Arteixo: presentación de Cantares gallegos, hoxe, de Pilar García Negro

O venres 28 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Cantares gallegos, hoxe, de Pilar García Negro, publicado por Alvarellos. No acto, xunto á autora, participa Henrique Alvarellos.

Iruñea-Pamplona: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A sexta feira 28 de marzo, ás 19:30 horas, no Lar Galego de Iruñea-Pamplona (Rúa San Fermín, 4, baixo), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais, nun acto onde estará presente o propio autor.

Compostela: presentación de A alternativa está aquí, de María Reimóndez

O xoves 27 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Encarna Otero e Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Fóra de portas, de Roi Vidal

O mércores 26 de marzo, ás 20:00 horas, no Restaurante Grândola de Santiago de Compostela (Rúa Cardeal Payá, ao lado da Praza de Mazarelos), terá lugar un encontro arredor do libro Fóra de portas. Paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, de Roi Vidal, publicado por Positivas.

Inma López Silva: “O que se agarda socialmente é que cumpras coa túa suposta obriga de ser nai 24 horas”

Entrevista de Montse Dopico a Inma López Silva en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O libro [Maternosofía] foi feito como un diario durante o embarazo, non si?
– Inma López Silva (ILS): Si. Fun escribindo durante o embarazo. Despois reiviseino e fixen o epílogo, para dar tamén o punto de vista de cando a nena xa estaba aquí.
– MD: Xa recorreras ao diario máis veces. Mais este é o teu libro máis íntimo. E semella que non che daba pudor compartir todo o que contas.
– ILS: Non, porque a maternidade/paternidade é algo polo que pasa a maior parte da xente ou polo que aínda, sen ser pais, moita xente sente curiosidade. Non tiña a sensación de estar a contar algo tan persoal como para sentir pudor. Se me sentise así recorrería á ficción, como fixen en New York, New York.
– MD: Hai unha idea no libro que resume bastante ben o seu contido: “Estou farta de ver como mulleres intelixentes e activas se converteron en simples nais que paralizaron por completo a súa actividade cerebral”.
– ILS: Esa foi a idea de raíz que me levou a tentar observar a maternidade desde fóra, desde a distancia. A sociedade espera que só sexamos nais, que o deixemos todo de lado. Eu antes de estar embarazada preguntábame se o embarazo me ía cambiar, se como se di as hormonas fan que sexas outra persoa… e non foi tal. Creo que todo iso é unha patraña inventada por unha sociedade xa non só cunha estrutura patriarcal, senón directamente machista, á que lle convén que as mulleres quedemos na casa mudando cueiros. (…)”

Vigo: presentación de A alternativa está aquí, de María Reimóndez

O mércores 19 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Emilio M. Martínez Rivas e Manuel Bragado.