Alfonso Pexegueiro: “O mundo non escrito”

Entrevista a Alfonso Pexegueiro en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Como nace o proxecto de adaptar ao teatro o poemario A illa das mulleres loucas?
Alfonso Pexegueiro (AP): É un proxecto longo, que empezou hai sete anos, coa reedición de A illa das mulleres loucas en Galaxia no ano 2004. Pero cos músicos, Anxo Pintos e Quico Comesaña, levamos traballando xa sete anos. Vimos a posibilidade de levalo a escena porque a xente conectaba moi ben co espectáculo pero só duraba 18 minutos. Contactamos con dúas actrices, Vanesa Sotelo e María Caparrini e con elas levamos traballando dous anos. Ao final, conseguimos que as luces as fixera Baltasar Patiño, un traballo excelente que completou a obra.
GH: Vostede pon a voz no espectáculo. De que maneira?
AP: Si, eu poño a voz e tamén me movo polo escenario. É un diálogo entre os instrumentos e as actrices. Todo parte do libro, que ten unha presenza escénica, xa que eu o levo no escenario como se todo saíra do libro e cando se pecha o libro, péchase o espectáculo. Non é tanto como cómic pero si para dar a imaxe de que todo sae dun mundo que está nesa illa que todos percorremos algunha vez porque a temos dentro de nós”.

Moncho Iglesias: “A necesidade de atopar”

Entrevista a Moncho Iglesias en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Tres cores: azul é unha novela complexa e arriscada.
Moncho Iglesias (MI): Si, a verdade é que é arriscada porque non é unha novela que poidas traer á praia e poidas ler descansando e relaxadamente. É prosa poética, non segues un fío argumental no que se suceden os feitos nin hai todo o engranaxe que pode haber nunha novela. É máis complicada no sentido de que require outro ritmo distinto que unha novela cun principio, medio e final.
GH: A prosa poética é unha continua descrición dos sentidos, de aí a complexidade de seguir o texto.
MI: Son consciente de que influíron moito as obras que estaba lendo mentres escribía. Na primeira parte estaba vivindo en México, viaxaba por Centroamérica e empapeime da literatura deses lugares. Despois de viaxar, coñecín autores dos que me namorei. Estando en México namoreime de Carlos Fuentes ou de Ramón López Velarde, poetas que viaxaron comigo. Esa prosa ten bastante que ver con el. E na India, a obra ten que ver con Salman Rushdie. O narrador acaba coñecendo as palabras de Carlos Fuentes que en certa maneira tamén se converte nun personaxe da obra.”

Manuel Lourenzo: “Son adicto á irreverencia co poder existente, non quero saber del; paréceme inmundo”

Entrevista a Manuel Lourenzo en Xornal:
“Xornal (X): Que ofrece Manuel Lourenzo na obra As cousas do verán?
Manuel Lourenzo (ML): Pois cousas do verán [Ri]. Realmente achega retallos, elementos de diversos lugares como a Mariña Lucense, todas esas zonas de Viveiro ou de Foz, tamén da Coruña. Son catro historias diferentes que teñen puntos en común, cousas que lles pasan á xente nesta época do ano na que nos retiramos un pouco.
(X): Fala da Mariña Lucense e da Coruña, lugares moi significativos na súa vida. A obra ten moito de autobiográfico?
(ML): Non hai nada autobiográfico nela, pero está influída polas paisaxes humanas e físicas dos lugares nos que vivo. Son os escenarios nos que se moven os protagonistas que teñen un punto en común que é o amor. Hai algunhas historias amorosas que nalgún momento reverdecen ou que quedaron aí. Creo que ten un ton lírico porque busquei unha estrutura coa que prescindir de acotacións e de determinados elementos que non están nas personaxes, omítese a técnica teatral.
(X): Como evolucionou Manuel Lourenzo dende O moucho até hoxe?
(ML): Teño unha gran capacidade para o salto. Disme iso d’O moucho e eu quedo pensando: “Que será iso…” até que caio na conta de que era unha primeira obriña que escribira aló polos sesenta. A verdade é que o propio traballo e o entusiasmo do traballo non me permite botar a vista cara atrás. Pero creo que estou como o primeiro día, creo que son máis consciente e máis forte.”

Ánxeles Penas: “O problema non é independizarnos senón loitar contra o autoodio”

Entrevista a Ánxeles Penas, en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Que tal te levas coa narrativa e co ensaio?
Ánxeles Penas (AP): Co ensaio lévome moi ben e, de feito, teño publicados moitos ensaios, en torno á arte e literatura en actas de congresos, prensa, revistas, catálogos…, ademais, recentemente, fixen un libro sobre o pintor Alfonso Abelenda para a Deputación da Coruña e outro, con Eva Veiga, sobre Alfonso Costa. En canto á narrativa teño algúns inéditos que, quizais algún día vexan a luz , pero, como hoxe se publican tantas cousas banais, non quero caer no mesmo defecto.
(…)
(GH): De todos os libros que levas escrito, e non son poucos, de cal estás máis satisfeita?
(AP): De O santuario intocable, quizais, porque me parece que é o máis luminoso, e o que mellor toca as técolas do enigma, pero, en realidade non estou completamente segura disto. O meu primeiro libro Con los pies en la frontera xa fala tamén dese abeiramento do descoñecido e teño algún inédito, como A vara do zahorí, que volve á teima da arela de saber. Algúns estudosos da miña poesía, como Luz María Jiménez Faro, Directora de Editorial Torremozas, decántanse por Ya soy para tu muerte e, dende logo, o mellor libro é o que máis emociona o lector.”

