María do Cebreiro comeza un programa de intercambio de escritores con Gales

«Quérese darlle “visibilidade” á lingua e ás tradicións de Galiza. A profesora e escritora María do Cebreiro será pioneira nun programa de intercambio de escritores galegos coa Universidade de Bangor, en Gales (Gran Bretaña), promovido polo Centro de Estudos Galegos de Gales e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.» (A Nosa Terra)

Antonio Reigosa debaterá en Lugo sobre Ninguén está só

«O vindeiro mércores día 16, ás 20:30 horas, a Cova da Terra (rúa Nóreas, 12) acollerá o segundo dos clubs de lectura organizados por IND e A Cova da Terra-Kandaharia, uns encontros participativos destinados a persoas amantes da lectura e preocupadas polos problemas do mundo. Nesta segunda sesión analizarase e debaterase o libro Ninguén está só (Amnistía Internacional) no que colaboraron a Editorial Tris-Tram xunto a vinte e un/ha escritoras/es e ilustradoras/es en defensa dos dereitos humanos. Un deles, o coñecido autor Antonio Reigosa, contribuirá ao debate coas lectoras e lectores, en calidade de autor dun dos múltiples relatos que compoñen o libro. Ao debate contribuirán tamén Belén Regueiro e Carlos Fernández, en calidade de responsábeis do grupo de Lugo de Amnistía Internacional.» (Implicadas No Desenvolvemento)

Lois Diéguez falará na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña informa da celebración dunha charla do escritor Lois Diéguez, intitulada “Dunha nación e dun tempo: autobiografía literaria”. Será o vindeiro xoves 10 de xaneiro, ás 20:30 horas, no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), con entrada libre. (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)

Os presidentes da AELG e PEN Club de Galicia na mesa redonda “Escritores para un país”

«O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, e o presidente do PEN club de Galicia, Luís González Tosar, participan mañá [día 20] en Vigo -ás 19.30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia- nunha mesa redonda sobre Escritores para un país, organizado por Editorial Galaxia dentro do ciclo As caras do libro. Onda eles estarán Enrique Ribadulla Conde, presidente da Asociación Galega de Guionistas e o escritor Gonzalo Navaza. Na mesa redonda actuará como moderador o escritor Fran Alonso.» (Galicia Hoxe)

Cea “García Barros”

«Con posterioridade á entrega do Premio García Barros a Francisco Castro, o Concello da Estrada e Editorial Galaxia organizaron este ano, por primeira vez, unha Cea Literaria na que escritores, críticos e editores reflexionaron ao redor dun tema central relacionado coa obra premiada.

Os novelistas Xerardo AgraFoxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Manuel Darriba, Jaureguizar, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Séchu Sende e Anxos Sumai, na compaña do crítico literario Xosé Manuel Eyré e mais dos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, que se encargou de conducir o debate, mantiveron un coloquio sobre “Ficción e verosemellanza: da imitación da realidade á novela histórica”. […]» (Editorial Galaxia)

An Alfaya en Santa Comba

O venres 14 de decembro a escritora viguesa An Alfaya estará no IES Terra de Xallas (Santa Comba) para comentar co alumnado de 2º da ESO a súa novela Matei un home (tresCtres Editores, 2005), que resultara gañadora do Premio de Novela Curta “Xulián Magariños Negreira”, convocado en 2004 polo Concello de Negreira e a Fundación Feiraco, co gallo do centenario do nacemento do escritor negreirés (1904 – 1934).
Este acto literario está organizado conxuntamente polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, a Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística do IES Terra de Xallas, co patrocinio de tresCtres Editores. Comezará ás 11:30 horas na Biblioteca deste centro de Secundaria de Santa Comba.