Muxía: coloquio e presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e As silenciadas, de Pablo Ces

O sábado 17 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos de Muxía, e dentro das actividades da Galería de Mulleres de Muxía, proxéctase o documental de Pablo Ces As silenciadas, con guión de Aurora Marco e baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Neste acto van estar presentes os propios Pablo Ces e Aurora Marco, que nos falarán da película e do libro, e actuará en directo o compositor que fixo a banda sonora.

Pontedeume: charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, con Ramón Nicolás e Luís Ferreiro

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores (Rúa Ferreiros, 20) de Pontedeume, terá lugar unha charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, coa presenza de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, fillo do escritor. O acto está organizado pola Lonxa Literaria do Ateneo Eumés Fernán Martís, e, dentro del, leranse poemas de Viaxe ao país dos ananos.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Lugares Máxicos

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 12 de marzo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo, terá lugar un coloquio sobre o tema Lugares Máxicos. Participan Vítor Vaqueiro e Antonio Reigosa, coa moderación de Calros Solla.

Pontevedra: presentación-debate de Verbas no ar, de Iria Morgade

O venres 9 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) de Pontevedra, terá lugar unha presentación-debate sobre a novela Verbas no ar, de Iria Morgade, obra gañadora do VII Premio Biblos. Este encontro pretende crear un lugar de debate, de encontro de ideas e de reflexión. O encontro comezará cunha breve proxección documental, seguido dun pequeno diálogo coa novela.

Santiago: presentación conxunta de Contos Estraños Pulp: Anoiteceres Estraños e O Morador da Fenda

A noite do venres 2 de marzo, na Gentalha do Pichel (R/ Santa Clara) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Anoiteceres Estraños e O Morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues, publicados por Contos Estraños. Este é o programa previsto:
20:30 – Recepción dos autores.
21:00 – Recepción e venda de exemplares.
21:30 – 21:45: Presentación Contos Estraños nº 1, Anoiteceres Estraños.
21:45 – 22:00: Presentación O morador da Fenda, de Roberto A. Rodrigues.
22:00 – 22:45: Charla e firmas.
22:45 – 01:00: Cea anos 20 (Reserva 10 euros a través do mail: contosestranhos@gmail.com).

A Coruña: presentación de Febre, de Héctor Carré

O xoves 1 de marzo, ás 11:30 horas, no Centro Galego de Artes da Imaxe (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, preséntase Febre, de Héctor Carré, publicado en Xerais. O acto, organizado para os alumnos e alumnas de Bacharelato Audiovisual do IES Adormideras, contará coa participación de Manuel Bragado e propio autor, quen falará cos estudantes da súa novela e sobre a relación da literatura co cine.

Gondomar: faladoiro Galicia: país sen santas, por Ofelia Rey Castelao

O venres 17 de febreiro, ás 20:30 horas, na sede do Instituto de Estudos Miñoranos, na Aula de Cultura Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, terá lugar unha nova Tertulia do IEM coa catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago, Ofelia Rey Castelao. O faladoiro terá por título Galicia, país sen santas: Monxas e beatas na Idade Moderna, sendo presentada por Xosé Lois Vilar.

Gondomar: Marica Campo no Clube de Lectura Sete Vidas

O martes 7 de febreiro na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co Clube de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo, publicado en Baía Edicións, ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia escritora achegarase á Biblioteca para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.