A Coruña: coloquio na Domus

A primavera, o sangue altera? é o tema da terceira sesión de Os luns con ciencia, o ciclo de actividades de divulgación preparado polos Museos Científicos co patrocinio de Caixanova. O coloquio intercultural de hoxe, que moderará Pablo Portabales, xornalista de RadioVoz, tratará sobre o cambio de estación desde a perspectiva da psicoloxía, a medicina, a literatura, a astronomía e a bioloxía. Para iso contarase coa intervención de profesionais das diferentes materias, como son Manuel Fernández Blanco, adxunto do Servicio de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; Xulio L. Valcárcel, escritor, profesor e crítico de arte; Pedro Galán, profesor titular da área de Zooloxía da Universidade da Coruña e Borja Tosar, vicepresidente da Agrupación Astronómica Io. O acto celebrarase na Domus (r/ Santa Teresa 1, A Coruña) a partir das 20 horas. A entrada é libre e gratuíta.

A Coruña: comezan as celebracións do “Ano Darwin”

Os Museos Científicos Coruñeses comezan a celebración do Ano Darwin coa presentación aos medios da programación prevista para conmemorar a efeméride mañá xoves 12 de febreiro de 2009, xusto o día no que se cumpren douscentos anos do nacemento do científico británico. Será a partir das 19:15 na Domus, e no acto terá lugar unha breve representación especialmente elaborada para a ocasión por parte de Casa Hamlet, recoñecida entidade teatral coruñesa.

A continuación, ás 20 horas, haberá un coloquio sobre a teoría da evolución realizado en colaboración coa Unidade de Divulgación e Cultura Científica e Facultade de Ciencias da Universidade de A Coruña, presentado e moderado polo director dos Museos Científicos, Xosé Antón Fraga, e no que intervirán os profesores desta institución académica Roberto Bao, Marta Vila e Pedro Galán e mais o divulgador Ernesto Carmena. A entrada é libre até completar o aforo.

Ourense: coloquio con Manuel Vicent e Ángel Sánchez Harguindey

Rematan os Encontros Literarios organizados pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense cunha conferencia-coloquio que reunirá ao escritor Manuel Vicent e o xornalista Ángel Sánchez Harguindey arredor do tema Relato corto y articulismo. Será mañá venres 6 de febreiro ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da entidade, con entrada libre.

Manuel Vicent, escritor e xornalista valenciano, publicou en Alfaguara Tranvía a la Malvarrosa (1994), Jardín de Villa Valeria (1996), Las horas paganas (1998), Son de Mar (Premio Alfaguara 1999), La novia de Matisse (2000), Cuerpos sucesivos (2003) e Verás el cielo abierto (2005). Colaborador habitual do xornal El País, unha escolma dos seus artigos están recollidos en Nadie muere la víspera (2004). Viajes, fábulas y otras travesías (2006) e Comer y beber a mi manera (2006) son os seus últimos libros publicados.

Ángel Sánchez Harguindey é adxunto á dirección de El País, xornal no que traballou desde a súa fundación, sempre vencellado á área de Cultura e Espectáculos. É autor do libro Memorias de sobremesa. Conversaciones con Rafael Azcona y Manuel Vicent.

Diálogos literarios para recordar a Torrente Ballester

Hai hoxe dez anos morría o escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, unha das figuras máis destacadas da literatura española do século XX. O Concello de Ferrol, a Fundación Caixa Galicia e a Asociación “Amigos da Universidade” do Campus de Ferrol prepararon unha serie de actividades para conmemorar o aniversario que comezan pasadomañá, xoves 29 de xaneiro, cunha conferencia do escritor e membro da Real Academia de la Lengua Carlos Castillo del Pino, acompañado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel Villanueva. Proseguirá o ciclo cun encontro entre Javier Cercas, autor da novela “Soldados de Salamina”, e a profesora da Universidade de Vigo, Carmen Becerra. Sete días despois, o 12 de febreiro, conversarán Julio Llamazares e Manuel Candelas. Xa en marzo poderemos escoitar aos poetas Miguel d´Ors e Xulio López Valcárcel, e para pechar este ciclo de Diálogos Literarios a Rafael Chirbes e o crítico Ángel Basanta. Será sempre no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia a partir das oito da tarde.

A Coruña: presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez

O próximo 12 de febreiro, xoves, ás 20:00 no centro Fonseca dos xesuítas, terá a presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez, con Modesto Vázquez e Joaquín Garcia de Dios. Falarase tamén do libro anterior do mesmo autor Más allá de la fragmentación de la teología, el saber y la vida. Raimon Panikkar.

O grupo poético De Amor e Desamor celebra os seus 25 años

«Durante este ano, os segundos martes de cada mes, a sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, acollerá un recital poético para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Esta xeración xurdía na cidade coruñesa en 1984 e reunía a poetas que van desde o falecido Lois Pereiro ata Monterroso Devesa, pasando por Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Miguel Mato e Salinas Portugal. Estes autores publicaron entón un poemario actualmente descatalogado.[…]» (La Voz de Galicia)

O escritor anglosaxón Bali Rai visitará varios institutos de Galicia

O escritor, que ten no seu haber preto dunha vintena de títulos, algúns de tanta repercusión coma Rani & Sukh ou The crew e prestixiosos premios coma o “Brandford Boase Award Shorlist” ou o “Angus Book Award”, estará en varios institutos de Galicia entre o 24 e o 27 de novembro:

Luns día 24 – Sada (IES Isaac Díaz Pardo) e Arteixo ( IES Manuel Murguía)
Mates día 25 -Catoira (CPI de Progreso) e Sada (clube de lectores do IES Isaac Díaz Pardo)
Mércores día 26 – Boiro (Casa da Cultura con alumnos do IES A Cachada) e A Coruña (clube de lectores do IES Menéndez Pidal)
Xoves día 27 – Santiago de Compostela (IES Antón Fraguas) e Silleda (IES Pintor Colmeiro)

Bali Rai confírmase xa como un dos escritores máis prolíficos e de maior éxito na literatura anglosaxona xuvenil. (Sotelo Blanco Edicións)

A Coruña: Historias da Coruña. A memoria da cidade

Do 19 ao 28 de novembro de 2008 deselvolveranse as Historias da Coruña. A memoria da cidade: “O futuro da cidade construímolo entre todos e todas, no día a día, aproveitando sempre o traballo e a experiencia de quen nos precedeu, ao tempo que planificamos en termos de futuro, transcendendo intereses inmediatos co pensamento nas vindeiras xeracións.”

Intervirán através dun amplo programa Xavier Seoane, Aurora Marco, María Lopo, Kathleen March, Tareixa Campo, Laura Tato, Cilha Lourenco, Carlos Biscaínho, Xosé António Fraga, Xosé Luís Martínez, Laura Mariño e Diego Pardo. Ver programa. (AS-PG)