Baixo
o título Memoria da chaira enteira, a Irmandade Manuel María celebrará o vindeiro 8 de setembro en Penas de Rodas -cerca de Rábade- a homenaxe ao poeta chairego, falecido no 2004. A homenaxe, que comeza 17:00 h., coincide coa axilización dos trámites para constituír a Fundación Manuel María, que terá a súa sede na Terra Chá, na mesma casa onde nacera no 1929. A deputación de Lugo e concellos como o de Monforte, onde pasou parte da súa vida, están directamente involucrados neste proxecto, presentado xa en distintas cidades de Galicia pola súa viúva, Saleta Goi. En Penas de Rodas, distintos poetas recitarán versos de Manuel María como limiar da ofrenda floral, ás 18:00, no cemiterio de Outeiro de Rei, onde está enterrado. Alí, ademais dunhas palabras de lembranza que pronunciará Valentín Arias, haberá tamén unha lectura de textos.
Posteriormente, ás 19:00, na Carballeira de Santa Isabel, realizarase un ritual no que unha personalidade vinculada ao autor de Muiñeiro de brétemas recibe a Navalla de Manuel, coa que cortará o queixo e o pan que comerán os asistentes, este ano acompañados por viño da Ribeira Sacra. A primeira persoa en recibir a ración é, sempre, Saleta Goi. Noutras ocasións, a navalla recaeu, entre outros, en Alfonso Blanco Torrado, Xulio Xiz, Camilo Torres ou Darío Xohán Cabana. Neste último acto, que se celebra nas proximidades da casa natal, participarán Mini e Mero, Miro Casabella e Tino Baz.
Arquivo da categoría: Homenaxes
A Coruña: Lúas de outono. Homenaxe a Manuel María
O martes
7 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a partir das 20:30 h., celébrase unha cálida homenaxe á figura de Manuel María, LÚAS DE OUTONO, que quere ser a rememoración dunha vida e dunha obra e a reivindicación da súa vixencia, comemorando o sexto aniversario do pasamento do poeta. Nesta gala de homenaxe Uxía cantará poemas do autor chairego, acompañando un recital no que participan Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán Vello. O acto está organizado pola Fundación Manuel María e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
Xosé Neira Vilas na súa homenaxe en Palas de Rei
“Pedem explicações à Junta pola nom divulgaçom de Carvalho Calero”
Homenaxe a Francisco Fernández del Riego no seu domicilio
Amigos e responsables da Fundación Penzol e de Galaxia, acompañados do Presidente da Real Academia Galega, homenaxearon o pasado venres 23 de xullo a Francisco Fernández del Riego, visitándoo na súa casa para, nun acto sinxelo pero pleno de emotividade, entregarlle unha placa pero, sobre todo, para entregarlle o agarimo, as apertas de todo un país e, moi en especial, para facerlle saber do profundo agradecemento que todos sentimos pola súa vida, exemplar, ao servizo do noso país e da nosa cultura. Durante todo o acto, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, mantívose ao carón de don Paco, nunha xornada que o protagonista definiu como “inesquencible” e como “un agasallo”. Nun discurso pleno de emoción explicou como durante estes anos xa fora receptor de moitas homenaxes, pero que aquela, dos seus amigos, era sen dúbida a máis importante e a que máis dentro lle chegara. Máis información aquí.
Santiago: actividades da Fundación Uxío Novoneyra e Rei Zentolo no Festigal
A Fundación Uxío Novoneyra e Rei Zentolo, da cal a marca galega é patrona, únense para festexar o día da Patria Galega durante toda a fin de semana. Instalarán un stand na zona de Feira do Festigal 2010 no que se pasarán diferentes documentais e documentos sonoros e audiovisuais de Uxío Novoneyra, presentarase a fundación recén nada e o seu proxecto de desenvolvemento, e venderanse packs de camisolas de Novoneyra, da súa camisola de homenaxe de Rei Zentolo, xunto a libros do poeta. A Fundación Novoneyra distribuirá as diferentes obras do poeta, ademais de expor e vender a carpeta de “HOMENAXE A UXÍO NOVONEYRA” co gallo das letras galegas deste ano 2010 e unha serie de reproducións de gravados do propio autor courelao, faceta súa, ate hoxe, case inédita. Todos os beneficios das vendas das súas obras (cedidas polas diferentes editoriais: Galaxia, Espiral Maior, Toxosoutos, Alvarellos, …) doaranse á Fundación.
O Irixo: homenaxe a Arturo Baltar na Insua dos Poetas
O sábado 10 de xullo ás 12:30 h. celébrase a II Festa da Palabra, en homenaxe a Arturo Baltar, na Insua dos Poetas (estrada de Carballiño a Lalín (OU-902) Km. 4,5). Entre outros escritores e artistas participan: Manuel Rivas, Luis González Tosar, Víctor Campio, Antón Lamazares e Acisclo Manzano. Ao remate do acto compartirase un xantar de irmandade. Pódese descargar o convite aquí.
A Coruña: Terra Berger, homenaxe poético-musical a John Berger
O mércores 30, ás 20:30, no Antigo Cárcere Provincial da Coruña, haberá un recital poético-musical de homenaxe a John Berger, Terra Berger, coa participación de Xoán Abeleira, Rosa Aneiros, Lupe Gómez, Xavier Seoane, Manuel Rivas, Yolanda Castaño e Cesáreo Sánchez Iglesias, acompañados da actuación en directo de Berrogüetto. O aforo limitado, e as entradas son convite (repártense desde o luns 28, no recinto do Cárcere, entre as 12:00 e 14:00, e de 18:00 a 21:00).
Marilar Aleixandre homenaxeada pola AELG
A homenaxe “A Escritora na súa Terra”, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega este ano a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada o sábado día 5 de xuño en Santiago de Compostela. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Aelg, e tense constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural. Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é un abruñeiro), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.
Programa de actos
Sábado, 5 de xuño de 2010 (11:45 horas) – Parque Avda. de Barcelona (Santiago de Compostela): Plantación dun abruñeiro (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo. Descubrimento da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao parque. Interveñen: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Marilar Aleixandre.
13,00 horas – Salón Nobre do Pazo de Raxoi (Santiago de Compostela): Acto de entrega da “Letra E”. Interveñen:Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Ana Romaní: Laudatio. Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas. Intervención da homenaxeada: Marilar Aleixandre.
14,30 horas – Hotel-Restaurante “Palacio del Carmen” (Rúa das Oblatas s/n, Santiago de Compostela): Xantar de confraternidade aberto aos/ás socios/as da Aelg, á vecindade de Santiago de Compostela e demais persoas interesadas.
Sigue lendo
Homenaxe a Marilar Aleixandre: fin de reservas
O sábado 5 de xuño a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra a XVI Edición “O/A Escritor/a na súa Terra”, recaendo este ano na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada en Santiago de Compostela. Se desexas acompañar a Marilar no xantar de confraternidade co que remata a homenaxe, informámoste de que o prazo para facer a reserva remata esta fin de semana xa que o luns 31 é a data tope que nos dá o restaurante para confirmar o número de asistentes ao xantar, non admitindo máis reservas a partires desa data.
ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (AELG)
Horario: Luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:00. Tlf./Fax: 981 133 233. Avda. de Alfonso Molina, s/n. Edif. de Sindicatos, 8º andar. 15008 – A CORUÑA.