Finalizan as emisións ao vivo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG

«O mércores 28 finalizarán as emisións en directo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG. Durante os últimos catro mércores de novembro os inscritos nas xornadas terán presenciado desde os seus computadores persoais novos contidos e novos enfoques sobre a obra de Xosé María Álvarez Blázquez e sobre Agustín Fernández Paz, ofrecidos por algúns dos maiores especialistas do país na materia:

XABIER P. DOCAMPO: tomando como punto de partida as posibilidades de utilización da narración oral nas aulas, ofreceunos un percorrido completo polas súas innúmeras experiencias como contador de contos e profesor, até o punto de ternos entregado unha reflexión profunda sobre a tradición oral perdida nos últimos anos e unha rotunda teorización sobre as consecuencias da perda deste valioso instrumento de interacción social e coñecemento persoal.

RAMÓN NICOLÁS: partindo dos seus vastos coñecementos sobre a obra de Agustín Fernández Paz, este crítico literario regalounos un percorrido exhaustivo por ampla e brillante obra deste autor de proxección internacional. Un documento descritivo e valorativo de profundo calado, e sen dúbida a máis actualizada.

XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO: desde a posición privilexiada dunha mente perspicaz e a relación filial con Xosé Mª Álvarez Blázquez, deu para goce público as súas consideracións mellores como analista literario, tanto dunha perspectiva histórica canto estética. Ao tempo, as súas experiencias desde a proximidade familiar forneceron datos imposíbeis desde outros puntos de vista máis afastados. Opinións algunhas veces baseadas no coñecemento da personalidade do escritor, mais sempre cun rigor de biógrafo consciente.

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: foron un verdadeiro luxo as confesións que este autor nos fixo sobre a súa propia obra, sen dúbida unha das máis sobresaíntes do panorama literario galego dos últimos anos, e mesmo do estatal. De facto, desvelou as descoñecidas orixes dos seus argumentos literarios principais, mostrándonos con todo luxo de detalles os motivos máis significativos, inspiradores ou simplemente azarosos que deron pé para o inicio das súas novelas. E unha auténtica confesión dun mestre sobre o seu particular método de traballo.

VÍCTOR FREIXANES: apoiado nas súas ben coñecidas dotes de experimentado orador, tratou a figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez como aquel que sabe ponderar os méritos dun activista cultural, e en particular os que a este autor lle corresponden do punto de vista do seu grande labor editorial. Así, as consideracións ofrecidas sobre Álvarez Blázquez sobre as estratexias de divulgación da literatura en ámbitos inhóspitos, case todos na realidade en certa época para o libro galego, demostraron coñecemento palpábel sobre os esforzos dunha persoa implicada até a medula cun mercado do libro que el mesmo axudou a nacer de modo determinante.

PEDRO SILVA: iniciou unha sección das xornadas caracterizada polas prácticas tecnolóxicas que hoxe resultan imprescindíbeis para a procura de contidos. Así, explicou as características básicas da Internet, definiu os blogues e explicou as características do Blogomillo como comunidade internacional dos blogues en galego. A continuación ofreceu datos sobre o tratamento da literatura no Blogomillo: procurada a cadea “literari” na comunidade de blogues en galego atópanse referencias en 10.000 entradas nos últimos tres meses, no ámbito particular duns mil blogues. Datos que falan eles sós da relevancia dos asuntos literarios na internet en galego.

OSCAR SÁNCHEZ: este mércores falará dos métodos máis útiles para atopar na Rede contidos sobre ambas as figuras tratadas nas xornadas: Xosé Mª Álvarez Blázquez e Agustín Fernández Paz. A súa recoñecida experiencia como persoa da Rede con interese polos contidos culturais fai del un guía de luxo para mergullarnos na procura de datos literarios.

MERCEDES QUEIXAS: esta profesora, investigadora e escritora ofreceranos unhas propostas metodolóxicas para o estudo da obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, concluíndo así os materiais ofrecidos nestas xornadas cunha documentación específica que propiciará sen dúbida análises literarias ben orientadas desde o punto de vista da súa transmisión ou divulgación.

Para finalizar, queremos resaltar que se ben os contidos ofrecidos son específicos e orixinais polo punto de vista que os fai complementarios, non menos relevante será a partir de agora a AULA DE ESCRITORES na web da AELG, que todos acolle e que estarán disponíbeis nos próximos días para todo aquel que os queira consultar: conferencias, fotos e diversos materiais que crecerán nos próximos meses até converterse nun espazo referencial da Rede.» (Consello Directivo da AELG)

Creadores web mostran os traballos no Centro ON d’ A Coruña

«O Centro ON Caixa Galicia (Cantón Pequeno, 9-11. A Coruña) acollerá nos vindeiros meses o ciclo “Pinte un bisonte na caverna, por favor”, un proxecto que reunirá, ata o vindeiro mes de marzo, unha escolma de creadores galegos moi vencellados á web e ás súas ferramentas de comunicación.
Pintores, escritores, fotógrafos ou videocreadores, todos coas novas tecnoloxías coma eixe común, pasarán polo auditorio deste espazo coruñés para compartir co público o seu traballo, exhibido día tras día na rede a través de blogs, fotologs ou flickr, entre outras.
“Este novidoso proxecto intenta”, segundo a coordinadora do ciclo, Estíbaliz Espinosa, “volver aos inicios artísticos do home, cando empregaba as paredes da súa caverna para expresarse artisticamente. O auditorio do Centro ON Caixa Galicia é a caverna e a pantalla xigante, a parede onde o artista plasmará a súa obra”.
Con esta iniciativa, Caixa Galicia quere apoiar a autores noveis e consagrados en distintas disciplinas artísticas para que poidan amosar os seus traballos fóra da rede.
Así, na programación figuran dende críticos literarios coma Alfredo Ferreiro, ata fotógrafos coma Rebeca Saray ou Javier Quintana, creadores audiovisuais como Sara Jess, Iván López Gimeno ou Marina Núñez, ou autores multidisciplinares como María Lado ou Igor Lugrís.» (Estíbaliz Espinosa) Máis información na web do Centro ON Caixa Galicia.

III Simposio Internacional Letras na Raia

Os días 23 e 24 de novembro celebrarase o III Simposio Internacional Letras na Raia, que co lema “Cinema e Literatura”. Terá lugar no Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra.
«Estes encontros naceron para establecer relacións entre os novos/as creadores/as literarios/as das dúas culturas, para (re)coñecérense, compartiren puntos de vista e opinións, creando un diálogo positivo fronte os problemas e situacións comúns. Para iso contamos co patrocinio fundamental da D.X. de Xuventude e Solidariedade.
O simposio deste ano tratará as relacións entre cinema e literatura, cunha conferencia do escritor Xavier Queipo e unha serie de mesas redondas». Ver programa. (AELG)

IV Simposio O Libro e a Lectura “Libro e mercado”

«A Asociación Galega de Editores organiza un ano máis o Simposio O Libro e a Lectura, que na súa cuarta edición abordará a temática “Libro e mercado”. O evento, que conta co respaldo do Centro Español de Derechos Repográficos (CEDRO) e no que colabora o Consello da Cultura Galega, terá lugar hoxe día 15 e mañá día 16 de novembro en Santiago de Compostela.» Programa. (AGE)