Santiago: Jorge Amado, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 12 de maio, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Jorge Amado. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Basilio Losada.
13:00 h. Jorge Amado no cinema. O iconoclasta cineasta brasileiro Glauber Rocha realizou en 1979 este documental onde plasma a súa particular mirada sobre a vida cotiá de Jorge Amado e a súa dona, Zélia Gattai.

Presenta: José Manuel Sande, responsable de programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

A Coruña: A Literatura e o Cinema, con Carlos Amil e Margarita Ledo, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura

O mércores 18 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), continúan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e o Cinema, onde participan como relatores Carlos Amil e Margarita Ledo, presentados por Antía Otero.

Neda: X Xornadas Literarias arredor da figura de Bob Dylan

As X Xornadas Literarias, organizadas pola Biblioteca de Neda e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, campus Ferrol, xirarán, entre o mércores 18 e o venres 20 de abril, arredor da figura de Bob Dylan. As inscricións son gratuítas, na Biblioteca de Neda (Avenida de Alxeciras, 61, C. P. 15510, teléfono 981390233, correo electrónico: cultura@neda.dicoruna.es). O programa é o seguinte (premer na imaxe para mellor visualización):

V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura

Chegan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, que se desenvolverán no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) os mércores 11, 18 e 25 de abril, ás 20:00 horas, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
No desenvolvemento creativo de toda cultura sempre estiveron presentes as máis diversas formas de colaboración entre a artes e a literatura.
É intención desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) facer unha aproximación a esta relación que, da man da literatura galega, as artes plásticas o cinema, a música, tiveron e teñen na cultura galega dentro dun mesmo contexto sociocultural como resposta a unha mesma realidade nun mesmo período temporal.
Ao longo de tres mesas redondas, compartidas por escritores, cineastas, deseñadores e compositores, falaremos da súa relación, das formas de comunicación ou de influencia entre elas e dos froitos que finalmente resultan destas formas de colaboración ou de tan só ter compartido un mesmo tempo histórico.

O programa é o seguinte:
11 de abril. Mesa inaugural: A arte e a literatura. Con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane.
18 de abril. A literatura e o cinema. Con Carlos Amil e Margarita Ledo.
25 de abril. A literatura e a música. Con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto.

Vídeo de Luz verde, curtametraxe baseada en Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso

“Baseada no relato 01 AM de Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso, a curtametraxe Luz Verde pode ser visionada xa na rede. Cun reparto protagonizado por Dorotea Bárcena, César Cambeiro, Miguel Llanderas, Susana Álvarez, Carmelo Abollo, Uxío Couto e Martín Martínez, Luz Verde relata a historia dunha muller de Cabral, en Vigo, que chega ao centro da cidade, de madrugada, para mercar un medicamento nunha farmacia. A curtametraxe está producida por Urban Pig Films e dirixida por Sara Casal.” Vía Xerais.

Ángel de la Cruz: “Non sería raro que un filme de animación fose nominado na categoría de mellor película”

Entrevista a Ángel de la Cruz en Praza:
“(…) Arrugas é un proxecto arriscado, a adaptación do álbum de Paco Roca centrado na demencia senil e o alzheimer e a vida nunha residencia de anciáns. Precisamente hai uns días un grupo de traballadores dun xeriátrico compostelán, na Volta do Castro, enviáronlle a Alberto Núñez Feijoo unha entrada para ir ver o filme ao cinema e así coñecese como transcorre a vida nun centro destas características, “xa que non se digna a visitar os seus propios centro de traballo”, explicaban.
– Praza (P): Arrugas é o terceiro filme dirixido por ti que acada un Goya. As sensacións son as mesmas que a primeira vez?
– Ángel de la Cruz (ÁC): Non, non é a mesma sensación. Cando nos deron o Goya por O bosque animado non o esperabamos, non nos coñecía ninguén. Pero de todos os xeitos, este premio ao mellor guión adaptado devolveume esas sensacións da primeira vez, porque non contabamos con el. Foi moi emocionante. (…)
– P: O premio certifica o bo momento da animación galega?
– ÁC: Comeza a recoñecerse a Galicia, non só en España, senón en todo o mundo, como un sitio no que somos expertos en animación. E é importante manter esa sona. Constato, cando vou a Madrid, que a xente pode non recoñecer que unha película é dun ou doutro director, dunha produtora ou doutra, de Filmax ou Dygra, pero eles si que a asocian con Galicia, co bo facer da animación galega.
– P: Tes novos proxectos? Volverás adaptar unha novela gráfica?
– ÁC: Teño entre mans algúns proxectos, unha adaptación, aínda que non de novela gráfica, de momento. Pero non o desboto.”

Vídeo da conversa de Manuel Rivas José Luis Cuerda co xornalista Manuel Jabois, no Culturgal 2011

“O escritor Manuel Rivas e o cineasta José Luis Cuerda falan co xornalista pontevedrés Manuel Jabois dos camiños de ida e volta que unen a literatura e o cine, a partir das súas experiencias con A lingua das bolboretas e Todo é silencio, a última novela de Rivas que Cuerda está rodando en Galicia. Rivas falará tamén da antoloxía de relatos O máis estraño, que ven de presentar con Xerais.” No Culturgal 2011. Vía Redelibros.

Ourense: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 15 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Avenida da Habana, 12) de Ourense, terá lugar un diálogo entre Ángel de la CruzMiguel Anxo Fernández, arredor da novela Lume de cobiza, deste último autor, publicada en Galaxia. Estarán moderados por Xosé Manoel Rodríguez.
Fotobiografía posterior deste acto en Galaxia.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o sábado 3 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, continúa sábado 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Sábado 3:
12:00 h. Presentación de Onde mercan os larpeiros, de Tomás Alonso e Víctor López, publicado en Galaxia. No Salón.
12:30 h. 2.0 Editora. Presentación do proxecto editorial. No Salón.
13:00 h. María Solar e Xosé Tomás: Vou ter un irmán!!!, publicado en Galaxia. No Cuarto dos Nenos.
13:30 h. Colección de libros Cociña infantil e familiar, de Ouvirmos. No Salón.
13:30 h. Entrevista a Inacio Vilariño e sinatura do seu libro Fábula Galénica, publicado en Baía Edicións.
14:00 h. Elena Gallego: Dragal I e Dragal II, novelas xuvenís publicadas en Xerais. No Salón.
16:30 h. Berrobambán: Contatrás. No Cuarto dos Nenos.
17:00 h. Colectivo da Porta Verde do Sétimo Andar: Q de Vian. Cadernos. No Salón.
17:30 h. Xosé Tomás: Nómades. A emigración a través das mulleres, publicado en Galaxia. No Salón.
18:00 h. Café con: Manuel Rivas.
18:00 h. Guía das libélulas de Galicia, publicada en Baía Edicións. No Salón.
18:30 h. Fernando Neira: Berrogüetto: O pulso da terra. Un libro sobre a eclosión do folque galego, publicado en Galaxia. No Patio.
18:30 h. Anxo Fariña: A chave da Atlántida. No Cuarto dos Nenos.
19:00 h. Café con: Domingo Villar.
19:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda. No Salón.
20:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Domingo Villar e novos autores de novela negra: Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada. No Salón.
20:00 h. Happening multidisciplinar. Vídeo, son, palabras, expresión corporal. No Faiado.