Os
membros do xurado, formado por Mercedes Rosón Ferreiro, Marcos Calveiro, Dores Tembrás, Manuel Bragado, Rosa López Gato e Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez como secretario, do XVI Premio Literario Ánxel Casal, deron a coñecer os gañadores desta edición, que neste caso recaeron en alumnos de colexios e institutos de Santiago, Noia e Boiro. En total presentáronse case 40 traballos chegados de toda Galicia.
– Na modalidade de Poesía, o primeiro premio recaeu en Ismael Ramos Castelo, do I.E.S Virxe do Mar, de Noia, polo traballo Casa Tomada. Segundo o xurado, “hai que destacar o traballo na arquitectura do poemario constituído por catro partes e un post scriptum. É interesante o diálogo entre as citas, dunha estirpe de escritoras moi concreta, e a aportación do autor. Ademais debe salientarse a tensión reservada para o derradeiro verso, na súa precisión e no coidado da palabra”.
O traballo presentado por Helena Salgueiro Golán, do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela, co título O transitorio das palabras foi merecente segundo o xurado do segundo premio xa que “quere chamar a atención sobre o traballo desenvolvido coa linguaxe, e a utilización do espacio do poema poñendo a proba a sintaxe. É interesante, así mesmo, o tratamento da palabra en relación ao silencio e a contención como fórmula que resolve o desencontro no acto poético”.
– No apartado de Teatro, a gañadora foi Concepció Rubert Castro, do Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, polo traballo Eros & Psique. O comentario dos expertos destaca a singularidade do tema abordado que actualiza o mito clásico de Eros e Afrodita levando o conflito ao tempo actual. Salienta así mesmo a fluidez da escrita e a estrutura dramática moi coidada, tanto nas acoutacións como no desenvolvemento dunha peza concibida para ser representada. O segundo premio declarouse deserto.
– En canto aos traballos presentados na modalidade de Conto, Lucía Laíño Lojo, do IES A Cachada., de Boiro, acadou o primeiro premio coa obra SMP15. Para o xurado, estamos ante un conto que é unha novela, que engaiola pola ambición da narradora de contalo todo, cunha estructura orixinal, actual e cun elemento fantástico moi ben introducido no mundo real. En segundo posto quedou Alba Sofía Naseiro Lamas, do IES Basanta Silva., de Vilalba, co título Os ollos da pantasma, un relato de pautas, de estilo clásico, con clara inspiración gótica e vitoriana, apuntando unha linguaxe imitadora da novela do XIX.
Máis información e a acta orixinal do xurado poden ser consultadas aquí.
Arquivo da categoría: Premios teatro: ditames
Manuel Guede gaña o Premio Rafael Dieste de teatro con A función do tequila
“Intriga,
unha historia do galeguismo e tramas da CIA entreveranse en A función do tequila, a obra coa que Manuel Guede gañou onte o Premio Rafael Dieste de teatro, convocado pola Deputación da Coruña. Guede, que na súa ultima achega dramática perfilara o personaxe de La bella Otero, regresa aos intestinos do século XX para pescudar na peripecia vital da muller que a CIA lle puxo de secretaria a Castelao na súa visita a Nova York en 1938, cando o autor de Sempre en Galiza trataba de lograr apoio económico para a II República. Ela era daquela unha rapaza e chamábase María Docampo. Porén, ao tirar do fío descobre unha figura fascinante: o seu marido, José García Peña Jalisco, personaxe que xa trataran Fernando Salgado e Daniel Cortezón, pero que Guede converte agora no eixe dunha trama callada de realidade e ficción. O que fora director do Centro Dramático Galego (CDG) durante catorce anos estaba onte encantado “de entrar no selecto club dos que gañamos o Dieste e o Cunqueiro de teatro, como Roberto Vidal Bolaño” e tamén estaba satisfeito de que o xurado valorase un texto que fai dramaturxia a partir dunha investigación histórica. A obra, subliñou o xurado, está “baseada en feitos reais e ben documentada, desvela que Castelao e Luis Soto foron espiados pola CIA e propón un interesante xogo entre pasado e presente, entre realidade e recordos, e entre personaxes que varían a súa identidade, que ten a capacidade de enganchar ao espectador”. Guede, pola súa banda, recoñece que traballou moito, en especial a través dunha documentación que lle amosou a estremecedora relación de Docampo con Jalisco: nos anos corenta, ela ven a Galicia “fuxindo de non sabemos que” e “a finais desa década foi cruelmente asasinada polo seu marido xunto coa súa irmá e a súa nai” nunha aldea de Sada. Para Guede -“ou para Méndez Ferrín e Isaac Díaz Pardo”, puntualiza- tratouse dun crime político: un encargo da CIA para facer desaparecer a que fora a súa espía.” Vía Galicia Hoxe. A nova tamén se recolle na páxina da Deputación, e en Xornal, La Voz de Galicia, Galiciaé.
Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos
Xosé Manuel Pacho Blanco gañou
o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.
