Carlos Labraña: “Son moi crítico co que escribo”

Entrevista a Carlos Labraña en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Cando se fala da desconexión do público co teatro, non se formula se realmente se fai algo para crear esa conexión.
Carlos Labraña (CL): Xustamente son os espectáculos dirixidos aos nenos os que non teñen problemas. De feito, medraron bastante nestes anos as compañías profesionais que fan espectáculos para nenos e teñen moitas funcións. Se os cativos van ao teatro dende nenos, despois van a seguir indo. Iso si, aos pequenos teslles que ofrecer calidade porque os nenos non son os maiores: se algo non lles gusta, non lles gusta.
GH: Que é o teatro para os nenos?
CL: En principio, para eles é un xogo. O que máis lles gusta é disfrazarse e converterse nun superheroe, ou nun personaxe de acción.
GH: O libro publicarase en Embora. É unha forma de visibilidade?
CL: Eu que levo vinte anos publicando teatro infantil, aínda así sigo tendo problemas para publicala. É moi complicado editar. Agora, tiña dúas obras comprometidas e paráronse. O que primeiro que se sacrifica son as coleccións de teatro. Moitas veces, hai que acudir aos premios. Dígocho eu pero tamén cho pode dicir Manuel Lourenzo. Se non é cun premio, é difícil que unha editorial che publique un libro así.”

O Grove: presentación de A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa

O venres 17 de decembro, a partir das 20:00 h., na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei (Monte da Vila, s/n.), do Grove, preséntase o último Premio Merlín de Literatura Infantil, A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, organizada polo Concello do Grove e por Xerais. No acto participan Quico Cadaval, Manuel Bragado e a propia autora.

Carlos Labraña gaña o VI Premio Estornela de Teatro infantil

A obra Teatro de Xoguete, de Carlos Labraña, gañou o VI Premio Estornela de Teatro para nenos/as, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez e Xoán Andrés Fernández Castro, acordou por unanimidade conceder o premio a esta obra, composta por tres representacións teatrais distintas que levan por título Á procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, Papaventos, que conforman “un conxunto dramático que recrea dun xeito maxistral e altamente atractivo e humorístico motivos extraídos da realidade diaria do mundo infantil”. O premio será entregado o domingo 19 de decembro ás 19:00 na propia Fundación. O xuri decidiu entregar un accésit de honor a Xosé Luna Sanmartín pola súa obra Tulipáns vermellos. Vía Galicia Hoxe, recollido tamén en La Voz de Galicia. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Blanca-Ana Roig Rechou, nova presidenta da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ)

A Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) renovou a súa directiva no marco da celebración da I Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, que se desenvolveu en Vigo os días 18 e 19 de novembro cunha importante presenza de participantes e uns resultados moi esperanzadores de cara ao futuro. Blanca-Ana Roig Rechou, que ata o de agora viña formando parte de ANILIJ como presidenta da súa sección ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil), substitúe no cargo a Celia Vázquez García, da Universidade de Vigo, integrando na nova directiva a parte dos membros da dirección anterior, como son Veljka Ruzicka Kenfel, Lourdes Lorenzo e Ana Fernández Mosquera, investigadoras da universidade olívica, ás que se une tamén Isabel Mociño. Segundo a nova presidenta con esta directiva amósase un claro afán continuista, ao asumir os retos e proxectos que a Asociación ten en marcha, aos que se sumarán outras iniciativas coas que rendibilizar e visibilizar o importante papel desta Asociación, que dende a súa creación en 1999 levou a cabo numerosas iniciativas, a través das que fomentou o contacto, diálogo e colaboración entre os seus integrantes e outros especialistas tanto do ámbito estatal coma internacional.

Moaña: presentación de Bicos de sol, de Asun Estévez

O venres 19 de novembro, a partir das 20:00 h., no Salón de plenos do Concello de Moaña, preséntase o libro Bicos de sol, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. Esta obra nace para desdramatizar o impacto que supón unha grave enfermidade no seo de calquera familia, pero especialmente para resaltar a importancia da implicación de tódolos seus membros.

Vigo: 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil

O xoves 18 e venres 19 de novembro desenvólvese, no Hotel AC Palacio Universal de Vigo, a 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación de Literatura Infantil e Xuvenil, organizada pola Asociación ANILIJ, que conta coa seguinte presenza galega:

18 de novembro:
10.00 h. A Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (Grupos de investigación):
Araceli Herrero Figueroa. Grupo de investigación GI-2023 (Universidade de Santiago).
Blanca Roig Rechou. Grupo LITER21 (GI-1819). Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega (Univ. Santiago Compostela).
17.00- 18.30 h.: A Investigación en LIX (Exposición de proxectos de investigación):
Blanca Roig Rechou e Veljka Ruzicka Kenfel. Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Santiago de Compostela) e Facultade Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo). Proxecto coordinado: A guerra civil española na narrativa infantil e xuvenil.

19 de noviembre:
16:00 h.: Panel de presentación de teses de doutorado en curso ou xa lidas nos dous últimos anos por parte dos propios doutorandos/as ou doutores/as.
Eulalia Agrelo (USC). Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz.
– Pilar Bendoiro Mariño (USC). Análise das tipoloxías de transvase inglés-galego na Literatura Infantil e Xuvenil.
Mar Fernández Vázquez (USC). A actuación de Carlos Casares no sistema literario galego.
– Carmen Ferreira Boo (USC). Reescrituras do conto de transmisión oral na Literatura Infantil e Xuvenil galega.
– Vanessa Regina Ferreira da Silva (USC-UNESP). A literatura xuvenil en sistemas literarios periféricos: Brasil e Galicia.
– Geovana Gentili (USC-UNESP). A tradición dos contos de fadas e a constitución da literatura infanto-xuvenil brasileira e galega.
Isabel Mociño (USC). Estudo comparado da narrativa infantil de ficción científica nas literaturas galega e portuguesa.
Marta Neira (USC). A muller na narrativa infantil e xuvenil sobre a Guerra Civil española no marco ibérico.