Chus Pato: “A muller do repóker”

Entrevista a Chus Pato en Galicia Hoxe:
Secesión, o seu primeiro libro con formato editorial prosístico, editado por Galaxia no 2009 e presentado como unha especie de “memorias”, pertencería ao mesmo ciclo. “Se ben a súa aparencia é prosística”, subliña, “Secesión está concibido desde a matriz da poesía e non é diferente dos outros. Dalgunha maneira, estou moi cansa dos cortes dos versos por cuestións da caixa do libro e decido poñelos en prosa. Non quero que me corten os versos”.
Pero este ciclo, con títulos como Charenton (2004) ou Hordas de escritura (2008), parece ter os días contados: actualmente escribe “algo” que lle dá pé a albiscar unha nova etapa. “Cando conclúa o segundo ciclo, poderemos dicir que a miña obra redunda nun repóker” e bota a rir cunha gargallada irónica que colpasa o auricular do teléfono polo que facemos a entrevista.
Ignora o alcance da nova etapa, entre outras razóns porque “non sei o que estou escribindo. Empecei hai pouco e non sabería definilo”. Trátase, concede despois de insistirlle, “dunha escrita moi lenta. De momento, ten dúas partes: Unha fortaleza no deserto e Non debo preocuparme polo arco da vella“. Fáltalle o título xeral e, ademais, “vai para largo”. Calcúlalle, polo menos, tres anos de traballo.”

Francisco Castro: “O dereito a soñar”

Francisco Castro é entrevistado en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A liberdade, o soño, a utopía persoal xa estaban no teu libro As palabras da néboa. Como o amor estaba en A canción do náufrago, a opresión en Spam… Hai moitas conexións desta novela coas outras que escribiches. Como en As palabras da néboa ou Memorial do infortunio, hai un nesta fondo de Historia, aínda que non é unha novela histórica. E o escenario é Venecia, que debe ser unha das cidades do mundo nas que hai ambientadas máis novelas… Como preparaches esa parte histórica?
Francisco Castro (FC): Eu creo que Venecia é un lugar polo que todos os novelistas teñen que pasar. É un mundo dentro dun mundo, un mundo pechado… E si é certo que hai determinadas cousas que se repiten. Temas que me preocupan: na literatura, na miña vida, no blog: a loita contra o poder opresivo, a necesidade de darlles unha oportunidade ós nosos soños. Todo o mundo ten dereito a ter o seu soño de liberdade. A documentación histórica é moi importante, e está moi coidada. As rúas son as reais do século XIII. Estiven un ano enteiro buscando, lin o Libro das Marabillas de Marco Polo… Investiguei como foi recibido polos seus contemporáneos o Marco Polo real. Chamábanlle o Milione, porque, nun universo tan pequeno como Venecia, falaba dun mundo moi grande, con millóns de persoas en China…
GH: A técnica narrativa é máis clásica que a das túas novelas que foron cualificadas como “posmodernas”, como Spam… Supoño que estabas a pensar nun público xuvenil…
FC: Eu respecto, aínda que desconfío, da xente que di que non pensa na idade do lector, os que din que é o editor quen decide se a súa novela é xuvenil ou para adultos. Eu tiña claro que estaba a escribir para un público mozo. En Spam ou en Xeración Perdida había un narrador que saltaba as normas clásicas da escrita…”
Pódese ver a entrevista completa aquí.

Emílio Xosé Ínsua: “Facemos literatura fértil e a sociedade non a pon en valor”

Entrevista a Emílio Xosé Ínsua en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura galega, malia todo, vive un momento de esplendor…?
Emílio Xosé Ínsua (EMÍ): Non sei se “esplendor” é o termo axeitado. Que hai sobrada calidade, pluralidade e interese en moito do que se escribe en galego é un feito evidente. Mais que existe un cortocircuíto case permanente entre esa produción cualitativamente relevante e amplas capas da poboación destinataria ou lectora, tamén. E nesa contradición nos movemos. Temos unha literatura madura, fértil, potente, mais nunha sociedade que, por unhas ou por outras razóns, non a ampara, non a recibe ou non a valoriza como sería de desexar.
GH: A crítica, o ensaio e a poesía son áreas propias de Emilio Xosé?
EMÍ: Agora mesmo, todo o que escribo oriéntase á crítica, á divulgación e ao ensaio. A poesía téñoa case completamente abandonada e outros xéneros, sinceramente, non me tentan. O último libro que escribín, que acaba de publicarse da man do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, leva por título Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo). É unha monografía que combina a perspectiva da historia local co compromiso polo idioma, pois entra de cheo no debate sobre a restauración da auténtica toponimia galega.

A entrevista completa pódese consultar aquí.