Fallo do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse
Deuse a coñecer o fallo do xurado do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse, organizado polo Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa:
“O Xurado composto por:
– José Juan Durán Hermida (en representación da Deputación Provincial)
– Alfonso Saavedra Lourido (en representación do Liceo Casino)
– Soledad Rey Fernández (xornalista do Faro de Vigo, en representación da prensa local)
– José Álvarez Domínguez (en representación dos grupos de teatro local e comarcal)
– Germán Manuel Torres de Aboal (en representación do profesorado e do Liceo Casino)
– Óscar Rodríguez Carballo (Xerente do Liceo Casino, Secretario do Xurado)
Celebrou xuntanza deliberativa o día de hoxe [luns 21 de marzo] de 13:30 h. a 16:45 h., e emitiu o seguinte fallo do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse:
* 1º) Premio, dotado con 600 euros, do que resultou gañador: Alejandro Gustavo Guanella, residente en Vilagarcía de Arousa, coa obra: Polos opostos (Traxicomedia).
* 2º) Premio, dotado con 300 euros, que foi outorgado a: Ana María Galego Gen, con domicilio en Ferrol, coa obra: Don Matute e a árbore que falaba.
* 3º) Premio, dotado con 150 euros, para María Martínez Barcala, de Vilagarcía de Arousa, coa obra: Todo no seu tempo.
O fallo do xurado é inapelable e os concursantes aceptaron coa súa participación a totalidade das bases polas que se convocou este I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse. A entrega de premios terá lugar o venres 25 de marzo ao final da obra de teatro dese día, dentro da I Semana de Teatro, que se vai celebrar no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. A Semana de Teatro é dirixida, en primeiro lugar, aos socios do Liceo Casino, pero, tamén nunhas xornadas de portas abertas, para todo o público de Vilagarcía e a súa comarca aos que lles guste o teatro, o noso teatro.
Atte.- Xermán Torres – Vcpte. e Secretario de Actividades Culturais do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa.”
Lugo: entregados os Premios da Edición 2010
O gremio editorial galego celebrou o sábado 12 de marzo en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores. O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo. Nesta VI Noite da Edición foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional. O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Xulio Gutiérrez.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.
– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto & Chinto.
– Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010: 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.
– Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.
– Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010: Asociación Culturgal, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.
A compañía Casahamlet gaña o Otero Pedrayo
Vanesa Sotelo recibe o premio Josep Robrenyo de experimentación teatral coa obra Memoria do incendio
“O
premio de teatro Josep Robrenyo é un dos máis destacados da escena catalá e este ano foi parar a mans dunha galega. Vanesa Sotelo (Cangas do Morrazo, 1981) fíxose con este premio de experimentación teatral dotado con 3.000 euros pola obra Memoria do incendio escrita en galego. A obra xorde dunha viaxe a Praga, na que a autora descubriu a historia de Jan Palach e Jan Zajíc, dous estudantes que se inmolaron a finais do setenta para protestar contra a invasión de Checoslovaquia. A autora, que é membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro, xa ten no seu haber o Premio de xurado do IV Certame Diario Cultural de Teatro Radiofónico convocado pola Radio Galega con Indoor.” Vía Cultura Galega. A nova aparece recollida tamén en Faro de Vigo e La Voz de Galicia.
Carlos Labraña gaña o VI Premio Estornela de Teatro infantil
A
obra Teatro de Xoguete, de Carlos Labraña, gañou o VI Premio Estornela de Teatro para nenos/as, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez e Xoán Andrés Fernández Castro, acordou por unanimidade conceder o premio a esta obra, composta por tres representacións teatrais distintas que levan por título Á procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, Papaventos, que conforman “un conxunto dramático que recrea dun xeito maxistral e altamente atractivo e humorístico motivos extraídos da realidade diaria do mundo infantil”. O premio será entregado o domingo 19 de decembro ás 19:00 na propia Fundación. O xuri decidiu entregar un accésit de honor a Xosé Luna Sanmartín pola súa obra Tulipáns vermellos. Vía Galicia Hoxe, recollido tamén en La Voz de Galicia. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
A RGT leva o I premio Fegatea
Coñécense os gañadores dos Premios Ánxel Casal da Concellaría de Educación de Santiago
Afonso
Francisco Traficante Fernández, de Ordes, con 14 anos, foi o gañador do XV Premio Ánxel Casal, convocado pola Concellaría de Educación de Santiago, na modalidade de poesía por Nós corredizos, unha obra que a escritora Dores Tembrás, integrante do xuri, considerou “extraordinaria e dunha brillantez e madurez poética pouco habitual”. Na modalidade de conto, o premio foi para Brais Lamela Gómez, de 16 anos, alumno do IES Basanta Silva (Vilalba). Da súa obra, Fiat Voluntas Tua, sinalou Marcos Calveiro, escritor e membro do xuri, a “calidade literaria e o uso dos recursos lingüísticos do galego”. En teatro, a premiada foi Lara Porto Mato, de 17 anos, alumna do colexio compostelán Manuel Peleteiro, por Sagrada Familia. A entrega dos premios celebrarase o xoves 16 de decembro, ás 12:00 h. no Pazo de Raxoi, en Santiago. Máis información aquí.