IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico para Vanesa Martínez Sotelo

O xurado do IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgarlle o galardón desta edición á obra Indoor, de Vanesa Martínez Sotelo. O premio da audiencia foi para O vento da illa, de Begoña García Ferreira.

O xurado estivo composto por Ánxeles Cuña, directora de teatro e dramaturga; Ana Romaní, directora do “Diario Cultural” da Radio Galega; Ruben Ruibal, dramaturgo e co-autor da obra gañadora na anterior edición; María Paredes, coordinadora de programación da AGADIC e Camilo Franco, crítico teatral. O xurado subliñou “a escrita contemporánea da obra gañadora, Indoor, así como a orixinalidade do texto cun ritmo medido e marcado para o tempo esixido e a súa linguaxe expresiva e poética na que destaca tamén o manexo da síntese”.

Manuel Lourenzo, Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais

O escritor Manuel Lourenzo gañou con Flores de Dunsinane a edición 2009 do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais. O Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil levouno Xosé A. Neira Cruz pola obra Sopa de xarope de amora. O Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques foi para Ignacio Vilariño por Auga que non vas beber… na categoría de teatro para adultos, e Begoña García por Bon appétit na modalidade de teatro para nenos.

Paco Bezerra, Premio Nacional de Literatura Dramática

O almeriense Paco Bezerra (1978) foi galardonado co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Literatura Dramática, correspondiente a 2009 pola súa obra Dentro de la tierra. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura, distingue unha obra de autor español escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante 2008. Está dotado con 20.000 euros. [Ler nota de prensa do Ministerio]

Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón, Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico

O xurado do Terceiro Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por maioría, e despois dun longo debate, outorgarlle o galardón desta edición á obra Peter Buckley, escrita por Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón. O Premio da audiencia foi tamén para Peter Buckley. Quedaron finalistas as obras Servizo de información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Freixeira. As tres obras finalistas publicaranse nun libro-cd editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no transcurso dunha Gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

-Escoitar Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón: [1]

-Escoitar Servizo de información de Paula Carballeira: [2]

-Escoitar O xou mas gou on de Eva Freixeira: [3]

Premios GZ Crea 2008

En Relato, os premiados foron:
1º Premio: Iria Ameixeiras Cundíns, de Zas, pola obra A confraría das palabras
2º Premio: Carmen Núñez Sande, de Muros, pola obra Sin título
3º Premio: Martina Vázquez Suárez, da Coruña, pola obra Muller en seis pezas

En Poesía, concedéronse os seguintes premios:
1º Premio: Lara Dopazo Ruibal, de Marín, pola poesía Dende Illa Peixe
2º Premio: Valentina Carro Padín, de Cambados, coa poesía Ciclopes Pintábanse con Rimmel e Saian Angulos
3º Premio: David Pérez González, da Pobra do Caramiñal, coa obra Poesía Primeira de Amor, Desamor e Arrefriado
Mención de honra: Xosé Daniel Costas Currás, de Moaña, pola poesía Revoluciona(Me)

En Teatro, os premiados foron:
1º Premio: Spasmo do IES Santa Irene, de Vigo, por Presas
2º Premio: Bicodobrelo, de Catoira, pola obra Comedia bífida
3º Premio: Andaravía Teatro da A.C. Papaventos, de Vedra, coa obra Metus Extremus
(Vieiros)

Bernardino Graña gaña o V Premio Estornela de teatro para nenos

[…] O xurado do certame, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas, elixiu a obra presentada por Bernardino Graña baixo o lema “Larpancia saborosa do lobo e da raposa”. Na acta, os membros do xurado destacan que a obra exemplifica de xeito humorístico o mundo dos contrastes, o do reino animal fronte ao dos humanos, ou a inxenuidade fronte á ambición […]. (Galicia-Hoxe)

Teresa González Costa gaña os premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil

Teresa González Costa é a gran triunfadora da edición 2008 dos premios de literatura dramática convocados pola AGADIC. A autora obtivo os premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil polas obras Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, converténdose na primeira persoa que gaña os dous galardóns. A autora desenvolveu a súa actividade teatral en longas estadías en Italia, Francia e Suíza. (Vieiros)