O
venres 17 de decembro, a partir das 20:00 h., na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei (Monte da Vila, s/n.), do Grove, preséntase o último Premio Merlín de Literatura Infantil, A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, organizada polo Concello do Grove e por Xerais. No acto participan Quico Cadaval, Manuel Bragado e a propia autora.
Arquivo da categoría: Infantil e xuvenil
Carlos Labraña gaña o VI Premio Estornela de Teatro infantil
A
obra Teatro de Xoguete, de Carlos Labraña, gañou o VI Premio Estornela de Teatro para nenos/as, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez e Xoán Andrés Fernández Castro, acordou por unanimidade conceder o premio a esta obra, composta por tres representacións teatrais distintas que levan por título Á procura das andavías xigantes, Os xoguetes esquecidos e Voa, voa, Papaventos, que conforman “un conxunto dramático que recrea dun xeito maxistral e altamente atractivo e humorístico motivos extraídos da realidade diaria do mundo infantil”. O premio será entregado o domingo 19 de decembro ás 19:00 na propia Fundación. O xuri decidiu entregar un accésit de honor a Xosé Luna Sanmartín pola súa obra Tulipáns vermellos. Vía Galicia Hoxe, recollido tamén en La Voz de Galicia. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Francisco Castro, novo presidente de Gálix
Puag que noxo! en iPhone e iPad, primeiro libro galego para estes novos soportes
Blanca-Ana Roig Rechou, nova presidenta da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ)
A
Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) renovou a súa directiva no marco da celebración da I Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, que se desenvolveu en Vigo os días 18 e 19 de novembro cunha importante presenza de participantes e uns resultados moi esperanzadores de cara ao futuro. Blanca-Ana Roig Rechou, que ata o de agora viña formando parte de ANILIJ como presidenta da súa sección ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil), substitúe no cargo a Celia Vázquez García, da Universidade de Vigo, integrando na nova directiva a parte dos membros da dirección anterior, como son Veljka Ruzicka Kenfel, Lourdes Lorenzo e Ana Fernández Mosquera, investigadoras da universidade olívica, ás que se une tamén Isabel Mociño. Segundo a nova presidenta con esta directiva amósase un claro afán continuista, ao asumir os retos e proxectos que a Asociación ten en marcha, aos que se sumarán outras iniciativas coas que rendibilizar e visibilizar o importante papel desta Asociación, que dende a súa creación en 1999 levou a cabo numerosas iniciativas, a través das que fomentou o contacto, diálogo e colaboración entre os seus integrantes e outros especialistas tanto do ámbito estatal coma internacional.
Moaña: presentación de Bicos de sol, de Asun Estévez
O
venres 19 de novembro, a partir das 20:00 h., no Salón de plenos do Concello de Moaña, preséntase o libro Bicos de sol, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. Esta obra nace para desdramatizar o impacto que supón unha grave enfermidade no seo de calquera familia, pero especialmente para resaltar a importancia da implicación de tódolos seus membros.
Vigo: 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil
O xoves 18 e venres 19 de novembro desenvólvese, no Hotel AC Palacio Universal de Vigo, a 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación de Literatura Infantil e Xuvenil, organizada pola Asociación ANILIJ, que conta coa seguinte presenza galega:
– 18 de novembro:
10.00 h. A Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (Grupos de investigación):
– Araceli Herrero Figueroa. Grupo de investigación GI-2023 (Universidade de Santiago).
– Blanca Roig Rechou. Grupo LITER21 (GI-1819). Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega (Univ. Santiago Compostela).
17.00- 18.30 h.: A Investigación en LIX (Exposición de proxectos de investigación):
Blanca Roig Rechou e Veljka Ruzicka Kenfel. Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Santiago de Compostela) e Facultade Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo). Proxecto coordinado: A guerra civil española na narrativa infantil e xuvenil.
– 19 de noviembre:
16:00 h.: Panel de presentación de teses de doutorado en curso ou xa lidas nos dous últimos anos por parte dos propios doutorandos/as ou doutores/as.
– Eulalia Agrelo (USC). Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz.
– Pilar Bendoiro Mariño (USC). Análise das tipoloxías de transvase inglés-galego na Literatura Infantil e Xuvenil.
– Mar Fernández Vázquez (USC). A actuación de Carlos Casares no sistema literario galego.
– Carmen Ferreira Boo (USC). Reescrituras do conto de transmisión oral na Literatura Infantil e Xuvenil galega.
– Vanessa Regina Ferreira da Silva (USC-UNESP). A literatura xuvenil en sistemas literarios periféricos: Brasil e Galicia.
– Geovana Gentili (USC-UNESP). A tradición dos contos de fadas e a constitución da literatura infanto-xuvenil brasileira e galega.
– Isabel Mociño (USC). Estudo comparado da narrativa infantil de ficción científica nas literaturas galega e portuguesa.
– Marta Neira (USC). A muller na narrativa infantil e xuvenil sobre a Guerra Civil española no marco ibérico.
Galaxia presenta os primeiros contos en galego para iPad e iPhone
(Galaxia)
A Xunta admite que o proxecto do Centro IBBY no Gaiás está “paralizado”
(Xornal)
A Coruña: conferencia de Xulio Pardo de Neyra sobre A xestación da literatura infantil galega
O
martes 16 de novembro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, s/n.) da Coruña, Xulio Pardo de Neyra, doutor en Filoloxía Galega e en Historia Contemporánea, e docente da Universidade da Coruña, falará sobre A xestación da literatura infantil galega, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación que organiza a A. C. O Facho.