“O programa da TVG Zig-zag diario, que presenta a xornalista María Solar, entrevistou a Manuel Rivas sobre a súa última novela, As voces baixas. Desde Xerais.”
Arquivo da categoría: Audiovisual
Santiago: VII Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da palabra á acción, o sábado 24 de novembro
O sábado 24 de novembro, no Auditorio da Cidade da Cultura, e con entrada de balde até completar aforo, celébrase o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os, baixo o lema Da palabra á acción, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Cidade da Cultura.
Pódese acceder aquí ao blog do Encontro, e aquí á sección Palabra Audiovisual, na que están os vídeos achegados por diversos creadores/as.
Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.
Con esta iniciativa, o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os tratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.
MAÑÁ
– 10:00 h. Chegada e presentación.
– 10:30 h. Mostra do traballo grupo 1: Bingo-me, se teño sorte.
Sinopse: Caixas de zapatos. Stop. O azar xógase en cada número. Stop. Neve, serra eléctrica ou cafeteira. Non se sabe. Stop.
Integran o grupo:
* María Rosendo é feminista, taberneira e poeta. De corpo Nómade, na actualidade vai migrando polos equinocios na cidade de Compostela. Sabe que na forza das mulleres está o camiño da emancipación.
* Roberto Casteleiro é educador social, músico, e dalle con contar algunha cousa nos seguintes proxectos musicais: Koroiev, Fagot y Popota, Korokati, Primrose e Federico Testa.
* Borja Fernández é actor e frontman no grupo de rock absurdo ES UN ÁRBOL. Colabora habitualmente con colectivos de artes escénicas coma Voadora, Chévere, Orquesta Metamovida, Pistacatro, Pt. Excéntricas, entre outros.
– 11:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: María Rosendo, Roberto Casteleiro e Borja Fernández.
– 12:00 h. Pausa/café.
– 12:30 h. Mostra do traballo grupo 2: Escola do Resentimento.
Sinopse: Poesía, música e danza fúndense nun devir espontáneo e natural sobre a construcción dun espazo imaxinario froito da investigación nos ámbitos da fala, o son e o movimento corporal a partir dos textos de poemario CRAC (Gonzalo Hermo, 2012). O resultado é unha combinación das especialidades de cada un dos integrantes do proxecto. Mais non todo é o que parece…
Integran o grupo:
* Gonzalo Hermo é licenciado en Filoloxía Galega pola USC e actualmente traballa no Instituto da Lingua Galega. Os seus textos viron a luz en Revista das Letras, Andar21 ou Dorna. En 2010 gaña o 1º premio na modalidade de poesía do certame Xuventude Crea co poemario Crac editado por Barbantesa. É membro das Redes Escarlata.
* Begoña Cuquejo é licenciada en psicoloxía e fórmase en danza contemporánea, butoh e creación escénica. Funda trasPediante e dirixe o Festival de danza e artes do corpo de rúa en Ourense, corpo(a)terra. Premio injuve por Habelas 2010, traballa noutras producións como trans-hito, nin1mm, Baleadas, planificar a caída. Foi directiva de Danesga no 2008 e 2009.
* Ariel Ninas é un artista sonoro que traballa entre a música tradicional e a vangarda experimental, principalmente coa zanfona onde toca na OMEGA, Ulobit ou Aia. Desenvolve a súa actividade profesional na producción e comunicación con aCentral Folque. No seu último proxecto en solitario desenvolve o concepto de Música para peto para instrumentos miúdos.
– 13:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Gonzalo Hermo, Begoña Cuquejo e Ariel Ninas.
TARDE
– 16:30 h. Mostra do traballo grupo 3: Medo.
Sinopse: Medo non se trata dun espectáculo baseado no terror senón na experimentación artística sobre o concepto do medo e da fobia. Trátase dunha mostra en imaxe, música e palabra na que tres artistas de diferentes campos exploran o medo tanto dende o punto de vista íntimo como dende o plano máis social do concepto (as fobias).
