A Coruña: exposicións sobre Ramón Piñeiro e Blanco Amor

Até o 26 de xullo a Casa da Cultura Salvador de Madariaga acolle dúas exposicións da editorial Galaxia: RAMÓN PIÑEIRO OLLADAS NO FUTURO, un percorrido pola vida e obra da figura a quen este ano se lle adicou o día das Letras e a A OLLADA DO DESEXO, unha mostra de fotografías de Blanco Amor, testemuñas da súa faceta de viaxeiro incansable.

Ademais, a Biblioteca de Estudos Locais organiza coincidindo co 50 aniversario da primeira edición d’A Esmorga unha mostra bibliográfica a modo de homenaxe á novela de Blanco Amor que inaugura o realismo social e marca un fito na narrativa galega contemporánea.

Ourense: conferencia de Basilio Losada

Maná martes 2 de xuño as oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade do Liceo de Ourense o profesor Basilio Losada Castro pronunciará unha Conferencia co título Diálogos con Ramón Piñeiro. Basilio Losada (Láncara, Lugo, 1930), é un tradutor galego, crítico literario, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona desde 1986 e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa. Traduce ao castelán e ao galego e é autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira.

Oroso: presentación do Dicionario Ramón Piñeiro

O “Dicionario” Ramón Piñeiro de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría preséntase mañá xoves 28 de maio no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa, en Sigüeiro, Oroso. No acto intervirán o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, o director editorial de 3C3, Antonio Puentes Chao, e o propio autor.

Semana das Letras Galegas en Faro

Programa da Semana das Letras Galegas organizado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve, en Faro:

4ª feira, 27 de Maio. Faculdade das Ciências Humanas e Sociais (FCHS), sala 2.35, às 14:30h: Grupos minorizados e literatura galega: Estratexias de resistencia e a incorporación das escritoras. Conferencias a cargo de Mario Regueira e Lorena Souto.

5ª feira, 28 de Maio. Sala 2.35 da FCHS, 14:30h: Apresentación da revista Dorna. Expresión Poética Galega.

6ª feira, 29 de Maio. Associação dos Músicos, Faro. 21:30h: Concerto de Migna Mala (Algarve), Nanook e os vagabundos (Algarve) e Leo i Arremecaghona!!! (Galiza)

Sábado, 30 de Maio. Pátio de Letras. 21:30h: Presentación de Estaleiro Editora e concerto de músicas de protesto (O Leio e José Mário Branco)

Xerais publica en soporte dixital Unha conversa con Ramón Piñeiro

Unha conversa con Ramón Piñeiro de Suso de Toro é o primeiro libro que con motivo da efeméride do 17 de maio de 2009 publica a editorial Xerais en soporte exclusivamente dixital. Pode baixarse gratuitamente en PDF dende aquí (30 páxinas, 113 KB).

Ferrol: charla-coloquio sobre Ramón Piñeiro

A Galería Sargadelos Ferrol organiza un acto conmemorativo do día das Letras Galegas hoxe mércores 13 de maio ás 20.00h, que contará coa participación de dous profesores e escritores de Ferrol, Henrique Dacosta e Bernardo Maiz, que levarán a cabo unha serie de reflexións sobre a figura de Ramón Piñeiro. A charla-coloquio será de entrada libre.

Santiago: presentación do “Dicionario” Ramón Piñeiro

dicionario-ramon-pineiroHoxe mércores 13 de maio preséntase en Santiago o ensaio ‘Dicionario’ Ramón Piñeiro de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, nun acto que contará ademais coa participación de Andrés Torres Queiruga, da Real Academia Galega, Amancio Liñares Giraut, de tresCtres Editores e Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe.

Será a partir das 20 horas no Salón de Actos de El Correo Gallego (Rúa Preguntoiro, 29, Santiago de Compostela).

Unha lingua para todos, comunicado da Real Academia Galega en vésperas do 17 de maio

Unha lingua para todos

Comunicado do Plenario da Real Academia Galega lido na Coruña polo seu Presidente nas vésperas do 17 de maio, Día das Letras Galegas 2009:

Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos, que consideramos fundamentais.

1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos, lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo, para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu. E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia, que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.

2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.

3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non tiveron a fortuna ou a oportunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro, polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos, creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería gravísimas consecuencias para o futuro.

4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente: un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso. O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.

5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua de uso natural e normal (normalización) levou os contrarios a este proceso a manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.

6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades, para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua vehicular doutros coñecementos na escola.

7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza, a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e avivar todos os sectores que configuran o corpo social.

A Real Academia Galega observa con preocupación os pronunciamentos e as polémicas que, partidarias as máis das veces, nacidas ben do exceso de celo, ben do prexuízo lingüístico, deben ser superadas pola acción dun goberno que aspire a ser de todos os cidadáns. Tamén resulta preocupante que as primeiras decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas desprotectoras da lingua galega.

Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información, metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse en catro principios básicos:

1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para acadar o seu pleno uso normal.

2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares (galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes das novas tecnoloxías.

3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).

4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma de acadar a igualdade cidadá.

Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade.

Descargar comunicado en PDF

A Coruña: conferencia de Xosé Luís Franco Grande

O vindeiro dia 13 de Maio, mércores, o avogado e académico da R.A.G. Xosé Luís Franco Grande falará da figura homenaxeada neste ano no Día das Letars Galegas. A sua palestra titúlase Ramón Piñeiro e a política galega anterior á transición. Será a partir das oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia da Coruña, no Cantón Grande.