A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou a súa Asemblea Xeral de 2012

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou o pasado sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as.

A Asemblea aprobou dedicar a Homenaxe Os Bos e Xenerosos a Francisco Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego, quen ao longo de máis de corenta anos participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto; Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG. Esta homenaxe terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Museo do Pobo Galego.
Decidiuse entregar o Premio AELG para institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais aos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.
A distinción Escritor Galego Universal será para José Luis Sampedro.
Tamén se aprobou que o vindeiro Escritor na súa Terra sexa Xavier Rodríguez Baixeras, a quen se homenaxeará no mes de xuño en Ribadeo.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.

A Asemblea manifestou o seu apoio ás pequenas e medianas editoriais galegas, que se atopan nun momento no que a distribución dos seus libros en galego encontra serias dificultades.
Aproveita para felicitar a editorial Espiral Maior pola celebración do 20 aniversario da súa fundación e á editorial Xerais por alcanzar a venda de 10 millóns de exemplares.

E a seguir o avance da programación para o primeiro semestre de 2012 que se presentou á Asemblea e na que a AELG está traballando, programación que se pode consultar en detalle na web da Asociación:
1. Día de Rosalía. Lectura dun manifesto e textos literarios nas principais cidades (24 de febreiro).
2. Obradoiro da Escola de Escritores/as no Concello de Oleiros.
3. Os Bos e Xenerosos.
4. Premios AELG 2012.
5. V Encontros Cidade da Coruña.
6. Letra E. O Escritor na súa Terra.
7. Continuación das sesións de gravacións a Socios/as.
8. Continuación da dixitalización de documentación de Socios/as.
9. Mantemento das entradas dos Socios/as na Wikipedia.

Vigo: manifesto sobre o feche do Arquivo Pacheco

A TODA A CIDADANÍA

Diante do feche do ARQUIVO PACHECO por parte da Concellaría de Cultura de Vigo, feito acontecido o pasado dia 31 de decembro de 2011, desexamos manifestar:

1. Prodúcese, máis unha vez, a clausura do ARQUIVO PACHECO dependendo dun cambio de goberno municipal. Dita actitude priva ao pobo de Vigo da utilización do arquivo, ficando, desta maneira, conxelados proxectos que van desde o simple lecer á investigación académica.

2. Execútase o feche despois do período probabelmente máis frutífero de traballo do Arquivo. Por primeira vez desde a súa adquisición, o ARQUIVO PACHECO estaba sendo conducido por un grupo humano que procedía do mundo da fotografía e posuía un proxecto integral e coherente para o legado. As persoas que ali traballaban posúen titulacións de especialistas, licenciadas e doutoras en imaxe, mesmo con teses de doutoramento realizadas sobre o ARQUIVO PACHECO, e teñen artigos da súa autoria aparecidos en revistas galegas e internacionais, así como libros publicados en editoriais de rango europeo, con todo o que iso supón de proxección internacional do nome de Pacheco e da cidade de Vigo. Entre todas as persoas arbitrariamente despedidas, contabilízase, a dia de hoxe, unha experiencia consolidada de 80 (oitenta) anos dedicados á práctica, o estudo, a análise e a docencia, mesmo no seu nivel universitario, da fotografía.

3.  Algúns datos, sen desexo de exhaustividade, axudarán á comprensión do traballo realizado: publicación de tres Axendas fotográficas e 2 libros de grande calidade sobre a figura de Pacheco; inauguración de tres exposicións monográficas; convocatoria, por primeira vez, do Premio Pacheco de fotografía, compromiso adquirido hai 21 anos polo Concello vigués que só até a chegada do equipo sinalado se cumpriu; ordenación, limpeza e clasificación de case 60.000 fotografías que se achaban desordenadas; confección de bases de datos e introdución, catalogación e documentación nelas de 25.000 fotografías; asesoramento na realización de traballos de pesquisa universitaria, de investigación sobre os arrabaldes e parroquias viguesas feitos por Asociacións de Veciños e Culturais; asistencia a empresas do ámbito privado ou de apoio a institucións públicas, constituíndo un total de 100 proxectos, así como visitas a particulares para recoller fotografía viguesa do século XIX, doada xenerosamente polos seus propietarios e articulación dunha rede estábel de informantes que enriquecían, desinteresadamente, o coñecemento sobre o pasado da cidade.

