Fina Casalderrey participará na celebración do Día Internacional da Lingua Materna en Hamburgo

Fina Casalderrey participará, convidada polo Instituto Cervantes de Hamburgo, na celebración do Día Internacional da Lingua Materna, que terá lugar o 21 de febreiro 2011 na sede desa institución na devandita cidade. Durante o acto, unha persoa lerá un texto da escritora galega en alemán e a continuación será a propia escritora quen o faga en galego. O acto será presentado por Veljka Ruzicka Kenfel profesora da Universidade de Vigo, especialista en tradución e literatura infantil, e nel participarán tamén a escitora Gemma Lienas que fará o mesmo en catalán, e o escritor Patxi Zubizarreta, que representará ao éuscaro. A nova ven a través de Xerais e tamén é recollida en Galicia Hoxe. En relación coa celebración deste día en Galicia: Galicia Hoxe.

Manuel Rivas participa no Día Mundial das Linguas Maternas na UNESCO, e comeza a publicación da súa obra en Brasil

Os escritores Manuel Rivas e Kirmen Uribe foron convidados a participar, os días 7 e 8 de febreiro, nos actos de celebración do Día Mundial das Linguas Maternas da UNESCO na sala dos Dereitos Humanos en Bruxelas, onde impartirán cadanseu recital poético nas súas respectivas linguas maternas, galego e eúscaro, con acompañamento musical. Ademais, ambos os dous escritores participarán en diversos actos, encontros e conferencias. Por outra banda, a editorial brasileira Tinta Negra (São Paulo) publica este mes de febreiro Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, o primeiro chanzo para a publicación da obra completa de Rivas, responsabilidade que asume esa editora para todo o Brasil. A nova ven a través de Xerais. Aparece recollida tamén en Galicia Hoxe.

Que me queres, Amor?, de Manuel Rivas, será traducido ao chinés

A editorial chinesa Shanghai 99 realizará unha edición de 8.000 exemplares de Que me queres, Amor?, o libro de de relatos co que Manuel Rivas obtivo o Premio Nacional de Narrativa en 1996. O proxecto asinado coa editorial chinesa supón continuar coa edición do resto da obra narrativa de Manuel Rivas. Vía Xerais. Tamén recollido en Galaxia, Galicia Hoxe e Xornal.