
Mañá sábado 13 de marzo ás 13:00 o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tributa unha homenaxe a Agustín Fernández Paz. O acto celebrarase no Auditorio do Pazo e contará coa intervención de Xabier P. DoCampo e a actuación de Mini e Mero.

Mañá sábado 13 de marzo ás 13:00 o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tributa unha homenaxe a Agustín Fernández Paz. O acto celebrarase no Auditorio do Pazo e contará coa intervención de Xabier P. DoCampo e a actuación de Mini e Mero.
O próximo venres 12 de marzo terá lugar a presentación no Ateneo Ferrolán, da reedición especial da Carpeta “Homenaxe a Uxío Novoneyra” con poemas, fotografías e estampas de pintura que fixeron os creadores na homenaxe de hai dez anos. Esta reedición da carpeta foi promovida por Rei Zentolo con motivo do Día das Letras Galegas 2010. No acto contará coa participación de Uxio Novoneyra Rei.

Este venres 26 de febreiro preséntase no Café Moderno de Pontevedra a carpeta Homenaxe a Uxío Novoneyra: Letras Galegas 2010. O acto comezará ás 20:00 e ten entrada libre. A carpeta será presentada máis adiante en Santiago de Compostela (o 5 de marzo, na Asociación O Galo) e Ferrol (12 de marzo, no Ateneo Ferrolán).
Co gallo do Día de Rosalía, o vindeiro mércores, 24 de febreiro, a AELG organiza unha lectura pública simultánea nas seguintes cidades do país:
A Coruña, ás 18.00, Xardíns de Méndez Núñez, Monumento a Curros Enríquez
Ferrol, ás 18.00, na Praza do Himno Galego
Lugo, ás 18.00, Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu ROSALÍA DE CASTRO entre 1864 e 1868 (hai unha placa indicativa).
Pontevedra, ás 18.00, onde a estatua de Castelao
Santiago, ás 17.30, onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura
Vigo, ás 19.00, no nº 12 da Rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel
Podedes consultar neste mapa a ubicación exacta dos diferentes lugares.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro venres 19 de febreiro, terá lugar a presentación na Coruña, da reedición especial da Carpeta homenaxe a Uxío Novoneyra con poemas, fotografías e estampas de pintura que fixeron os creadores na homenaxe de hai dez anos. Esta reedición da carpeta está editada por Rei Zentolo, con motivo da adicatoria a Uxio Novoneyra do Día das Letras Galegas 2010. No acto participarán Uxio Novoneyra Rei pola Fundación Novoneyra, Salvador Vázquez, director de Rei Zentolo SL. e José Fernández, coordinador da carpeta de homenaxe. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos, 16-18,1º), con entrada libre ate completar o aforo.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, na súa Asemblea Anual de Socios e Socias, celebrada recentemente no Museo do Pobo Galego, acordou, entre outras cuestións, o programa de actividades para 2010, do que cómpre salientar:
-A concesión do premio Bós e xenerosos ao Colectivo de Concellos organizadores do Premio Blanco Amor de Narrativa, e da Letra “E”, Escritora na súa Terra, a Marilar Aleixandre.
-Entrega do galardón Escritor Galego Universal ao arxentino Juan Gelman na Cea das Letras, acontecemento literario onde se entregarán os Premios AELG XXX Aniversario. O premio para institucións irá para o Salón do Libro de Pontevedra. Este acto será ademais a oportunidade para exteriorizar a celebración do XXX aniversario da AELG, e homenaxear a todos os membros das respectivas directivas que a asociación tivo ao longo da súa historia.
Celebrarase tamén o ciclo de conferencias “III Encontro Cidade da Coruña”, a “II Xornada da Crítica”, o “IV Encontro de Escritores/as Novos/as”, a I “Xornada de Literatura e Ensino” e a “III Xornada de Literatura de Tradición Oral”; e
participará igualmente na edición do Galeusca, que organiza este ano a AELG na Coruña.
“A escrita do conto popular” é o título dun congreso que se celebrará en colaboración coa USC, e levará a cabo un Roteiro Novoneyra, no que colabora a Deputación de Lugo, e o ciclo “Escritores na Universidade”, organizado coa UDC e o Concello da Coruña.
Editaranse as actas da II Xornada de Literatura de Tradición Oral., e se lle dará continuidade a gravación en vídeo dos socios/as da AELG e do proceso de dixitalización para o Centro de Documentación da web da asociación, así como da apertura dunha sección na web coa historia da AELG a través dos informes de prensa.
Está prevista a celebración de 2 Polafías na Coruña, 2 en Lugo, 1 en Pontevedra e 1 en Ourense, así como a colaboración coa Concellería de Cultura de Compostela para a elaboración de 4 roteiros literarios na cidade.
Finalmente, a AELG organizará un Cortexo Cívico conmemorativo do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, desde Padrón ao Panteón de Galegos Ilustres.
Onte domingo quedou inaugurado o XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que desenvolverá un completo programa de actividades até o 14 de marzo. Salientamos de maneira moi especial a homenaxe ao escritor Agustín Fernández Paz que terá lugar o sábado 13 de marzo, coa participación de Xabier P. Docampo e a actuación de Mini e Mero. Podedes descargar o programa en PDF (2,2 MB) premendo nesta ligazón
O martes 9 de febreiro ás 19:00 horas o Salón do Libro de Pontevedra homenaxea a Anisia Miranda cunha lectura colectiva das súas palabras, na cal todas as persoas interesadas na súa obra están convidadas a participar. O evento celebrarase na Casa dás campás e o tempo de intervención será de entre 3 e 5 minutos por lector.
A Directiva da Agrupaçom O Facho acordou outorgar o premio O Facho de Ouro ao profesor Xesús Alonso Montero, “como testemunha e reconhecimento a sua longa trajectória na defesa da dignidade e da cultura do País”. O acto cívico estará acompañado dunha cea homenaxe que se celebrará o sábado día 30 de xaneiro ás 21 horas no Hotel Riazor da Coruña. O prezo por persoa é de 30 €. Para reservar lugar, chamar ao teléfono 981 269 663 (tardes) ou enviar un correo electrónico.
O ensaísta e crítico Francisco Fernández del Riego celebra hoxe o seu 97 cumpreanos. Nacido en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913 e avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia (1950) e fundador da revista Grial (1963). Autor dunha extensa obra, o intelectual galeguista ingresou na Real Academia Galega en 1960, e director da mesma entre 1997 e 2001, un período no que comezou unha apertura sen precedentes na historia da institución. Polo seu importante contributo á nosa cultura, Fernández del Riego foi recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, a casa dos Poetas, etc). Así mesmo, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.