4. Perante a decisión da Concelleira de Cultura, decisión que pensamos só procede dunha actitude despreciativa frente a calquera obra realizada por outros; egoísta, porque non ten en conta o tesouro cultural que existe no ARQUIVO PACHECO nin a frustración humana de miles de persoas, e inconsciente, porque ignora o profundo dano que a docentes, movemento asociativo veciñal, investigadoras e investigadores e público en xeral causa, as persoas que asinamos este documento pedimos a toda a cidadania viguesa que reflicta nas causas da decisión tomada pola Concellaría de Cultura e se pregunte os verdadeiros motivos de expulsión do equipo talvez máis coherente e profisionalizado que, desde o ano 1991, traballou na mellor colección fotográfica de Vigo e de Galiza, a cal coñecemos polo nome de ARQUIVO PACHECO.

Vítor Vaqueiro
Isabel Llantada
Pilar Abades
Pablo Pardo

As persoas interesadas en apoialo, poden anotar no cadro de abaixo o seu nome e apelidos, número de carné de identidade e profesión, e logo enviar a resposta ao correo electrónico caccamo@telefonica.net

APOIAN O PRESENTE DOCUMENTO AS SEGUINTES PERSOAS
NOME E APELIDOS NUMERO CARNÉ DE IDENTIDADE PROFESIÓN
     
     

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pide a dimisión do Valedor do Pobo

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recibe con profundo malestar a información que algúns medios de comunicación ofrecen no día de hoxe á cidadanía, a respecto de o Valedor do Pobo terse dirixido á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para que se retire ‑do mercado e das aulas nas que está en activo‑ un libro de texto de Coñecemento do Medio, en Educación Primaria, por recoller de xeito literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1., «A lingua propia de Galicia é o galego»; petición acollida, de xeito inmediato, por parte da propia Consellería de Educación, indicando que instará á editorial a «que corrixa con carácter definitivo» as próximas edicións da obra e advertíndo de que «En caso contrario teriamos que adoptar as decisións oportunas por parte da Administración educativa.»

Esta negación e deslexitimación da redacción do propio Estatuto de Autonomía é considerada pola AELG como unha gravísima actuación que ataca o principal soporte legal protector da nosa lingua (a súa consideración como propia e oficial), promovida como un ataque manipulador contra o principal trazo identificador do que somos e representamos no actual marco plurilingüe e pluricultural do Estado español.

A AELG quere deixar constancia pública da súa valoración como absolutamente inadmisíbel deste feito, un ataque máis á nosa lingua que nunca debeu terse producido, máxime tendo en conta que procede daquelas autoridades e organismos que deberan centrar a súa preocupación e esforzo en cumprir cos principais mandatos legais a este respecto: a súa protección real e promoción desprexuizada.

Desde a AELG, agardamos unha rectificación inmediata por parte do Valedor do Pobo, así como a súa dimisión, pois en reiteradas ocasións ten manifestado o incumprimento das súas funcións a respecto da defensa do galego como lingua normalizada.

Recollido en Galicia Hoxe e Baía Edicións.

Comunicado de ProLingua ante a segunda edición dos Premios da Cultura Galega

Comunicado de ProLingua:
“A Consellería de Cultura vén de facer públicos os nomes das persoas e institucións galardoadas cos que, logo de lles cambiar o nome e suprimir a dotación económica, decidiu chamar Premios da Cultura Galega. É o segundo ano que o actual goberno da Xunta de Galicia convoca e reparte estes premios.
Paralelamente, lonxe de rectificar as prácticas destrutivas no ámbito cultural e lingüístico que puxo en marcha desde o inicio, tamén este ano vimos como o goberno de Núñez Feijoo recrudecía o acoso contra moitas das institucións que serven ao mandato legal e á obriga moral d e promover o idioma. Continúanse negando os recursos mínimos para contribuír á permanencia das editoras, do teatro, dos equipos de normalización, do sector audiovisual, dos xornais; de toda iniciativa, en suma, que faga da lingua galega un factor estratéxico na recuperación social e económica deste país.
É por iso que ProLingua comparte a alarma da sociedade ante as prácticas dun goberno que se disfraza outra vez de promotor cultural mentres leva a cabo a peor regresión que se recorda non só en materia lingüística, senón tamén e precisamente no ámbito da cultura. Desde a súa posición apartidaria e plural, a plataforma ProLingua fai un novo chamamento a cada unha das persoas premiadas para non abonaren coa súa presenza as agresións contra o dereito a vivir libre e plenamente no idioma galego.”

