A Coruña: I Xornadas de actualización en lingua galega e literatura no ensino, os 13 e 14 de abril

“Estas xornadas teñen como obxectivo ofrecer novas propostas para o ensino-aprendizaxe da lingua e da literatura galegas no ámbito do ensino secundario que permitan dar unha viraxe a aqueles aspectos do traballo nas aulas que convén revisarmos. Trátase, en suma, de reflexionarmos en conxunto sobre como potenciar, reorientar ou modificar certos contidos, actividades, ferramentas e metodoloxías aproveitando o contexto creado pola nova lei educativa.
Conforman as xornadas seis seminarios cun marcado carácter práctico, ao longo dos cales haberá espazo para o intercambio de ideas e suxestións entre os/as relatores/as e o público.
Inscricións en clourenzo@udc.gal, indicando nome, apelidos e DNI até ao 12 de abril de 2023.”

A Coruña: conferencia “A proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais”, con Inma Doval Porto

O 23 de marzo, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), dentro do ciclo Aula Aberta coa UDC, Inma Doval falaranos da proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos. A consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións, cun carácter performativo. Nesta palestra analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. As autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.