Estas son algunas das fotografías da Homenaxe Letra E – A Escritora na súa Terra a Pilar García Negro, que tivo lugar o pasado sábado 10 de xuño en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivo da categoría: Entrega de premios
Intervencións de Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez e Pilar García Negro na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E (Salón de Plenos, Lugo)
Aquí poden lerse as intervencións de Mercedes Queixas (acta de concesión da Letra E), Cesáreo Sánchez Iglesias e Pilar García Negro (resposta á laudatio de Carme Fernández Pérez-Sanjulián) na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, o pasado sábado 10 de xuño en Lugo, no Salón de Plenos do Concello.
Xosé Ramón Pena: “É unha enorme honra recibir o Premio Ramón Cabanillas
Pilar García Negro recibe en Lugo a homenaxe A Escritora na súa Terra da AELG
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Eu sempre entendín que a actividade cultural e a política debían abrazarse”. Pilar García Negro recibe en Lugo a homenaxe A Escritora na súa Terra da Asociación Escritoras-es Lingua Galega. A profesora e ensaísta apunta respecto ao uso do galego que “Unha cousa é ser obxectivamente minoría e outra cousa é a aspiración a deixar de sérmolo”. Pode accederse á entrevista aquí.”
Vídeo da entrega do Premio Illa Nova de Narrativa 2017
Crónica fotográfica da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017
Estas son algunas das fotografías da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017, que tivo lugar o pasado sábado 27 de maio en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Un home estraño, de Antonio Tizón, Premio Cidade Centenaria de Ribeira
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Asistimos á entrega do Premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira outorgado nesta sexta edición a Antonio Tizón por Un home estraño. Un momento importante para o certame ribeirense de noveliña, plenamente consolidado despois dunha década, e para o escritor coruñés que se dera a coñecer hai apenas dous anos con A antesala luminosa. Nesta segunda obra, Tizón volve arriscar co seu xeito de entender a novela policial, que el denomina mulata, na que mestura as convencións do xénero negro coa novela de indagación social. Localizada na cidade da Coruña en 1980, cando gobernaba o concello Domingos Merino, o inspector Xosé Sánchez Pereiro, que xa aparecía na primeira entrega de Tizón, e a xornalista Ledicia Muruzábal, relatan de forma alternativa a investigación na que participan coa intención de desvelar o crime de Manuel Ferro Filgueira, arquitecto do concello.
Antonio Tizón, na súa intervención de aceptación do premio, confesou que esta fora a primeira obra que escribira na súa vida, remontándose a primeira versión a 1977. “Levo corenta anos reescribíndoa. Naceu da visión dun home estraño que atopei entón nos xardíns dos Cantóns. A novela evolucionou nas diversas versións até mudar de xénero, pasando da novela rosa á social, para acabar no xénero negro tal como o eu o entendo”. “Con todo o único que se mantivo intacto en todas as versións foron apenas quince liñas, que na última versión pertencen ao capítulo IV, onde se describe o home estraño: “en pleno verán, ía cun chaquetón de inverno, un pantalón de pana descolorida, unhas botas de pel gastada e unha guitarra enfundada ao ombro”, “con todo, o que máis salientaba daquela estraña figura era o seu rostro, un rostro aínda novo que sorría entre unha barba poboada de seriedade”, “ao ver a súa boca riseira, parecía que se mofaba un pouco de todo”, (…) “o brillo que desprendían os seus ollos grandes iluminaba o rostro dunha paz profunda”. “Un home estraño que acabará por obsesionar á xornalista Ledicia Muruzábal, que non parará ate descubrir todos os segredos da súa identidade. Porque á xornalista parécelle máis incomprensible a visión daquel rostro contraditorio que toda a panorámica da Galicia preautonómica de comezos dos oitenta, o marco histórico no que se desenvolve a novela, que pretende contribuír ao coñecemento dunha época, unha sociedade aínda lúgubre e corrupta, onde campaba aínda a impunidade, pero tamén inxenua e ilusionada”.
Rematou a súa intervención Tizón dedicándolle o libro a Ledicia Costas, “unha autora que tivo a valentía de escribir Un animal chamado néboa“, a José Luis Muruzabal, “que fixo un labor encomiable na Asociaicón Enfermos con doeza mental da Coruña” e a José Barallobre, “que me contou todo sobre a policía”. Tamén agradeceu o apoio de Mari Quinteiro, “portadista e lectora de todos os meus libros”, e a Alba Tizón Quinteiro, “que correxiu o texto”.”
Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017
A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, na Avenida Alcalde Anxo López Pérez, 34 (como chegar). Esta actividade conta co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo
O obxectivo principal da Gala é a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.
Ademais das persoas homenaxeadas, intervirán:
- Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta.
- Isidro Novo, escritor.
- Poldo Cañizo, escritor.
- Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG.
- Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
A música corre a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado.
Presentación: Antonio Reigosa.
Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo).
Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto).
O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.
Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o vindeiro sábado se engadiran as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.