A Coruña: presentación de A poutada do Oso, de Lois Diéguez

O mércores 23 de marzo, ás 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia e Edicións Laiovento presentan a novela de Lois Diéguez A poutada do Oso. Esta actividade iniciarase coa proxección do dvd De Albre de espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Felipe Castro (axente facultativo medioambiental), Francisco Pillado (director da editorial Laiovento), Felipe-Senén López (arqueólogo e museólogo), e o autor. Desde as 19:00 h., o autor asinará exemplares dos seus libros, na compaña de Felipe Senén.

Vigo: proxección de Translittera, de Rafael Xaneiro

O mércores 2 de marzo, ás 17:00 h., no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (Rúa das Cantigas, s/n.), nas Lagoas-Marcosende, proxección de Translittera, de Rafael Xaneiro. Esta obra foi realizada durante as Xornadas de Novas Linguaxes Poéticas que tiveron lugar en Santiago, A Coruña, Vigo, Cecebre e Trasalba entre o 18 de novembro e o 3 de decembro de 2005, coa participación de Antón Lopo, Iván Prado, Carlos Santiago, Pepe Sendón, Yolanda Castaño, Rafael Xaneiro, Estevo Creus, David Creus, María Lado, Lucía Aldao, Manolo Cortés, Cristina F., Lomarti Adri, minus bálido, Ana Cibeira e Carlos Quiroga, entre outros.

Vigo: Os Bos e Xenerosos. Francisco Fernández del Riego

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra anualmente a súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.
No 2011 chegamos á súa oitava edición, que se dedicou, por decisión unánime dos escritores/as Socios/as, a Francisco Fernández del Riego, polo seu silencioso e incansábel traballo que mantivo aceso o facho da cultura galega en tempos moi difíciles.
Será o sábado, 19 de febreiro, na Casa da Cultura Galega de Vigo, ás 12.00, segundo o seguinte programa:

* Presentación e benvida a cargo de Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol.
* Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG (pódese ler o texto aquí).
* Lectura da acta de concesión de homenaxe por Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG.
* Laudatio a cargo do escritor Víctor F. Freixanes (pódese ler o texto aquí).
* Visionado dun vídeo que recolle o esencial da vida e obra de Francisco Fernández del Riego.
* Entrega da placa conmemorativa á familia de Francisco Fernández del Riego.
* Visionado dun vídeo dos fondos documentais da AELG: Francisco Fernández del Riego respondendo á pregunta, “Por que son escritor?“.
* Lectura de textos de Francisco Fernández del Riego a cargo de Malores Villanueva e Francisco Castro.
* Peche do acto por Cesáreo Sánchez.

O acto conta coa colaboración da Fundación Penzol, Editorial Galaxia e Concello de Vigo (Casa Galega da Cultura). Deixamos aquí o convite do acto.

Crónicas posteriores en Galaxia, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Xornal.

A Coruña: recital multimedia de Yolanda Castaño

O martes 15 de febreiro, ás 19:30 h., na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre, terá lugar un recital multimedia a cargo de Yolanda Castaño, dentro das actividades de reapertura desta biblioteca pública. Incluirá unha proxección de videopoesía.

A Coruña: presentación de O Soldadiño de Chumbo

O sábado 12 de febreiro ás 12:00 h., no CGAI (Rúa Durán Loriga, baixo) da Coruña, preséntase o clásico de Hans Christian Andersen, O Soldadiño de Chumbo, publicado por Galaxia, e que vén acompañado do DVD coa película producida por Continental, do que tamén se preparou unha unha aplicación para iPad. No acto intervirán Tomás Conde e Virginia Curiá, directores da película, e o editor do libro, Francisco Castro. Visionarase a película e os asistentes poderán experimentar coa aplicación do conto para iPad.

A Coruña: presentación da campaña 1 de 200, de Implicadas no Desenvolvemento

O sábado 12 de febreiro, a partir das 12:30 h., no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, e organizada por Implicadas no Desenvolvemento, preséntase a campaña “1 de 200” e proxección de “Quererás ser” e outras pezas audiovisuais, coa intervención de María Reimóndez, Yolanda Castaño e Antón Reixa.