Carballo: Praza dos libros, actos do xoves 26 de agosto

Do xoves 26 de agosto ao domingo 29 desenvólvese no Xardín Municipal outra edición da Praza dos libros, feira literaria que se vai consolidando como un dos máis orixinais espazos culturais ano tras ano, organizada polo Concello de Carballo. Estará aberta de 10:30 a 14:30 h., ás mañás, e de 17:30 a 21:30 h., polas tardes.
Os actos máis relevantes do primeiro día, xoves 26, son:
Ás 13:00 h., inauguración e pregón a cargo de Yolanda Castaño.
Ás 19:00 h., contacontos en verso para nenos/as, a cargo da mesma autora, a partir das aventuras do verme punki Punver (Galaxia).
E ás 20:30 h., Teresa Moure presenta A intervención, publicado en Xerais, cunha videoinstalación da súa autoría, acompañada polo libreiro Antón Pedreira.

O programa completo da feira pódese descargar aquí.

Monforte: actividades do xoves 26 de agosto na Feira do Libro

Dentro do programa de actos da Feira do Libro de Monforte (na rúa do Cardeal), o 26 de agosto realizaranse os seguintes:
19:00 h. Ricardo Gurriarán presenta Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1968, publicado en Xerais, acompañado por Manuel Bragado.
20:00 h. Xabier Quiroga presenta a súa novela máis recente, O Cabo do Mundo, Premio da Crítica 2010 no eido da narrativa, publicada en Xerais, tamén acompañado por Manuel Bragado.

Monforte: inauguración da Feira do Libro o mércores 25 de agosto

En Monforte desenvolverase a XIII edición da Feira do Libro do mércores 25 de agosto até o sábado 28, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas todos os días.
Na primeira xornada, o acto de inauguración será ás 18:00 horas, a cargo de Xosé Manuel Pereiro. Logo, ás 20:30 h., Marcos Calveiro asinará exemplares do seu libro Settecento e do resto da súa obra.
O programa completo da Feira pódese ver aquí.

Viveiro: actos da Feira do Libro do luns 16 de agosto

Na Feira do Libro de Viveiro este luns 16 de agosto, a partir das 19:30 h., preséntase Edicións Barbantesa, a cargo da responsable de edición Penélope Pedreira e Natalja Dudeck, membro de Xestión Literaria Galega, editora de Edicións Barbantesa. No mesmo acto, terá lugar a presentación do libro Memorias dunha viaxe improvisada. De Betanzos a Nápoles en 1899 de Rogelio Borondo, publicado por Edicións Morgante. Fará a presentación Joel Ben Ramos, autor da introducción biográfica.

Viveiro: inauguración da Feira do Libro e sinatura das súas obras a cargo de Xabier P. Docampo

O venres 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro, que se celebrará nos xardíns de Noriega Varela até o luns 16. O acto de inauguración celebrarase ás 13:00 horas, encargándose de ler o pregón Xabier P. Docampo, quen, a partir das 19:30 h., asinará exemplares dos seus libros.
Neste mesmo día, a partir das 20:30, celebrarase unha charla sobre Territorios da memoria e espazos imaxinarios, na que participarán o propio Xabier P. Docampo, Ramón Pernas, o poeta e ensaísta Emílio Xosé Ínsua e a artista plástica Renata Otero, e que estará aberta tamén á participación do público.

Viveiro: actividades do sábado 14 de agosto

Dentro da Feira do Libro de Viveiro, este sábado 14 de agosto, a partir das 19:30 h. Magín Blanco presentará o seu libro-disco A nena e o grilo, publicado en Oqo Editora, realizando un pequeno concerto. Ás 20:30 h. preséntase o libro Viveiro e a Mariña de Álvaro Ruibal, publicado pola editorial Estabañón, acto no que participarán María Concepción Donapetri Camacho e Antonio Nores Quesada.