O 25 de novembro coñeceranse as novelas finalistas da XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor

O xurado encargado de fallar esta edición do Premio Blanco Amor está formado pola Concelleira de Cultura e Deportes, Rocío A. Bértoa Puente, que actúa como Presidenta e polos escritores e críticos literarios Xosé Mª Dobarro Paz, Miro Villar, Manuel Lourenzo González (último gañador do Blanco Amor) e Marga Romero, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o coordinador técnico desta edición do Premio, Daniel Romero. Publicadas as novelas finalistas, o xurado dará a coñecer a novela gañadora e as razóns deste merecemento nun acto que terá lugar o vindeiro 1 de decembro, ás 21:00 horas, no local da SCRD Agarimo de Sillobre, acto no que se procederá á entrega do Premio e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.
En paralelo aos labores do xurado, o Concello de Fene, organizador desta edición do Blanco Amor, prosegue co ciclo de actividades programadas ao redor do propio Premio e da figura de Blanco Amor.
Eis, no ciclo de faladoiros con gañadores do Blanco Amor, o 15 de novembro, ás 19 h visitará a Biblioteca Municipal Xesús Rábade Paredes, nun faladoiro conducido por Verónica Martínez Delgado e o 22 de novembro, á mesma hora, o faladoiro con Inma López Silva estará conducido por Mercedes Queixas.
O 23 de novembro, ás 20:30 h, o CCRD de Perlío acollerá a rememoración da única homenaxe en vida a Blanco Amor que organizara o Círculo de Perlío o 10 de decembro de 1976. A rememoración consistirá na estrea da obra de Don Eduardo O cantar dos cantares, a cargo do grupo de teatro Xosemaría Pérez Parallé, do CMI Unidade de Fene, dirixido por Carlos Basoa.
Tamén até o 23 de novembro pode visitarse na Casa da Cultura de Fene a Exposición-homenaxe a Blanco Amor. Dezaoito ilustradores/as de primeiro nivel participan nesta exposición promovida polo Museo do Humor de Fene e comisariada polo debuxante Siro López. Compoñen a mostra orixinais de Aida Alonso, Almudena Aparicio, Calros Silvar, Dani Padrón, Idoia de Luxán, Nacho Hortas, Pablo Otero, Pinto e Chinto, Xan Carpente, Xosé Cobas, Xosé Lois, Siro Lopez Lorenzo, Santy Gutiérrez, Michel Casado, Augusto Metztli, Gonzalo Vilas, Jaime Asensi e Miki.

A Coruña: conversa entre Xurxo Souto e Daniel Salgado sobre A literatura na música galega

O luns 12 de novembro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Xurxo Souto e Daniel Salgado pechan o Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa sobre A literatura na música galega, coordinados polo xornalista Iago Martínez.

Fene: tertulia de Francisco Castro con Carlos Negro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 8 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Francisco Castro, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Neda en 2005, coa novela Spam, falará sobre esta obra nun acto conducido por Carlos Negro.

A Coruña: Mario Regueira e Xesús Fraga conversan sobre A música na literatura galega

O mércores 7 de novembro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Mario Regueira e Xesús Fraga proseguen co Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa que versará sobre A música na literatura galega, coordinados polo xornalista Iago Martínez.

Gondomar: María Xosé Queizán falará sobre o seu libro Meu pai vaite matar

O martes 6 de novembro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, ten lugar a cita mensual co club de lectura Sete Vidas que mantén a asociación Espazo Lectura. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. A actividade comeza ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia autora achegarase á biblioteca de Gondomar para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.

A Coruña: conversa sobre lingua, música e literatura entre Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro

O xoves 25 de outubro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro inauguran o Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa que versará sobre lingua, música e literatura en Galicia, coordinados polo xornalista Iago Martínez.

Fene: tertulia de Valentín Carrera con Tati Mancebo, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 25 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Valentín Carrera, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Narón en 1990, coa novela Riosil, falará sobre esta obra nun acto conducido por Tati Mancebo.