O
martes 8 de novembro, ás 19:30 horas, no Instituto Cervantes de Múnic (Alfons-Goppel-Str. 7), finalizan as Xornadas de Literatura Galega organizadas por esta entidade cun encontro literario con María Reimóndez, moderado por Ulrike Budde.
Arquivo da categoría: Internacional
Marcos Calveiro falará de Lois Pereiro en tres Universidades alemanas
O
xoves 3, venres 4 e sábado 5 de novembro, Marcos Calveiro impartirá tres conferencias arredor da vida e obra de Lois Pereiro nos Centros de Estudos Galegos da Universidade de Tubinga, da Universidade de Heidelberg e da Universidade Libre de Berlín. Vía Xerais.
María Reimóndez, convidada á UmbriaLibri 2011, en Italia
“A
escritora María Reimóndez viaxará no próximo mes de novembro á Feira do Libro UmbriaLibri, en Perugia, que este ano leva o título de C’era una donna (Era unha muller), a onde acudirá como autora convidada para participar nunha mesa redonda que compartirá con outras autoras estranxeiras traducidas ao italiano. A súa novela O club da calceta foi publicada en italiano pola editorial Gran Via (Il club della calzetta)”. Vía Xerais.
As xornadas están organizadas por Insula europea, unha plataforma de especialistas italianos en diversas literaturas de Europa coordinada polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia Carlo Pulsoni. A escritora galega estará ao carón de Attilio Castellucci, tradutor da súa obra ao italiano, e director do Centro de Estudos Galegos da Università La Sapienza de Roma. Esta información adicional foinos enviada por Inmaculada Otero Varela, a quen agradecemos a súa atención e interese.
Candidatos galegos para os premios ALMA
“Fixéronse
públicas as candidaturas para a edición 2012 do Premio Memorial Astrid Lindgren (ALMA), un dos máis importantes da literatura infantil e xuvenil no ámbito internacional. Na lista figuran a escritora Fina Casalderrey e mais o ilustrador Miguelanxo Prado entre un total de 184 candidatos de 66 países. Esta é a lista completa de candidaturas. O nome dos gañadores darase a coñecer o 20 de marzo de 2012.” Vía AGPI.
Editado en francés Un ollo de vidro, de Castelao
“Estes
días chega ás librerías do mundo francófono, editado en Les Fondeurs de Briques, o libro de Castelao, orixinal de 1922, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete en tradución directamente do galego de Vincent Ozanam: Un oeil de verre. (…) O libro chega ás librerías de Francia coas ilustracións do propio Castelao e que nós tamén publicamos na nosa edición. Máis unha vez, a nosa literatura florece noutras linguas. Unha boa nova para encetar o outono literario.” Vía Galaxia.
Bruxelas: recital poético multilingüe coa participación de Xavier Queipo
O
martes 11 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Passa Porta de Bruxelas, terá lugar un recital poético multilingüe, onde Xavier Queipo vai ler textos en galego, lingua que estará en pé de igualdade con outras moitas linguas que se falan en Bruxelas.
Múnic: recital poético de Yolanda Castaño no Instituto Cervantes
O
luns 10 de outubro, ás 19:30 horas, no Instituto Cervantes de Múnic (Alfons-Goppel-Str. 7), dentro das Xornadas de Literatura Galega organizadas por esta entidade, terá lugar un recital poético de Yolanda Castaño, moderada pola xornalista Gabriele Knetsch.
Cultura levará a Fráncfort edicións en inglés de Pereiro e Cunqueiro
“O
mércores
comeza a Feira do Libro de Fráncfort e Galicia estará presente a través do traballo de 19 das súas editoras. Ademais, a Xunta presentará a súa colección Galician Classics, e dará a coñecer dúas novidades recentes, como son as traducións ao inglés da poesía de Lois Pereiro, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, e de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, baixo o título de Folks from Here and There. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentará estas dúas novidades o vindeiro venres.” Vía La Voz de Galicia.
A relación de editoriais que forman parte do expositor institucional son: Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora. (Vía Galaxia).
Salamanca: participación de Miro Villar no XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos
O
mércores 5 de outubro, a partir das 19:30 horas, no marco do XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos que se celebrará na Sala da Palabra do Teatro Liceo de Salamanca, terá lugar un recital poético en homenaxe ao poeta arxentino Hugo Mujica, no que participarán, xunto a este autor, Miro Villar, acompañado por Milena Rodríguez (Cuba), Luis Arturo Guichard (México), Paulo de Tarso Correia de Melo (Brasil) e Jesús Losada (España).
“Os editores apostan pola cooperación como vía aos mercados internacionais”
“Os dous clústeres que se dedican ao libro en Galicia están de análise estes días. Por unha banda o Clúster Libro da Edición, Librarías e Comercialización celebraba este luns un encontro no que a internacionalización se presentaba como principal reto para o sector. Nese sentido, os editores incidiron na necesidade de preparar de xeito coidadoso a exportación dos seus produtos e apuntaron de xeito especial á necesidade de coordinar os seus esforzos. Así, mesmo no encontro comentouse a posibilidade de crear un Consorcio de Exportación editorial que facilite o desembarco de pequenas empresas en novos mercados e consolidouse a aposta por unha marca común que identifique o produto galego nos mesmos. Pola outra banda, o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego celebra onte e hoxe as xornadas Trends&Technology co libro dixital como un dos eixes fundamentais. Neste sentido, a entidade sinalou onte que case a metade das editoras galegas desenvolveu xa algún proxecto arredor deste formato, aínda que só un 6,8% da poboación lectora en España o emprega e supón unicamente o 2,7% da facturación editorial. A optimización de recursos de cara a se achegar a esta tecnoloxía, así como a lexislación sobre dereitos de autor e o vencello entre redes sociais e sector editorial son os outros temas que marcan as xuntanzas”. Vía Cultura Galega.