A Coruña: estrea do documental histórico Silenciadas, de Pablo Ces, sobre un traballo de Aurora Marco

O venres Silenciadas8 de abril, ás 20:30 h., no Domus (Rúa Santa Teresa, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, estréase o documental histórico Silenciadas, froito dun traballo de investigación de Aurora Marco e dirixido por Pablo Ces, con guión de ambos os dous e banda sonora de Pilo Sierra, Xacobe Lamas e Kiko Reimúndez. O acto está organizado pola Concellaría de Igualdade e Participación da cidade, dentro das actividades ao redor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Este film, dunha hora de duración, destaca pola súa fondura e o estremecemento que producen as súas historias: vidas de numerosas mulleres que andaron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro, pezas fundamentais para a superviviencia daquel e que por defendelo, foron duramente represaliadas: cárcere, tortura física e psicolóxica, exilio e incluso morte.

A Coruña: coloquio na Domus

A primavera, o sangue altera? é o tema da terceira sesión de Os luns con ciencia, o ciclo de actividades de divulgación preparado polos Museos Científicos co patrocinio de Caixanova. O coloquio intercultural de hoxe, que moderará Pablo Portabales, xornalista de RadioVoz, tratará sobre o cambio de estación desde a perspectiva da psicoloxía, a medicina, a literatura, a astronomía e a bioloxía. Para iso contarase coa intervención de profesionais das diferentes materias, como son Manuel Fernández Blanco, adxunto do Servicio de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; Xulio L. Valcárcel, escritor, profesor e crítico de arte; Pedro Galán, profesor titular da área de Zooloxía da Universidade da Coruña e Borja Tosar, vicepresidente da Agrupación Astronómica Io. O acto celebrarase na Domus (r/ Santa Teresa 1, A Coruña) a partir das 20 horas. A entrada é libre e gratuíta.

A Coruña: conferencia de Jorge Wagensberg

Os Museos Científicos inician o ciclo de divulgación científica Os luns con ciencia. A primeira actividade terá como protagonista a Jorge Wagensberg, director da Área de Medio e Ciencia da Fundación “La Caixa”. Este cientifico abrirá o ciclo hoxe luns 9 de marzo ás 20:00 cunha charla titualada El gozo intelectual. A súa intervención tratará sobre o afán de saber e o pracer que este procura, expoñendo historias e reflexións do quefacer diario dun científico nos que xorden o estímulo, a conversa, a comprensión e a intuición nunha gran variedade de situacións. Presentará a Jorge Wagensberg o escritor Xavier Seoane. A cita é na Domus e a entrada é libre, até completar aforo.

A Coruña: os Museos Científicos reparten unha Guía do Ceo en galego

Mañá sábado 7 de marzo os Museos Científicos Coruñeses sumaránse a celebración do Ano Internacional da Astronomía entregando gratuitamente a cada visitante da Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae un exemplar da Guía do Ceo 2009, editada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

A guía recolle, entre outras cousas, algúns consellos para iniciarse na observación do firmamento, a orientación, as ferramentas a empregar, así como mapas do ceo mes a mes.

A Coruña: comezan as celebracións do “Ano Darwin”

Os Museos Científicos Coruñeses comezan a celebración do Ano Darwin coa presentación aos medios da programación prevista para conmemorar a efeméride mañá xoves 12 de febreiro de 2009, xusto o día no que se cumpren douscentos anos do nacemento do científico británico. Será a partir das 19:15 na Domus, e no acto terá lugar unha breve representación especialmente elaborada para a ocasión por parte de Casa Hamlet, recoñecida entidade teatral coruñesa.

A continuación, ás 20 horas, haberá un coloquio sobre a teoría da evolución realizado en colaboración coa Unidade de Divulgación e Cultura Científica e Facultade de Ciencias da Universidade de A Coruña, presentado e moderado polo director dos Museos Científicos, Xosé Antón Fraga, e no que intervirán os profesores desta institución académica Roberto Bao, Marta Vila e Pedro Galán e mais o divulgador Ernesto Carmena. A entrada é libre até completar o aforo.