Unha entrevista con Xosé Filgueira Valverde

Desde Cultura Galega:
“O 7 de agosto de 1995, Cristina Pujales, documentalista do Arquivo Sonoro de Galicia realizou unha longa entrevista a Xosé Filgueira Valverde co obxectivo de contar cun amplo documento sonoro no que o intelectual reflexionara en retrospectiva sobre a súa vida e obra. “Nós somos nós, os nosos mestres e os que traballan connosco e nos axudan”, asegura o intelectual pontevedrés nesta emocionante escolma desta dilatada entrevista que suma o volume 12 da colección As Nosas Voces e que se editou en 1997.”

Ramón Otero Pedrayo repasa a vida e obra de Ramón Cabanillas

Desde Cultura Galega:
“O Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1996 o noveno volume da colección As Nosas Voces. Trátase dunha maxistral conferencia de Ramón Otero Pedrayo sobre a vida e a obra do poeta Ramón Cabanillas pronunciada no Centro Galego de Madrid en 1964. A conferencia permite apreciar a impresionante oratoria de Otero Pedrayo. O intelectual foi presentado por Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Sey), aínda que a súa voz non foi gravada.”

Xesús Ferro Couselo e o nacemento de Ourense

Desde Cultura Galega:
“No ano 1968, o intelectual ourensán Xesús Ferro Couselo impartiu esta conferencia, Orixe e formación da cidade de Ourense, como parte da programación inaugural da Agrupación Cultural Auriense. A conferencia foi gravada por Carlos Guitián. Trátase do volume 8 da colección As nosas voces, publicada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega no ano 1996.”

Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo

O mércores 15 de febreiro, ás 19:30 horas, terá lugar unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. No acto, presentado por Xosé Ramón Fandiño, intervirán Rosa Aneiros, Inma López Silva, Charo Portela e Luz Pozo. Posteriormente proxectarase un vídeo realizado por Xaime Fandiño, e Luís Soto fará unha homenaxe musical.

Programa sobre Celso Emilio Ferreiro en Eirado, da TVG

Desde Xerais:
“O programa Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, dedicou un interesantísimo programa monográfico a Celso Emilio Ferreiro. Amais dunha magnífica reportaxe de Luís Méndez e de entrevistas sobre o poeta de Celanova co seu fillo Luís Ferreiro, co seu biógrafo Ramón Nicolás e coa responsable da edición da súa narrativa Mónica Góñez, o programa recupera do arquivo a actuación de tres músicos que cantaron os seus poemas: Amancio Prada, Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde.

Xuño, Porto do Son: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e proxección de As silenciadas

O sábado 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura (Lugar da Agra, s/n, a carón do Centro de Saúde) de Xuño (Porto do Son), preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, en que se proxectará o documental As silenciadas, de Pablo Ces, e organizado pola A. C. Barbantia, participarán, xunto á autora do libro, Pablo Ces e Xesús Laíño.

Unha homenaxe a Rafael Dieste

Desde Cultura Galega:
“Presentamos unha escolma de gravacións do escritor rianxeiro Rafael Dieste. O Arquivo Sonoro de Galicia publicou esta nova entrega da colección As nosas voces -a número 6 en 1995. O Consello da Cultura Galega contribuía, deste xeito, a conmemorar a Dieste, a quen se lle dedicaba ese ano o Día das Letras Galegas.”

A Coruña: presentación de O soldadiño de chumbo

O domingo 29 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n), preséntase o libro O soldadiño de chumbo, de Hans Christian Andersen, adaptado por Xavier Senín, e publicado en Galaxia. No acto, onde se proxectará igualmente a curta que acompaña a publicación, intervirán Virginia Curiá, Cristina Ameijeiras e Francisco Castro.

Suárez Picallo e Otero Pedrayo: “Fálalles de nós”

Desde Cultura Galega:
“É un dos discursos máis emocionantes do exilio galego. A comisión organizadora da viaxe de Ramón Otero Pedrayo a América despide o 15 de agosto de 1959 ao escritor nun acto da colectividade galega. O xornalista Suárez Picallo pronunciará un emocionante discurso de despedida ao intelectual ourensán. Este é o cuarto volume da serie As Nosas Voces, editado en 1994 polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, titulado Ramón Suárez Picallo e Ramón Otero Pedrayo en América. II: