Ferrol: actividades do venres 20 na Feira do Libro

O venres 20 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), cos seguintes actos literarios:
19:00 horas. Sinatura de Luces, bicos e cores, de Concha Blanco, publicado en Embora.
19:30 horas. Presentación de Vento galerno, de Antonio Yáñez Casal e Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicados en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Manuel Bragado.

Santiago: Unha viaxe de ida e volta, até o 31 de maio

Unha viaxe de ida e volta é o lema da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura que se realizará ata o 31 de maio na Galería Sargadelos de Santiago, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka. Como en edicións anteriores, ofrece sesións de contacontos, obradoiros de escrita creativa e ilustración, e visitas guiadas pola exposición de ilustracións, libros e elementos tridimensionais. Compleméntase con sesións de contos para bebés, narración de contos con música para familias, e actividades formativas para o persoal dos centros de ensino. Neste arquivo pode descargarse máis información: Campaña de animación á lectura Concello de Santiago Kalandraka 2012.

Pontevedra: acto de homenaxe a Paco Martín no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

O sábado 31 de marzo, ás 13:00 horas, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, con motivo da clausura do XIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, terá lugar unha merecida homenaxe a Paco Martín por toda a súa traxectoria literaria.

Vigo: presentación de Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo

O luns 2 de abril, ás 18:00 horas, no MARCO de Vigo, preséntase o libro Un soño na bandexa, de Mariné Lorenzo, publicado en Galaxia. O acto consistirá nun contacontos seguido da presentación, onde intervirán, xunto á autora, Jorge Vázquez e Francisco Castro.

A poesía abre o apetito. Vídeo sobre O meu gato é un poeta, de Fran Alonso

Desde Xerais:
“Un grupo de nenos e nenas de 3º de Primaria da aula de música do CPI Virxe da Saleta, de Cea, elaboraron un vídeo, A poesía abre o apetito, a partir dun dos poemas de O meu gato é un poeta, de Fran Alonso, quen publica na súa web unha páxina de recursos didácticos sobre o libro que inclúe tamén esta ficha de traballo en pdf elaborado polo Club de Lectura do CPI O Rosal.

A Poesía abre o apetito para comer from cpivirxedasaleta on Vimeo.

A literatura xuvenil en galego rozou os 500 títulos no ano 2010

“A Fundación SM acaba de publicar o seu Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil 2012, que inclúe un capítulo dedicado ao sector en Galicia, asinado por Isabel Soto e Xavier Senín. Nel destácase que, segundo datos do Comercio Interior do Libro de Galicia do 2010, os libros para nenos e mozos en galego achegaron 491 títulos, un incremento lixeiro con respecto ao 2010. No apartado negativo, tamén se informa da repercusión dos recortes institucionais no sector do libro, que ocasionou a cancelación de certames como o Xuventude Crea, o peche de medios de comunicación e «a evidente diminución da presenza da lingua galega no ensino». No apartado positivo, os autores sinalan a vitalidade de asociacións e de bibliotecas, e o incremento de recursos en Internet.” Vía La Voz de Galicia.

Gondomar: Antón Cortizas falará sobre Vaia tropa!

O sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, organizado por Espazo Lectura. Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicado en Xerais, e contarase coa presenza do autor para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación de O alento nas costas, de Natalia Carou

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 26 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, publicado por Baía Edicións.

A Coruña: presentación de Almanaque musical e exposición de David Pintor

O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, en Libros para Soñar (Avenida de Fisterra, 64) da Coruña, preséntase Almanaque musical, de Antonio Rubio, con ilustracións de David Pintor (quen estará presente no acto) e tradución de Xosé Ballesteros, publicado en Kalandraka. Na mesma libraría, até o 16 de abril, poderase visitar a exposición Un paseo ilustrado II, do propio David Pintor, onde presenta unha escolma de traballos incluídos en diversos libros infantís.