Manifesto de intelectuais a prol do BNG

“Uns 130 intelectuais e artistas galegos promoveron un manifesto aberto a adhesións polo cal piden o voto para o Bloque Nacionalista Galego (BNG), porque “a súa presenza nestas cámaras garantirá que a cultura galega exista en todo o que depende da política estatal e europea”. O manifesto está aberto a todos os cidadáns que queiran mostrar o seu apoio. Entre os asinantes, atópanse escritores como Agustín Fernández Paz, Arturo Casas, Teresa Moure, Xavier Queipo ou Pilar García Negro. Tamén aparecen nomes como a cineasta Margarita Ledo (tamén membro da Real Academia Galega), músicos como Baldomero Iglesias Mero, o humorista Xosé Lois O Carrabouxo, a actriz e xornalista Camba Campoy ou o Mago Antón, entre outras persoas vinculadas ao mundo da cultura. No escrito, explican que “sobran as razóns” para apoiar ao BNG, e explican que o fan porque “queremos que a nosa lingua progrese e non se vexa reducia a unha reliquia inservible, porque reclamamos que o teatro galego sexa debidamente atendido; porque a música, as artes plásticas, a fotografía, o audiovisual, o cinema merecen, en toda a súa creatividade e potencia, a protección presupostaria e política do diñeiro público que todos pagan”. “Porque desexamos que renazan medios de comunicación en galego e ao servizo da sociedade galega, porque como galegos pagamos cantidades inxentes cantidades para o axustador, difusión e elevación da literatura española, e queremos que a literatura galega goce dos mesmos dereitos e protección; porque as meritísimas asociacións culturais non poden ser laminadas por ahogamiento económico e deben seguir cubro o seu papel de divulgación cultural democrática por todo o país”, esgrime o manifesto. Así mesmo, alude ao dereito dos editores galegos a vender e publicar na lingua propia, e recordan que máis de 20.000 persoas viven e dependen laboralmente do sector cultural. “Porque a cultura, en fin, non é un luxo nin un capricho, é un dereito humano básico e por iso, deber dos poderes públicos”. (…)” Vía Galicia Hoxe.

A AELG apoia o comunicado da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua


Os/as técnicos/as de normalización lingüística dos concellos galegos, e no seu nome a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), ante a situación xeral do proceso de fomento do galego e dos servizos de normalización lingüística (SNL), temos que expresar:

