Arquivo da categoría: Banda deseñada
Falece Benito Losada, impulsor da banda deseñada galega
El Patito edita en galego a nova obra de Jack Mircala
“Banda deseñada: Radiografía 2010” en Cultura Galega
“Galicia e os Estados Unidos foron os principais focos de edición de autores de novena arte galegos no ano 2010. Case a metade dos libros do nosos creadores saíron en galego, e a o apoio público á edición no noso país chegou a perto dun terzo dos títulos editados. Por vez primeira, Cultura Galega presenta unha análise polo miúdo da edición de banda deseñada en Galicia. Ao longo de 2010 publicáronse un total de 85 títulos de banda deseñada, ben feita por autores galegos, ben editada por empresas e colectivos do noso país, ben na nosa lingua. Destas, 56 obras foron editadas en Galicia, totalizando nada menos que 383.640 exemplares. Na nosa análise considéranse como volumes separados as edicións dunha mesma obra en varios idiomas, e cóntanse de xeito individual os diferentes números das publicacións periódicas.”
A análise completa pódese consultar neste enlace de Cultura Galega.
Os Bolechas personalizados en Meubook
Grazas a Meubook os Bolechas abren o seu mundo. Partindo dunha foto propia o usuario pode construír un avatar e verse integrado no mundo creado por Pepe Carreiro. O proxecto presentouse o martes 21 de decembro na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela. Meubook chegou a un acordo con Pepe Carreiro e desenvolveu unha ferramenta que permite a creación dun conto personalizado a través da web. Baseándose na tecnoloxía de recoñecemento facial, e a partir da introdución duns poucos datos fisionómicos, un avanzado programa de caricaturización elabora unha imaxe do usuario adaptada ao mundo creado por Pepe Carreiro, que como personaxe dos Bolechas protagonizará unha historia creada para a ocasión. O libro pode ser solicitado a través da web ou encomendado ao libreiro de confianza en seis idiomas: galego, castelán, catalán, vasco, aranés e portugués. O conto personalizado dos Bolechas é un novo produto de Meubook, unha plataforma que pretende ofrecer servizos eficientes e polivalentes para lectores e editores. Orixinalmente galega, a plataforma Meubook pretende achegarse ao usuario do ecosistema do libro en varias linguas: galego, castelán, catalán, vasco, portugués, inglés e francés. Varios autores da AELG figuran entre os que ofrecen obra na nova plataforma Meubook, como Xavier Queipo e Xavier Alcalá. Esta nova foi recollida tamén en Xornal e Galicia Hoxe.
Desmitificando heroes
Mariano Casas: “O oficio do narrador”
Brais Rodríguez gaña VI Premio Castelao de Banda Deseñada con A man do diaño
“Un alegato humanista e antibelicista”. Así cualificou o xurado do Premio Castelao de Banda Deseñada a historieta A man do diaño do debuxante Brais Rodríguez (Brión, 1980) que onte gañou a súa sexta edición. O galardón, convocado pola Deputación da Coruña, supón para este ilustrador un pulo para a súa motivación -a obra publicarase o vindeiro ano-, ademais dunha axuda económica -está dotado con 6.500 euros-. O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda fixo público onte a resolución xunto co comisario do certame, Miguelanxo Prado e a deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño. O xurado destacou que “a partir dunha anécdota sinxela”, A man do diaño elabora “nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista”. Segundo comenta o debuxante, a historieta é “a historia de tres soldados que teñen unha visión bélica propia, pero mentres van cumprindo a súa misión, ven a dimensión humana da guerra”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, A man do diaño sitúase “nun espazo de utopía e ucronía”, dende o que o debuxante “vai amosando un catálogo de situacións e implicacións dos personaxes” durante unha situación bélica, que levan ao lector a “unha reflexión sobre o absurdo das guerras”. A través diso, o debuxante coruñés afonda no “carácter humano do antibelicismo”, xa que os tres personaxes se formulan se a súa misión bélica ten sentido ou non. “Como en moitas películas bélicas, atopámonos nun escenario infernal, que non é humano, que non atopa sentido”, asegura o autor do cómic. De feito, o autor non quixo tampouco localizar a historieta nun país concreto. “Non concretei unhas coordenadas espazo-temporais. Podería suceder tanto nos países de Europa do Leste como en Suramérica. Non quixen remarcalo, senón que me centrei no aspecto antibelicista”, engade o autor. A acta do xurado destaca tamén o acertado uso dos recursos narrativos da obra premiada, “cun estilo moderno, claramente vencellado á banda deseñada europea máis nova”. Neste sentido, en opinión do debuxante, as súas influencias dentro do mundo da banda deseñada é unha “cuestión xeracional”. “Hai autores que levan creando moitos anos e que me influíron como Chester Brown”, comenta Brais Rodríguez, con referencia a un dos referentes do cómic independente dos anos 90 en Estados Unidos. Con todo, o debuxante nado en Brión non circunscribe as súas influencias só ao ámbito europeo ou americano. “Teño máis próximos a ilustradores españois como Bruguera, Vázquez ou Superlópez, que sempre están aí”, indica. (De Galicia Hoxe, tamén aparece a nova en Xornal, La Voz de Galicia).
Cangas: presentación de Persépole, de Marjane Satrapi
O martes 26 de outubro, ás 20:00 h., no marco do Salón de Banda Deseñada que se celebra na Capela do Hospital de Cangas, preséntase a tradución ao galego de Persépole, de Marjane Satrapi, título que abre a colección de novela gráfica de Rinoceronte Editora. O proxecto, que supón a entrada na BD do selo ubicado en Cangas, pretende publicar traducións á nosa lingua das principais obras da BD contemporánea internacional, coa intención de tirar seis títulos cada ano, tendo previsto seguir con Palestina e Safe Area Gorazde de Joe Sacco, ademais de Contrato con Deus de Will Eisner. A colección publicarase en formato de 17×24 centímetros e a branco e negro, procurando respectar, dentro deses límites o formato orixinal das obras.
Santiago: banda deseñada para divulgar a ciencia
A Fundación CEER presenta no marco da Semana da Ciencia o cómic Coñecía Darwin a serpe das sete cabezas?, unha ferramenta para a divulgación da ciencia entre a poboación máis nova. O volume preséntase hoxe no Salón de graos da Facultade de Bioloxía da USC, Santiago de Compostela, ás 18:30, nun acto que contará coa presenza de Senén Barro, reitor da USC e presidente do CEER; Carlos Ferrás, director do CEER; Ricardo Capilla, director xeral de I+D+i, e Jaime Gómez, decano da facultade de bioloxía da USC. A seguir haberá un debate co tema É posible innovar na divulgación da ciencia?, moderado por Antía Pose, coordinaodra do CEER, e coa participación de Francisco G. Quiroga, project manager da Fundación CEER, Xurxo Mariño, Membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e Elias Torres Feijoo, Profesor titular de Filoloxía Galega da USC.