Arquivo da categoría: Audiovisual
Radiocrítica do 31-03-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 31 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line neste enderezo). Desta volta falei con Nazaret López sobre O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro (I: 00:16); Nimbos, de Xosé María Díaz Castro en edición de Luís González Tosar (I: 5:52); A autoestrada do Sur, de Julio Cortázar en tradución de Francisco X. Fernández Naval (II: 0:00) e Papá, que son os sorrisos?, de María Canosa e Dani Padrón (II: 8:43).”
Booktrailer de As meigas de Lupa, de María Solar
Booktrailer de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo
Entrevista a Berta Dávila no programa Zig zag
Inma López Silva fálanos do seu último libro Maternosofía
Vídeos sobre Luísa Villalta e Xela Arias, realizados por Illa Bufarda
O mércores 26 de marzo proxectouse no Consello da Cultura Galega un vídeo arredor da figura de Luísa Villalta no marco da Xornada: Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século. Pódese ver a peza audiovisual aquí.
Música e poesía en Luísa Villalta from Illa Bufarda on Vimeo.
Para esta ocasión, Illa Bufarda realizou outro vídeo arredor de Xela Arias e a súa faceta de tradutora:
Radiocrítica do 17-03-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line neste enderezo). Desta volta falei con Nazaret López sobre A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas (I: 00:37); o poemario Paisaxes de pan, de Ánxela Gracián (I: 4:45); o catálogo de fotos Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica (I: 9:24 e II: 0:00) e o libro de viaxes de autor Novos pasos por Bretaña, de Pemón Bouzas (II: 3:20).”
A “pulsión” de Xela Arias e Luísa Villalta ao vivo
Desde Sermos Galiza:
““Pulsión”, foi o termo escollido pola escritora Ana Romaní, unha das coordinadoras do encontro Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século, para definir o ánimo que se viviu durante toda a xornada no CCG. “Demostra que a cultura galega é un río, non unha lagoa”, concluíu o profesor Arturo Casas despois de que a escritora Iolanda Zúñiga canda o grupo musical Dous puxeran o ramo ás conferencias e mesas redondas cun espectáculo sobre Intempériome, de Xela Arias, que a propia autora estaba a preparar antes da súa morte. Con Fernando Abreu, membro do grupo musical, Xela Arias ideaba no fin da súa vida, levar os seus poemas ao escenario e só onte a súa voz se volveu escoitar nunha gravación que se combinaba coa de Zúñiga no remate da xornada.
Durante a tarde, en dúas mesas redondas, novas creadoras e creadores deron conta da vitalidade da memoria de Luísa Villalta e Xela Arias, das súas arriscadas apostas poéticas, da modernidade das súas propostas e da pegada que deixan en autores e autoras cos que compartiron espazos literarios. Sigue lendo
Lugo: edición número 35 da revista oral O pazo das musas
O xoves 27 de marzo, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 35 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura do poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro (Guitiriz,1914-Lugo, 1990), con motivo de cumprírense 100 anos do seu nacemento o pasado mes de febreiro, e que este ano a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas. Para achegarnos a unha figura tan senlleira da nosa cultura contamos coas intervencións do profesor Armando Requeixo, que nos falará da vida e da obra; Alfonso Blanco Torrado traeranos á memoria á súa amizade; X. Antón Cascudo, desde o mundo do audiovisual faranos partícipes dos segredos do seu documental O instante eterno, e varios alumnos e alumnas do IES “Díaz Castro” de Guitiriz recitarán os versos máis coñecidos do poeta.
A revista contará no apartado musical coa actuación de 2naFronteira, dúo composto por Carmen Pením e Maurizio Polsinelli. A súa intervención é moi oportuna pois coincide cos días previos á publicación do seu disco Zapatiños para Díaz Castro no que musican gran parte dos poemas de Nimbos, obra cume de Xosé Mª Díaz Castro. Un total de 15 cancións para voz, piano e harmonio, entre as que están temas que interpretarán nesta revista oral como Penélope, Noite do mundo, Coma unha espada, Ai capitán, …
SUMARIO DO NÚMERO 35
– Portada musical. Noite do mundo, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– A vida de Xosé María Díaz Castro: unha viaxe circular, por Armando Requeixo (10’).
– Música. Alalá do verme e a estrela (poema O verme e a estrela), (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– O instante eterno e a xenealoxía emocional de Nimbos, por X. Antón Cascudo (10’).
– Proxección dun fragmento de O instante eterno (documental de Xosé Antón Cascudo) (5’).
– Música. Penélope, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Andadura con Díaz Castro, por Alfonso Blanco Torrado (10’).
– Música. Remuíño, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Óscar López Felpeto, Noa Pena Bodenlle e Noemi Romero, alumnos/as do IES “Díaz Castro” de Guitiriz recitan a Xosé Mª Díaz Castro (10’).
– Música. Ai, capitán, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– A escrita de Xosé María Díaz Castro: Nimbos e outras auras, por Armando Requeixo (10’).
– Música. Nana da terra (poema Terra sucada), (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo, por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3’).
– Contraportada musical. Coma unha espada, (Zapatiños para Díaz Castro), por 2nafronteira (3′).