  • Os servizos de normalización lingüística (SNL) son os departamentos que desenvolven o traballo técnico de cara a avanzar no consensuado proceso de normalización da lingua galega. Un traballo necesario, xusto e ilusionante de fomento do galego no nivel de contacto máis directo coa cidadanía. Os SNL contribúen a difundir do xeito máis próximo entre a poboación, por exemplo, as creacións culturais galegas, desenvolven accións de dinamización e fomento da lingua, achéganlle á poboación máis nova alternativas de lecer en galego, difunden e xestionan os cursos de formación en lingua galega, velan pola calidade lingüística e comunicativa das institucións, velan pola garantía dos dereitos lingüísticos, difunden materiais, recursos e servizos en lingua galega, procuran a formación lingüística dos/as traballadores/as públicos/as e da cidadanía en xeral, ofrécenlles asesoramento lingüístico a empresas e asociacións, etc.
  • Aínda que a situación actual dos SNL é moi precaria e, polo tanto, moi mellorábel, chegar a ela significou un proceso de anos que non podemos botar por terra. Por iso, para non desbotar o conseguido até agora e para procurar mellorar a situación, cómpre o compromiso de todas as entidades públicas, que nun momento de dificultade económica como o que estamos a vivir non poden caer na irresponsabilidade de desprotexer o noso maior patrimonio común, a lingua galega.
  • A Xunta de Galicia suspendeu as axudas ao fomento do galego nos concellos, e isto non é, desgrazadamente, un feito puntual, xa que se enmarca nunha política de minorización e desprestixio da lingua galega por parte do goberno que debe ser freada canto antes. Esta irresponsábel decisión da Xunta supón a paralización e redución de múltiples actividades de dinamización por parte dos concellos e, polo tanto, unha redución de servizos e actividades dirixidas á cidadanía. Ademais, é incoherente que a SXPL leve dous anos anunciando e publicitando unha non nata Rede de Dinamización Lingüística local para, supostamente, apoiar e colaborar coas entidades locais na promoción da lingua, ao mesmo tempo que lles retira a estas entidades as xa moi escasas e precarias axudas que se veñen convocando desde hai 20 anos, e que, polo tanto, se provoque o peche de servizos de normalización lingüística e a non creación doutros novos.
  • A situación dos departamentos técnicos de normalización lingüística dos concellos é moi grave. Dos arredor de 60 existentes, a metade permanecen abertos dependentes do convenio de colaboración que a Deputación da Coruña mantén con concellos da súa provincia. Se nalgún momento a Deputación da Coruña decide reducir eses convenios, a metade dos SNL do país estarán en grave perigo de desaparición.
  • Todo isto demostra a situación de precariedade e inestabilidade total, o que nos leva a reiterar a proposta dun outro modelo de organización dos servizos de normalización lingüística na procura da planificación territorial e a estabilidade, de tal xeito que se cree unha estrutura real e coordinada de servizos técnicos para a normalización lingüística que abranga o conxunto do país e que, polo tanto, sexa máis eficiente, consiga mellores resultados e rendibilice mellor os recursos públicos. Neste sentido, a CTNL reitera a súa proposta de coordinación de SNL, agrupados nun consorcio interadministrativo, con unidades técnicas multidisciplinares a nivel comarcal.
  • Por estas razóns, dirixímonos á Xunta de Galicia e a diversas entidades para que coñezan esta situación, e á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galega, ao Instituto da Lingua Galega, aos departamentos de galego das tres universidades e a diversas entidades privadas de defensa da lingua para solicitarlles que apoien este comunicado e as solicitudes que contén.
  • E dirixímonos tamén a todos os concellos galegos para solicitarlles que apoien e aproben as seguintes resolucións:
1. Demandámoslle á Xunta de Galicia que asuma a competencia de impulsar e coordinar os servizos de normalización lingüística (SNL) e de colaborar co fomento do uso do galego nos concellos, para o que debe dedicar os suficientes recursos económicos e materiais de xeito estábel. Solicitamos, pois, que se cree unha estrutura real e coordinada de SNL que abranga o conxunto do país, para o que se propón como posibilidade a figura dun consorcio interadministrativo.
2. Instamos á Xunta de Galicia e a todas as entidades públicas galegas a que adquiran o compromiso real de fomentar o uso e prestixio da lingua galega, con prácticas coherentes con ese compromiso e coa posta en marcha de medidas decidas e eficaces na procura da normalización lingüística. O noso concello tamén adquire este compromiso.
3. Comprometémonos a procurar acadar a partir de 2012 a porcentaxe do 0,3% do orzamento xeral do concello para o fomento da lingua galega, investindo estes recursos en servizos técnicos para planificar e xestionar o proceso de normalización lingüística, e en accións de fomento do galego no municipio.
4. Solicitámoslle á Xunta de Galicia que tamén adquira ese compromiso e que, polo tanto, tamén procure acadar a porcentaxe do 0,3% do seu orzamento a partir de 2012 para o fomento da lingua galega, investindo ese orzamento nunha estrutura de SNL coordinada que planifique e xestione o proceso, e en accións dinamizadoras do galego no conxunto da sociedade, e que o faga de xeito planificado, coordinado e colaborativo con outras entidades e administracións públicas, para así investir eses escasos recursos dispoñíbeis do xeito máis eficiente posíbel.

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre a desaparición da versión impresa de Galicia Hoxe

(A Coruña. 29 de xuño de 2011). A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente a desaparición da versión impresa da cabeceira informativa Galicia Hoxe, que confirma a lenta asfixia á que está a ser sometida a cultura galega e o seu idioma, o que, desta volta, se concreta nun medio de comunicación, acalando a súa voz, o que vén restar luz ao discurso plural e en lingua propia de Galicia que a cidadanía precisa e demanda, nun modelo verdadeiramente democrático e respectuoso coa identidade de seu.
En Galicia Hoxe recoñecemos un traballo progresivo e continuado de apoio aos escritores e escritoras en lingua galega, á estrea das súas obras e mais á translación á sociedade da súa actividade cultural, do seu pensamento crítico a respecto das cuestións que afectan á nosa realidade cultural e social. Sobranceamos, en especial, o omnipresente apoio aos novos escritores, sempre necesitados de páxinas que visualicen e reforcen a comunicación entre o oficio da escrita e o lectorado.
Para alén do fundamental valor informativo, negar o necesario e imprescindíbel apoio dos poderes públicos a un medio de comunicación como Galicia Hoxe, é negar a visualización dos escritores e escritoras de noso, creadores de idioma e no idioma propio e oficial por vontade propia e comprometida. Cómpre salientarmos publicacións como Lecer ou Revista das Letras, con vinte anos de existencia fecunda esta última, alicerces sólidos en que chantar a luz dunha nova xeración de creadores, de poetas que estaban inéditos, ademais de contribuír para consolidalos e conseguiren presenza pública.
A desaparición de Vieiros, A Nosa Terra en papel, A Peneira, Gznación, e agora Galicia Hoxe, poñen de manifesto o continuo baleirado de contidos daquelas encomendas do Estatuto de Autonomía que lle dan a súa razón de ser á existencia dun goberno galego, a respecto daquelas funcións de protección e potenciamento do emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, ademais de provocar o acrecentamento do paro dos profesionais da cultura  tamén no eido informativo.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Manifesto Achegarte 2011