Integran o grupo:
* Daniel Landesa é licenciado en filoloxía galega para desgracia da súa conta corrente e orgullo da parede onde seus país colgaron a orla. Creativo, enquisador, comercial de desparafusadores, bolseiro, desempregado, xefe de comunicación, amo de casa, docente, chaqueta vermella en elcorteingles, adestrador deportivo, conferenciante, borracho gracioso ou pai de familia son parte do seu currículo profesional ademáis de narrador, escritor con vocación poética e membro de Poetas da Hostia.
* Andrea Costas é mestra e na súa labor creativa emprega linguaxes como instalación, vídeo ou performance, e fotografía. As súas pezas foron mostradas en varias exposicións e a súa obra premiada en certames como Novos Valores (2001), Injuve (2002), Artes Plásticas Ourense (2007). Aparte dos libros de fotografía Formas de Ser (CEF, 2002) e Persoal e transferible (CEF, 2006), é co-autora xunto a Yolanda Castaño do libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011).
* mdmme é músico dende os quince anos e na actualidade compaxina a súa actividade performática con varias liñas de investigación relacionadas co son, espazo público, arte e medio rural e o labor docente dende o ano 2000 no proxecto pedagóxico Orquesta 3xploratoria. É coordinador do espazo Alg-a Lab e director do programa de investigación sobre arte e medio rural Verbenas Periféricas.
– 17:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Daniel Landesa, Andrea Costas e mdmme.
– 18:30 h. Palabra e movemento: o espello da imaxe.- Mostra de videopoemas, pezas de videoarte e videodanza.
Entrevista a Fran Alonso en Eirado, da Televisión de Galicia
Entrevista a Fran Alonso no programa Eirado, da Televisión de Galicia:
Entrevista a Andrés Torres Queiruga en Zig zag diario
Entrevista a Andrés Torres Queiruga no programa Zig zag diario, da Televisión de Galicia:
Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena, no Zig zag
Entrevista a Xavier Alcalá sobre Verde oliva
Entrevista a Xavier Alcalá sobre o seu novo libro, Verde oliva, no programa Zig zag diario, da TVG.
Ponteceso: programa do Outono Pondaliano, do 23 ao 30 de outubro
Tres trabes máis no universo Manuel María
“Onde
atoparmos o resplandor total/ capaz de iluminar, dunha vez/ e para sempre, a noite escura?. Os lonxes do solpor pecha a obra poética de Manuel María. Trátase do que se considera o derradeiro título de poesía para o que el propio lle tiña encargado o prólogo a Miguel Anxo Fernán Vello. A Fundación que leva o seu nome publícao agora canda o CD Andando a Terra, Uxía canta a Manuel María máis o DVD De amor e cantería, un documental que nos achega de forma poética a súa casa.
O encontro foi feliz e a voz de Uxía deu un novo traballo musical arredor da obra de Manuel María, sen dúbida, o poeta máis cantado das nosas letras. Desa tradición de cancións, Uxía bota man de dúas, O Carro que compuxo Mero para Fuxan os Ventos e Manual do Señorito, que soara na voz de María Manuela para completar un traballo en que o groso son composicións novas para as que Uxía contou con Sérgio Tannus. “Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira”, comenta Uxía. Coa presentación do 16 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea anúnciase xa unha xira que levará a Uxía por distintas cidades e vilas, para cantar a Manuel María, cun espectáculo en que, ademais das cancións do novo traballo, haberá a presentación dunha figura local da cultura e a proxección do documental De amor e cantería, a terceira trabe que amplía o universo Manuel María. (…)”. Desde Sermos Galiza.
Santiago: presentación-exposición Linde, sobre Cristal escuro, de Branca Novoneyra
A
instalación sonora Linde, que presenta e dá corpo ao novo poemario de Branca Novoneyra, Cristal escuro, abrirase ao público o xoves 18 de outubro a partir das 20:30 horas na Galería SQC (Pérez Constanti, 12, baixo) de Santiago de Compostela. O espazo sonoro foi preparado por Branca Novoneyra e Mónica de Nut e o visual por Jesús Andrés Tejada.


