ser poemas longos. Saíu así pola música, polo tema e polo que meu estado me pedía. (…)”

A Coruña: Encontro c@s amig@s arredor de Luísa Villalta, en novembro de 2017

“Como peche do ciclo de actividades As chaves do tempo, arredor de Luísa Villalta, que organizaron a agrupación cultural Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre o 19 e o 27 de novembro, celebrouse este encontro presentado por Xurxo Souto e Teruca Queiro. Interviron Pilar García Negro, Pancho Pillado, Ánxeles Penas, Blanca Silva, Ana Pillado, Maribel Longueira e Cesáreo Sánchez, ademais da familia de Luísa Villalta.”

A Coruña: recital poético arredor de Luísa Villalta, en novembro de 2017

“Recital poético e de textos arredor de Luísa Villalta, dentro do ciclo de actividades As Chaves do Tempo. Interveñen Nacho Pena Maceda, Cesáreo Sánchez, María Xosé Bravo, Beatriz Maceda, Chisco Fernández Naval, Dores Tembrás, Eli Ríos, Lino Braxe, Marica Campo, Olga Patiño, Xavier Seoane, Xulio Valcárcel. Inclúese unha montaxe sonora con texto de Xavier Campos, poesía de Luísa Villalta, locución de Eva Vieites e idea de Clara Soler. Foi celebrado no Monty da Coruña, o 25 de novembro de 2017.”