Entendemos que a cultura galega é a que facemos entre todas as persoas que creamos, vehiculamos e desfrutamos os bens culturais do noso país na nosa lingua. A única en Galiza que crea estilos e redes e público interesado en seguir o seu percurso. A cultura en español é cultura española e a súa incidencia na sociedade galega non é propia, senón que lle vén prestada de Madrid, onde loxicamente desexan triunfar os seus creadores e creadoras.

A cultura galega, por estar nunha situación de desvantaxe con respecto á española, debe ser claramente apoiada desde a administración autonómica, como ben entenden desde hai moito tempo os nosos irmáns de Euskadi e de Cataluña.

Esiximos da administración autonómica o apoio sen reservas á produción, á distribución, á promoción, á internacionalización e á construción de redes, mais tamén ao cultivo do tecido cultural de base, como garantía de continuidade.

A cultura galega está a vivir un momento de efervescencia creativa, en rápida adaptación á era dixital. Nunca tanto e tan bo houbo, mais nunca a situación das industrias culturais foi tan precaria como a actual.

Como parte significativa da cidadanía que somos, esiximos un contorno amábel e sustentábel para todas as persoas que queremos vivir e educar os nosos fillos e as nosas fillas en galego: ir ao teatro en galego, ler literatura en galego ou escoitar música en galego, e até facer da cultura a nosa profesión, no noso país.

A forza do noso amor non pode ser inútil.

Organicémonos e esixamos o que en xustiza nos corresponde.

Está aberto o grupo de Manifesto Achegarte 2011 en facebook aquí, ao que se pode unir libremente quen queira.

ADEGA: Ponte no medio. Móvete polo territorio

“Santiago de Compostela, 4 de abril de 2011.

Desde a organización ecoloxista ADEGA queremos trasladarlle o noso convite á presentación da campaña en defensa do territorio Ponte no medio. Móvete polo territorio, que terá lugar o sábado 16 de abril, ás 12:00 horas, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
Esta campaña nace da necesidade de responder de xeito firme e articulado ás innumerables agresións que está a sufrir o noso territorio, aos ataques que pretenden borrar a nosa identidade, ás accións encamiñadas a extorsionaren os recursos naturais que lles debemos ás novas xeracións e ás políticas guiadas polos intereses privados e especulativos do poder económico que tentan arrebatar a representación social nas decisións políticas que a todos nos incumben.
Cremos que é hora de reaccionar ante esta desfeita e de expresar nun movemento común o que moitos colectivos, organizacións e particulares están demandando de xeito illado desde hai xa moito tempo. Ao lado dos manifestos e das tradicionais manifestacións como forma de presión, debemos artellar mecanismos novos de mobilización colectiva e de persuasión social e individual, incluído o ciberactivismo, para podermos cambiar o desafortunado rumbo que levan as cuestións medioambientais e culturais na nosa Terra.
Aínda que a Campaña en defensa do Territorio está promovida por ADEGA, a iniciativa está chamada a recoller e a xuntar cantas vontades ecoloxistas, académicas, sindicais, agrarias, sociais, culturais, políticas, profesionais ou veciñais sexan críticas coas actuais prácticas destrutoras do territorio e a facerse eco de cantas voces propoñan alternativas de xestión e de ordenación territorial máis xustas e máis sostibles ambiental e economicamente.
Sería unha honra para nós que vostede estivese presente no acto de lanzamento da campaña que consistirá na lectura do Manifesto en defensa do territorio. Agradecémoslle que nos confirme a súa participación coa máxima brevidade posible no correo electrónico culturaeterritorio@adega.info ou no teléfono 982-240299. Como sempre, á súa disposición: ADEGA.