A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro xoves 7 de maio terá lugar a primeira das conferencias do ciclo Lingua e Letras en conmemoración do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión participará o catedrático de Filoloxía Románica e investigador do ILG Francisco Fernández Rei, que impartirá unha conferencia arredor da figura de Ramón Cabanillas no cincuenta cabodano do seu falecemento. Será ás 20:30 h no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º, A Coruña). A entrada é libre.
Arquivo da categoría: Día das Letras
A Coruña festexa o Día das Letras
A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Cultura, está a organizar as actividades para festexar o Día das Letras Galegas. A maioría destas actividades van estar dentro dunha carpa móbil que se colocará todos os sábados do mes de maio (agás o sábado 16) e mais os dous primeiros de xuño en distintos barrios da cidade da Coruña. Estas son as actividades previstas para mañá:
Carpa en Monte Alto (Campo da Leña). Entrada de balde
11:00.- Animación de rúa a cargo de Manicómicos
11:45.- Xogos
12:45.- Actuación musical: “Cancións para Antía”.
17:00.- Teatro de monicrecres: “Albízaras”, da compañía “Falcatrúa”
18:15.- Actuación musical: Mamá Cabra
Tui: a RAG organiza o Congreso Álvarez Blázquez
A Real Academia Galega organiza o Congreso Álvarez Blázquez que terá lugar no Teatro Municipal de Tui os días 11, 12 e 13 de decembro de 2008. Ver programa.
A Coruña: conferencia de Xosé María Álvarez Cáccamo sobre Álvarez Blázquez
O venres 28 de novembro, ás 20:30 no Salón de Actos da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, terá lugar a conferencia “Xosé María Álvarez Blázquez: a terra, os libros, a poesía”, a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo.
Tui albergará en decembro un congreso sobre Xosé María Álvarez Blázquez
(Vieiros)
Ramón Piñeiro no Día das Letras Galegas 2009
Comezou en Barcelona o “Maio Cultural Galego”
Véxase o programa que comezou este día 29 na páxina de Rede.cat. Os actos desenvólvense na Sala d’Actes do Casal d’Associacions Juvenils de Barcelona (Ausiàs Marc, 60).
Actos da Galería Sargadelos de Ferrol para esta semana
O martes 13 ás 20:00, organizada pola Mesa pola normalización lingüística, terá lugar a charla do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, sobre a situación actual da lengua galega, eivas e potencialidades: Propostas de cara á normalización.
O mércores 14 ás 20:00 terá lugar a presentación do libro Obra Dramática Completa de Jenaro Marinhas del Valle, editado por Espiral Maior. Participarán o deputado e Profesor Pablo González Mariñas, quen ademais é sobrino do autor, e experto no teatro do seu tío; Lino Braxe, que é un dos compiladores, xunto con Alexandrina Fernández Otero, da obra completa de Jenaro Marinhas del Valle; Rebeca Montero, actriz e Miguel Ladrón de Guevara, guitarrista. No acto abordarase o contido do libro, pois trátase dunha aportación moi singular á nosa dramaturxia. Máis de trinta obras, entre elas cinco inéditas, recóllense no presente volume. Tamén se explorará a variada temática do teatro de Marinhas e as influencias que nel se dan. Rebeca Montero recitará algún poema de Marinhas e Miguel Ladrón de Guevara acompañará á actriz cos acentos flamencos da súa guitarra.
Os días xoves 15 e venres 16, de 20:00 a 21:00, diversos escritores de Ferrolterra farán unha lectura da obra do escritor Xosé M. Álvarez Blázquez.
Así mesmo, o venres 16 farase público o fallo do xurado do II Concurso de Marcapáxinas Día das Letras Galegas.
Bookcrossing no Val Miñor por Espazo Lectura
O colectivo Espazo Lectura promove a partir deste próximo sábado unha campaña de bookcrossing no Val Miñor, que conta coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. A iniciativa suporá a liberación de 120 libros en diferentes espazos públicos dos tres concellos para que a xente poida collelos, lelos e volver a deixalos ceibes co obxectivo de que outras persoas poidan atopalos. O acto de prensentación da campaña terá lugar o próximo sábado, 10 de maio, ás 11 da mañá, nos xardíns do parque da Ramallosa, ao lado da antiga estación do tranvía, e contará coa presenza de representantes de Espazo Lectura e dos tres alcaldes e outros representantes das corporacións municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán.
Esta iniciativa, que bota a andar na Semana das Letras Galegas, ten como obxectivo achegar o libro galego aos veciños e veciñas do Val Miñor, fomentar a lectura e divulgar a iniciativa do bookcrossing na nosa zona. Os 120 libros rulantes que se van liberar foron rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e están etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar onde os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros vai acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explica o espírito da campaña e o que hai que facer se se atopa un destes libros e serán distribuídos a través de centros de ensino, bibliotecas, asociacións culturais e veciñais, etc.
Máis información aquí ou no 619292991.
Presentación na Coruña do libro/cd/dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro
A Galería Sargadelos e Sons Galiza Comunicación organizan a presentación do libro/cd /dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro. O acto, que contará coa participación de Celso Álvarez Cáccamo, Miguel Mato e Eloi Caldeiro, terá lugar o xoves, 8 de maio, ás 20:00 na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña.