A Mesa e a AELG presentan na ONU o informe sobre a situación do galego


Marcos Maceira, presidente, e Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística presentaron hoxe o informe da situación do galego na sede das Nacións Unidas en Xenebra, xunto con Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. A Mesa achegou este informe ao Comité de Dereitos da ONU, para que o tiveran en conta no 49º exame universal ao Estado español, e fíxoo co aval de 26 relevantes persoeiros da cultura de países lusófonos.

O devandito informe sinala os incumprimentos de acordos internacionais en relación aos dereitos lingüísticos por parte do Estado español e, nomeadamente, da Xunta de Galiza. Estes incumprimentos afectan á educación e dereitos da infancia, prevención do acoso por razón de lingua, dereitos civis e dereitos políticos, administración de xustiza, dereito ao propio nome, liberdade de imprensa, administración e servizos públicos, toponimia, forzas e corpos de seguranza, audiovisual, concesións públicas de xestión privada e ámbito económico e laboral ou saúde.

Marcos Maceira, presidente da Mesa e portavoz da Plataforma Cidadá Queremos Galego, reivindicou que “traemos á ONU a voz das rúas que se mobilizaron en novembro e febreiro a favor do galego, vital para Galiza, e das miles de persoas que em maio voltarán a encher Compostela cunha multitudinaria foliada polo idioma”. “A politica de exclusión do galego”, recordou, “debe ser combatida nas rúas e nas institucións que teñen como obxectivos garantir os dereitos humanos e o de poder a lingua propia sempre e em todo lugar é un dereito humano”. “O 17 de maio será de novo a expresión da nosa forza colectiva”, concluiu Maceira.

A vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas, lembrou que a Xunta de Galiza continúa negándose a aplicar os requirimentos do Consello de Europa ou do relator especial da ONU para as minorías e reclamou entre outras accións urxentes: eliminar as restricións ao uso do galego no ensino, na docencia e material didáctico, avanzar para o galego ser a lingua vehicular da educación en Galiza, programas e protocolos de prevención do acoso escolar por razón de lingua, o uso do galego na xustiza e administración, mecanismos para garantir a disposición do noso idioma no ámbito socioeconómico ou no audiovisual e atender de maneira adecuada a vulneración de dereitos lingüísticos aos que, lembrou, só atende neste momento o servizo A Liña do Galego, ofrecido pola Mesa.

O presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, agradeceu o apoio internacional concretado no apelo á fraternidade coa situación da lingua común na Galiza, que asinan 26 autores e autoras de diversos países da lusofonía. “O galego, berce do portugués, o corazón e a vida de Galiza, está en emerxencia no seu territorio orixinario”, afirmou. O presidente da AELG denunciou, tamén, que “os escritores e escritoras estamos a ser excluídos da nosa función de construtores do idoma, impedindo que as nosas obras en galego poidan ser socializadas”.

ASSINANTES
Inocência Mata (São Tomé)
Luiz Ruffato (Brasil)
Ana Paula Tavares (Angola)
Pepetela (Angola)
Paulina Chiziane (Moçambique)
Onésimo Teotónio de Almeida (Açores, Pt-USA)
Ondjaki (Angola)
Lídia Jorge (Portugal)
Michael Kegler (Alemanha)
Aline Frazão (Angola)
Germano Almeida (Cabo Verde)
Francisco Duarte Mangas (Portugal)
Odete Semedo (Guiné Bissau)
Rui Zink (Portugal)
Hélia Correia (Portugal)
Jaime Rocha (Portugal)
Yara Frateschi Vieira (Brasil)
Válter Hugo Mãe (Portugal)
Valéria Gil Condé (Brasil)
M. Jorge Marmelo (Portugal)
Mafalda Milhões (Portugal)
Otto Winck (Brasil)
Tarsilla Couto de Brito (Brasil)
Possidónio Cachapa (Portugal)
Marcus Salgado (Brasil)
António Corbacho Quintela (Gz-Br)

A Mesa lembrou como o Estado e, nomeadamente a Xunta que ten competencias na maioría dos ámbitos, continúa a rexeitar a aplicación das resolucións relator especial para as minorias de 2020 e as sucessivas do Comité de Ministros do Consello de Europa. “Esta situación explica en grande medida a perda continuada de falantes”, denunciou Maceira, “mentres a Xunta, en vez de cumplir os acordos nacionais e internacionais, continúa a lexislar en contra e a impedir un uso normal do galego”. Neste sentido Maceira e Quintas referíronse á Lei de Intelixencia Artificial, á eliminación das garantías lingüísticas nos campamentos de verán ou á aprobación dunha lei que ademais de aumentar o control partidario do PP sobre a CRTVG, abre a porta a que deixe de usar o galego.

A Mesa e a AELG levan a emerxencia do galego ao Consello de Dereitos Humanos da ONU

O 29 de abril comezará en Xenebra (Suíza) o exame periódico universal ao Estado español, un mecanismo do Consello de Dereitos Humanos da ONU para analizar o grao de cumprimento dun Estado dos dereitos humanos, no que se contemplan os informes emitidos por ONG especializadas na materia. A Mesa pola Normalización Lingüística foi unha das entidades que rexistou un informe sobre as vulneracións dos dereitos linguísticos que se están a producir dentro do Estado Español, na Galiza, nomeadamente en ámbitos como o ensino, os servizos públicos e a xustiza.

Este informe, xunto a un manifesto da autoría do profesor da Universidade de Santiago Carlos Quiroga apoiado por relevantes personalidades da cultura da lusofonía, será presentado na Sala XXII do Palais des Nations o vindeiro martes 29 de abril ás 13h polo presidente da Mesa, Marcos Maceira, a vicepresidenta Elsa Quintas, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez. No acto de presentación, organizado pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas, intervirán tamén representantes doutras entidades de defensa das linguas do Estado como Euskalgintzaren Kontseilua, Òmnium Cultural e Plataforma per la Llengua.

Pontevedra: XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

PROGRAMA COMPLETO

Compostela: actividades do 20 de marzo no Festival Alguén que respira!

Máis información aquí.

Claudio Rodríguez Fer, Premio Babel de Literatura 2025 na Universidade de Texas

“O poeta, narrador e ensaísta en galego Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de ser galardonado co Premio Babel de Literatura 2025 na Universidade de Texas pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo” no campo literario. O premio, que se entrega anualmente, “honra a persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas”, pois o escritor lucense conseguiu que a súa escrita en galego sexa un referente do multilingüismo literario mundial a través da tradución.
Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas en Dallas, concedeu o Premio Babel de Literatura 2025 ao poeta, estudoso e tradutor Claudio Rodríguez Fer, profesor visitante en diversas universidades de Estados Unidos e de Europa, cuxos “recoñecementos inclúen o Premio Nacional da Crítica de España e o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes”. A eles poden engadirse distincións tan diversas como a da Medalla Eminescu en Romanía ou a de Cunqueiriano de Honra en Galicia.
O comité internacional que outorga o premio caracterizou así os valores do galardoado: “Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais”.
Claudio Rodríguez Fer, “voz destacada da literatura de vangarda”, é un escritor galego traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, esperanto, etc.) e o seu poema “A cabeleira” está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes da Terra, sendo por tanto o texto con máis versións da historia da literatura galega.
O Premio Babel de Literatura recoñece a persoas cuxo labor literario inverte o antigo símbolo da Torre de Babel, que simbolizaba o esforzo humano condenado ao illamento lingüístico e moral. Por isto premia aos escritores que nas súas vidas e nas súas obras se valen da forza da tradución literaria como medio de superación do solipsismo persoal e social en beneficio de valores profundos de maior alcance, como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas.
É a primeira vez que tal distinción recae en Galicia, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.”