Ramón Caride: “Só morre o idioma que se deixa matar. A guerra non a temos perdida”

Entrevista a Ramón Caride en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: Ramón Caride e a poesía… Ultimamente, Ramón, parece que a tes abandonada, ou cecais fuches abandonado por ela; pero talvez exerces o teu labor poético nun silencio moderato, tal que un exercicio reflexivo, espiritual, pero espero que non haberá tardanza en ler as túas novas poéticas. Fálame do anterior e do novo, que creo que axiña leremos. Non, Ramón?
Ramón Caride: Eu comecei como poeta xa hai moito tempo, falamos do 1986, cun libro autoeditado, a este seguiron outros dous de difícil publicación e edición escasa, que eu, á volta dos anos, considero obras máis ca nada de aprendizaxe, non estou moi certo delas. Por iso estes tres primeiros poemarios non as incluín en As máscaras de Cronos –Poemas 1994-2005-, que se publicou hai catro anos. Este é un volume de máis de dúas centas cincuenta páxinas de poesía, o cal para min xa é case excesivo, pois eu son máis de obras intensas que de libros extensos; así que quedei moi satisfeito desa obra poética, e sen intención de facer máis poesía. Pero como un non é dono da poesía, como ti ben dixeches, a poesía non ten dono, pois tres anos máis tarde publiquei Criptografías en Libros da Frouma, que se presentou neste ano aquí en Compostela, e axiña tirarei do prelo A Chuvia Humana en Toxosoutos, un novo poemario. A verdade é que me dá un chisco de vertixe publicar dous poemarios tan consecutivos, e non acabo de entendelo eu mesmo, pero non quero parar a pensalo moito. Como digo neste último libro, que é en grande parte de micropoemas:”A poesía non se explica / revélase / ou non é tal”. Seguramente, a esencia da poesía é o misterio. E ríome dos canonizadores, catalogadores e clasificadores: “O taxonomista / nunca pode ollar / o voo da bolboreta”.

Víctor F. Freixanes: “Nós era a modernidade”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: ¿Que significa a revista Nós no seu contexto temporal e o noso contexto contemporáneo? ¿Segue a haber unha influencia hoxe?
Víctor F. Freixanes: Desde o meu punto de vista, a revista representa a modernidade: a aposta pola modernidade da lingua e da cultura galegas, abertas ao mundo, sen intermediarios. Esta é unha idea importante que os promotores da publicación declaran explicitamente: podemos (e debemos) ser galegos, vivir a nosa lingua e a nosa condición de tales sen ter que pasar por alfándega nin fielato ningún, naquel momento referíanse moi especialmente a Madrid. Aínda hoxe, a cultura galega, a nosa proxección exterior sobre todo, pasa case irremediablemente pola intermediación dos cenáculos ou plataformas madrileñas, que é onde están os mecanismos de poder, tamén do poder cultural. Outra dimensión da revista que me parece importante é a súa interdisciplinariedade, a concepción da cultura non como compartimentos estancos, senón como espazos integradores, mesmo globalizadores: a economía, a arqueoloxía, a lingua, a literatura, as artes plásticas, a organización do territorio, as tradicións, os mitos… Tamén un espazo integrador de distintas xeracións. Nunca lamentaremos abondo o terrible golpe que significou a Guerra Civil para todo ese desenvolvemento que se anunciaba”.

Helena Villar Janeiro: “Co galego todos temos que asumir as nosas propias responsabilidades”

