<em>O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos</em> é un dobre conto que o martes día 4 de decembro presentan na Biblioteca da Fundación Galicia (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago) os seus autores: o escritor Miguel Vázquez Freire e o ilustrador Xosé Tomás. No acto de presentación un grupo de compoñentes do grupo de teatro do IES Eduardo Pondal, onde imparte clases Miguel Vázquez Freire, fará unha lectura dramatizada do conto acompañada dunha banda sonora seleccionada para a ocasión e a proxección das imaxes de Xosé Tomás.
Arquivo da categoría: Infantil e xuvenil
Preséntase en Ferrol Cen+Cen pés, de Xaquín Marín
O martes 4, ás 20:30 horas na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32), presentarase o libro de Xaquín Marín Cen+Cen pés (Edicións Embora). A presentación estará a cargo de X.M. Beiras Torrado.
Yolanda Castaño asinará n’ A Coruña exemplares de Punver
A edición galega do xornal EL PAÍS, xunto á editorial Galaxia, iniciou no pasado mes a iniciativa “No país dos contos”, consistente na reedición de obras infantís representativas dos títulos da editorial galega.
No cadro desta divulgación da nosa literatura Yolanda Castaño asinará exemplares do seu libro Punver o día 3 de decembro na libraría Azeta d’ A Coruña (Praza González Dopeso). Será ás 19:00 horas.
Finalizan as emisións ao vivo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG
«O mércores 28 finalizarán as emisións en directo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG. Durante os últimos catro mércores de novembro os inscritos nas xornadas terán presenciado desde os seus computadores persoais novos contidos e novos enfoques sobre a obra de Xosé María Álvarez Blázquez e sobre Agustín Fernández Paz, ofrecidos por algúns dos maiores especialistas do país na materia:
XABIER P. DOCAMPO: tomando como punto de partida as posibilidades de utilización da narración oral nas aulas, ofreceunos un percorrido completo polas súas innúmeras experiencias como contador de contos e profesor, até o punto de ternos entregado unha reflexión profunda sobre a tradición oral perdida nos últimos anos e unha rotunda teorización sobre as consecuencias da perda deste valioso instrumento de interacción social e coñecemento persoal.
RAMÓN NICOLÁS: partindo dos seus vastos coñecementos sobre a obra de Agustín Fernández Paz, este crítico literario regalounos un percorrido exhaustivo por ampla e brillante obra deste autor de proxección internacional. Un documento descritivo e valorativo de profundo calado, e sen dúbida a máis actualizada.
XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO: desde a posición privilexiada dunha mente perspicaz e a relación filial con Xosé Mª Álvarez Blázquez, deu para goce público as súas consideracións mellores como analista literario, tanto dunha perspectiva histórica canto estética. Ao tempo, as súas experiencias desde a proximidade familiar forneceron datos imposíbeis desde outros puntos de vista máis afastados. Opinións algunhas veces baseadas no coñecemento da personalidade do escritor, mais sempre cun rigor de biógrafo consciente.
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: foron un verdadeiro luxo as confesións que este autor nos fixo sobre a súa propia obra, sen dúbida unha das máis sobresaíntes do panorama literario galego dos últimos anos, e mesmo do estatal. De facto, desvelou as descoñecidas orixes dos seus argumentos literarios principais, mostrándonos con todo luxo de detalles os motivos máis significativos, inspiradores ou simplemente azarosos que deron pé para o inicio das súas novelas. E unha auténtica confesión dun mestre sobre o seu particular método de traballo.
VÍCTOR FREIXANES: apoiado nas súas ben coñecidas dotes de experimentado orador, tratou a figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez como aquel que sabe ponderar os méritos dun activista cultural, e en particular os que a este autor lle corresponden do punto de vista do seu grande labor editorial. Así, as consideracións ofrecidas sobre Álvarez Blázquez sobre as estratexias de divulgación da literatura en ámbitos inhóspitos, case todos na realidade en certa época para o libro galego, demostraron coñecemento palpábel sobre os esforzos dunha persoa implicada até a medula cun mercado do libro que el mesmo axudou a nacer de modo determinante.
