Ollares en Manuel María

ReportaxeManuel María en Cultura Galega:
“A Editorial Galaxia acaba de tirar á luz Labrego con algo de poeta, a biografía sobre o autor homenaxeado no Día das Letras este ano. No libro, Mercedes Queixas desenvolveu un traballo complexo co que tenta dar conta dunha obra inxente e dunha vida intensa. O feito de se enfrontar a un persoeiro aínda vivo na memoria e na sociedade galega supuxo, segundo, recoñece a autora un factor de complexidade engadido a este labor. “A verdade é que me resultou moito máis cómodo, doado, accesible e tranquilizador abordar biografías como a que no seu día elaborei sobre Sarmiento. Nese caso púidenme centrar en analizar o personaxe a partir da súa obra, de estudos e de investigacións varias. No caso de Manuel María había bastantes retos. Cando me propuxeron desde Galaxia enfrontar unha biografía breve e divulgativa parecíanme palabras moi atinadas pero que tamén facían moi difícil abranguer un fenómeno como é Manuel María“. (…)
A estreita relación entre o traballo e o percurso biográfico no autor preséntase como unha das ideas focais da análise que realizou Queixas. “Temos que ratificar esta idea. Manuel María era un comunicador nato. Tiña a necesidade de transmitir e de contar o que observaba e o que valoraba, e a escrita foi sempre o seu espazo natural de comunicación. Canto máis o leo máis me ratifico na idea de que o seu é un binomio perfecto entre escritor e home. Ler a súa obra é ler a súa vida, hai unha simbiose perfecta. Era moi transparente e os seus principios están claramente definidos na execución da palabra”. Isto facilita que “cando falo del apóiome na súa obra para explicar en que momento da súa vida estamos. Por iso participo da idea de que hai que o ler, máis do que falar sobre el”. Esta perspectiva emparenta en boa medida a Manuel María con formas narrativas propias de Internet como os diarios en liña ou os blogs. “Penso que foi un pioneiro nesta vinculación, neste entender a vida e a obra, a paixón pola palabra, como unha relación íntima de vasos comunicantes. A min mesmo acontécenme cousas no día a día e véñenme á cabeza fragmentos das súas obras. Semella que o seu traballo, esa visión súa de alguén que camiña día a día a pensar na vida e na escrita, quedou aí para o traer á nosa realidade”. (…)
Como resumo sobre o homenaxeado, Queixas salienta que se trata “dun traballador incansable da palabra é resulta imposible botar conta das horas que Manuel María nos dedicou da súa vida. É un autor que hai que ler, a grande descuberta deste ano, o grande reto é que nos fican abertas as portas a unha obra e todos imos entrar. Cómpre insistir na importancia do traballo que está a facer a Fundación Manuel María e a Casa Museo, que van conseguir que Manuel María non desapareza definitivamente como acontece ás veces coa celebración do Día das Letras, que semella o certificado de defunción definitivo do autor”.”

O Manuel María pequeno

DesdeManuel María Cultura Galega:
“(…) Se ben xa era recoñecida a importancia de Manuel María como un dos pioneiros da poesía e do teatro para os máis novos nas nosas letras, neste ano os espectáculos e propostas musicais para público familiar están a aparecer como as máis abondosas na oferta cultural relacionada coa súa figura. A nivel teatral, están en marcha ou a piques de se presentar as propostas de Lucecús Teatro, con A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna; Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo, con dúas versións a cargo de Dinamo Teatro e de Trinke Trinke; Os soños na gaiola, de novo por Trinke Trinke e con outra adaptación por Títeres Alakrán; Fantoches Baj con O asombro con Manuel María e a vertente escénica do espectáculo musical Canta o cuco; Títeres Viravolta e Títeres Cascanueces con cadanseu Barriga Verde e Fran Rei cun contacontos que mestura esta obra, a Berenguela e, de novo Os soños na gaiola. Se botamos a conta dos espectáculos escénicos que levan a Manuel María ás táboas, obsérvase como a inmensa maioría están dirixidas especificamente a cativos. De todas as propostas “é Edipo, de Espello Cóncavo a que máis escapa ao público infantil, e eu penso que Barriga Verde en grande medida tamén, pero depende como a collan as compañías”, explica Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
Tamén para este público están pensados libros recentes como a biografía e antoloxía poética Manuel María, vida, versos e rebelión, mentres o público xuvenil conta con Manuel María. Buscando un país de Manuel Veiga. A nivel sonoro atopamos un predominio de produtos orientados aos máis novos entre os lanzamentos. Así, a Berenguela de Galaxia, a reedición de Os soños na gaiola de Suso Vaamonde, as propostas de Pirilampo, e mais Uxía e Magín, A voz do vento de Fran Amil ou o espectáculo O bigote de Mimí de Luís Vallecillo apostan polos sons para o público máis cativo.
Cabe pensar que a actual aposta de moitas destas actividades polo público máis novo está relacionada coa explosión de propostas neste mercado dos últimos anos. Dalgún xeito, o desenvolvemento dun mercado de libros-CD, espectáculos e sons para os máis novos contribúe para que este ano músicos e profesionais da escena aposten tamén por potenciar esta visibilidade Manuel María como autor para este público. De feito, obsérvase como mesmo as obras poéticas para cativos do autor se presentan nesta ocasión integradas en espectáculos teatrais e musicais e non como obras puramente literarias. Encol do peso que este público está a ter nas producións deste ano encol do poeta, Ansede sinala que “supón algo moi positivo que é reinstalar a Manuel María nas novas xeracións, e isto é un elemento de futuro fundamental. Por outra banda, tamén fai pensar se non será un síntoma da debilidade do sistema literario, ou do aprezo pola literatura do país, no sentido en que se pode dar a entender que isto é materia de estudo orientada ao ensino”. Mercedes Queixas, investigadora e autora da biografía que acaba de publicar Galaxia sobre o autor, apunta que “está a se recoñecer o traballo de Manuel María como autor pioneiro no campo da literatura infantil e xuvenil. Como no conxunto da súa obra, paréceme que neste ámbito tamén é un autor moi popular e moi coñecido”. (…)”

Marín: presentación do Caderno e Audiovisual Manuel María, de Manuel Anxo Méndez

Ocadernoaudiovisual martes 24 de maio, ás 20:30 horas, no Ateneo Santa Cecilia de Marín (Rúa Caracol, 36), preséntase o Caderno e Audiovisual Manuel María, realizado por Manuel Anxo Méndez, editado e producido pola Agrupación Cultural Nós coa colaboración co Concello de Moaña. No acto participa, xunto ao autor, o presidente da A. C. Nós, Xesús Cancelas.

Lugo: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 19

OFeira do Libro de Lugo 2016 xoves 19 de maio continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, con horario de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Coloquio sobre Manuel María, coa participación dos membros do Clube de Lectura da Biblioteca Nodal de Lugo.
20:00 h. Presentación de O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá, publicado en Galaxia. Ademais do autor, intervirán Xesús Fraga e Arturo Ponte.