Entrevista a Helena Villar Janeiro en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Onde te sentes máis a gusto: na poesía ou no ensaio…?
Helena Villar (HV): O medio máis natural da miña expresión literaria é a poesía. A narrativa interésame moito como reto, porque a considero máis difícil. Teño en proxecto unha novela, pero non atopo o tempo de desenvolvela nin a tranquilidade de ánimo para me sentar a escribir sen ser absorbida por asuntos que entorpecen o difícil proceso arquitectónico da súa construción. Como lectora, admiro moito o ensaio, que me parece un xénero tan difícil de construír como interesante. Tamén me gusta o artigo xornalístico, que me obriga a estar pendente do acontecer diario e me permite expresarme con estilo literario. Crea unha especie de obrigatoriedade a prazo, pero unha vez que se empeza a escribir é moi difícil de abandonar.
GH: Hai algún libro teu polo que sintas especial agarimo?
HV: Sinto especial cariño por uns poucos e por moi variadas razóns. Gárdolles unha querencia moi especial aos libros que escribín con Xesús Rábade Paredes, o meu home, nos inicios do noso casamento, que daquela me deron tantos sensabores porque a xente pensaba que era el quen os escribía e mos deixaba asinar. Tamén hai motivos para lles ter moito apego ás cancións, aos poemas e aos contos creados para María do Cebreiro e Abelardo cando non había nada no mercado e tiñamos que escribírllelos para os aproximar á nosa literatura e para lles dar ferramentas de adquisición de cultura na súa lingua. Festa do Corpo é un poemario erótico en diálogo con Poldros de música, de Xesús Rábade Paredes, polo que son dous libros con certa singularidade na nosa produción. Outros foron escritos en circunstancias tristes e o seu proceso está moi gravado na miña mente, pero non para lles querer menos, todo o contrario. Símbolos de Galicia. A bandeira, o escudo e o himno naceu canda a frustración dun terceiro embarazo que quixo quedar polo camiño. Recordo aquel orixinal esborranchado polas bágoas e, dalgunha maneira, facelo foi unha gran liberación daquela dor.

Rubén Ruibal e Gustavo Pernas: “Non lle damos medo ao poder”

Entrevista a Rubén Ruibal e Gustavo Pernas en El País:
“El País: Que se pode facer?
Gustavo Pernas: Xuntármonos os diferentes sectores sería fundamental. Hai pouco, un enxeñeiro alemán falounos dos recurtes no seu país. Dicía que é doado rebaixar na cultura porque noutros sectores hai lobbies que amalgaman a xente, pero a cultura está individualizada entre creadores e pequenos colectivos. Non hai nada que lle dea medo ao poder. E o noso esparexemento, a falta dun tecido cultural, é maior.
Rubén Ruibal: Eu en dúas tardes que botei na feira do libro da Coruña vino ben. Chega a tal extremo a separación entre xéneros que primeiro entraron os novelistas á presentación dunha novela; saíron os novelistas e entraron os poetas, e ao final entraron os coruñesistas que non len novela nin poesía. Iso é así.”

Víctor F. Freixanes: “A volta do novelista pródigo”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en El País:
“El País (EP): Que ten que mellorar? As políticas culturais, a demanda social dos produtos culturais ou as estratexias das industrias culturais?
Víctor F. Freixanes (VF): Temos un problema coa política, na que, con algunha excepción, non hai sensibilidade ningunha cara o cultural, e mesmo cando estaban os outros, algúns esperabamos máis. Temos un problema financeiro: a sociedade civil que antes amparaba proxectos, agora está asfixiada ou desapareceu do mapa. Temos un problema coa lingua, que ten que ver coa política: o Goberno é moi reticente á recuperación do idioma galego, e estar paralizado é dar marcha atrás. Temos tamén un cambio xeracional de hábitos de consumo, a gratuidade na Rede… Coinciden todos os factores para ter unha tormenta perfecta. As solucións irían por apelar a unha economía de guerra, ter imaxinación, unha concentración parcelaria dos proxectos, achegarse a novas redes e novos temas, e capitalizar as redes do exterior.
EP: Á idea de que o galego se impoñía parécea suceder a de que a cultura galega está subvencionada.
VF: Do do galego teñen a culpa os que utilizaron a demagoxia para arrapañar 4.000 votos, e agora están arrepentidos. Sobre o da cultura, en Francia, en Alemaña, en calquera país saben que son necesarias políticas culturais esixentes e con visión de futuro, con compromiso das administracións. En Estados Unidos falan de liberalismo e logo impiden que outros entren no seus mercado exteriores, e xa non digamos no interiores. As editoriais vivimos non polas axudas, que non chegan ao 9% da facturación, senón porque temos unha sociedade que reclama os nosos libros, edítanse seis títulos diarios en galego, cunha media de 1.500 exemplares. A visión da cultura como un Monte Medulio é reaccionaria, hai que baixar ao corpo a corpo no medio dos romanos. A cultura galega estivo moito tempo na trincheira, e ao final iso é acabar no gueto das subvencións.”