PEDRO SILVA: iniciou unha sección das xornadas caracterizada polas prácticas tecnolóxicas que hoxe resultan imprescindíbeis para a procura de contidos. Así, explicou as características básicas da Internet, definiu os blogues e explicou as características do Blogomillo como comunidade internacional dos blogues en galego. A continuación ofreceu datos sobre o tratamento da literatura no Blogomillo: procurada a cadea “literari” na comunidade de blogues en galego atópanse referencias en 10.000 entradas nos últimos tres meses, no ámbito particular duns mil blogues. Datos que falan eles sós da relevancia dos asuntos literarios na internet en galego.
OSCAR SÁNCHEZ: este mércores falará dos métodos máis útiles para atopar na Rede contidos sobre ambas as figuras tratadas nas xornadas: Xosé Mª Álvarez Blázquez e Agustín Fernández Paz. A súa recoñecida experiencia como persoa da Rede con interese polos contidos culturais fai del un guía de luxo para mergullarnos na procura de datos literarios.
MERCEDES QUEIXAS: esta profesora, investigadora e escritora ofreceranos unhas propostas metodolóxicas para o estudo da obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, concluíndo así os materiais ofrecidos nestas xornadas cunha documentación específica que propiciará sen dúbida análises literarias ben orientadas desde o punto de vista da súa transmisión ou divulgación.
Para finalizar, queremos resaltar que se ben os contidos ofrecidos son específicos e orixinais polo punto de vista que os fai complementarios, non menos relevante será a partir de agora a AULA DE ESCRITORES na web da AELG, que todos acolle e que estarán disponíbeis nos próximos días para todo aquel que os queira consultar: conferencias, fotos e diversos materiais que crecerán nos próximos meses até converterse nun espazo referencial da Rede.» (Consello Directivo da AELG)
Presentación n’ A Coruña de O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz
O mércores 28 de novembro será presentada ás 20:30 horas na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés (R/ González Garcés, s / nº) a obra O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz. O acto contará coa participación de Óscar Sánchez, que manterá unha conversa co autor, e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.
Marisa Núñez galardoada co Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil
«A autora galega Marisa Núñez ven de ser galardoada co Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil, concedido pola Fondation Espace Enfants (FEE) de Suíza pola obra CHOCOLATA, publicada por OQO Editora. Este premio convócase cada dous anos desde hai dúas décadas en St. Pierre des Clages, Vila Suíza do Libro.
A obra, escrita por Marisa Núñez, está ilustrada pola austríaca Helga Bansch e foi publicada por OQO Editora en galego, castelán, catalán, inglés, francés e portugués…» (Asociación Galega de Editores)
Factoría K celebra o seu segundo aniversario cunha nova colección de narrativa para adultos
«‘Lecturas de altura’ publica en galego a obra de grandes autores da literatura universal, mentres que ‘Periferias’ lanza en castelán a creadores do eido galego e lusófono.» (Faktoría K)
Presentación en Vigo de A lenda da lúa de Montealto, de An Alfaya
O mércores 14 de novembro, ás 20:00 horas na Casa del libro (Velázquez Moreno, 27) de Vigo, presentarase A lenda da lúa de Montealto (Sotelo Blanco Edicións, col. xuvenil 12×22). Para alén da autora do libro, An Alfaya, intervirán Francisco Castro (escritor) e Ánxela Gracián (directora da colección 12×22 ). (Sotelo Blanco Edicións)
Contacontos en Vigo sobre o libro Onde está o sol?, de Chus Ferrín
I Xornadas Virtuais de Literatura
Hoxe, día 7, ás 17:00 horas comezarán as I Xornadas Virtuais de Literatura organizadas pola AELG. Durante os últimos catro mércores do mes de novembro as persoas inscritas poderán seguir desde os seus computadores persoais as conferencias que ao vivo emitirá a Asociación desde a súa nova plataforma educativa. Deste modo, participantes de todo o mundo poderán ter acceso aos contidos que algúns dos máximos especialistas galegos na obra de Xosé María Álvarez Blázquez (próximo homenaxeado no Día das Letras) e Agustín Fernández Paz disponibilizarán por videoconferencia e através de documentación permanente. Entre as actividades figuran videoconferencias ao vivo e residentes, chats cos especialistas, foros de educadores e diversos materiais complementarios para o desenvolvemento teórico-práctico nas aulas dos temas tratados.
Esta iniciativa pioneira na divulgación universal de contidos culturais contará cos traballos de Xavier P. Docampo, Ramón Nicolás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz (que desvelará algunhas das principais chaves creativas da súa obra), Víctor Freixanes, Mercedes Queixas, Óscar Sánchez e Pedro Silva.