Abre Praza

“Un novo medio abre hoxe en Galicia. Praza Pública salta á rede buscando dar unha nova voz informativa na nosa lingua e centrada na nosa realidade. Para alén da aposta editorial, o proxecto busca, nestes tempos de crise, un novo modelo de funcionamento, baseado no compromiso cos lectores. Novagalicia Banco, a incineradora do Irixo ou as últimas entrevistas a Díaz Pardo abren o pano no primeiro día do medio.
(…) Sae co nivel de contidos co que contará a edición dun día calquera, segundo asegura o director do medio, Marcos Pérez Pena. “O groso do proxecto máis estritamente xornalístico está en marcha. Saímos cun nivel de publicación como o que teremos nun día normal”. Faltan unicamente por implementar as partes máis sociais do proxecto. Unha redacción fixa de dimensións reducidas, composta na actualidade por tres persoas, o propio Pérez Pena, Lara Graña e mais David Lomba apoiado por aproximadamente unha decea de colaboradores estables a nivel informativo, entre os que apuntan os nomes de Rosabel Candal, Marga Tojo, Alberto Ramos, Montse Dopico, Miguel Pardo, Belén Puñal, Laura Ruíz, Rebeca Fernández, Marcos Sueiro ou Roberto Noguerol. A eles sumaranse aínda colaboracións concretas “Contactamos cunha rede bastante ampla, porque hai moitísimos xornalistas que non teñen traballo ou están a a traballar como freelance para medios onde non poden elaborar a información que quererían. Saímos con xente que, non por casualidade, participou en proxectos como Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe ou Xornal“, lembra o director. Canda a isto, o medio aposta por un nutrido cadro de colaboradores de opinión, no que se atopan un bo feixe de nomes de peso canda a plumas novas. (…)”. Desde Cultura Galega.

I Convocatoria de mail art Perspectivas sobre Alexandre Bóveda

“Desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda queremos convidarte a participar na I Convocatoria de mail art Perspectivas sobre Alexandre Bóveda.

BASES DA CONVOCATORIA

Convocatoria: Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
Tema: Perspectivas sobre Alexandre Bóveda.
Destinatarios: Poden participar todos/as as persoas que o desexen de calquera lugar do mundo. Deberán indicar nome, enderezo, lugar e pais e lema Perspectivas sobre Alexandre Bóveda.
Características técnicas:
· Dimensión: Tarxeta postal 15 x 10 cm.
· Papel ou calquera outro soporte que se adapte ás medidas.
· Técnica: libre.
· Envío por correo postal.
· Máximo dúas obras por artista.
Data límite: 25 de xuño de 2012.
Serán expostas no 2012: xullo-agosto no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
Resposta a todos/as os que participen.
As obras non serán devoltas, despois das exposicións pasarán a formar parte da colección da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
Información e entrega das obras: Asociación Cultural Alexandre Bóveda. R/ Olmos 16-18, 1º. 15003 A Coruña. Galiza. Correo: acab@mundo-r.com Web: Alexandre Bóveda.”

Ultímase o lanzamento de Dioivo, un novo proxecto xornalístico en galego

“Un medio de comunicación, dixital e en galego. Esta é a proposta de Dioivo, a cabeceira que un grupo de xornalistas “parados de diferentes grupos de comunicación” está a ultimar e que verá a luz en breve. Segundo explican no seu web, o novo medio funcionará baixo a forma dunha asociación cultural e pretende achegar “reportaxes, crónicas, entrevistas, blogs, humor gráfico, vídeo, opinión… que cuestionan, desde o medio dixital, a vixencia dos xéneros e de certos tópicos informativos”.” Vía Cultura Galega.

Ferrol: presentación da colección Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP

“A sexta-feira, 20 de Janeiro, às 20:00 horas, serão apresentados os Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP nos locais da Escola Oficial de Idiomas (Rua Real, 29), de Ferrol. O evento conta com a organização da própria Fundaçom Artábria e com a colaboração da Pró Academia e do Departamento de Português da EOI de Ferrol. O presidente da AGLP, o catedrático José-Martinho Montero Santalha, apresentará a coleção CLÁSSICOS DA GALIZA, editada por Edições da Galiza em parceria com a Academia Galega da Língua Portuguesa, focando a sua exposição na edição do volume Queixume dos Pinhos e Outros Poemas. Os Clássicos da Galiza são uma reedição dos grandes autores galegos adaptados ao Acordo Ortográfico de 1990 com notas e glossários que enriquecem o texto literário. Celso Álvarez Caccamo apresentará o recentemente criado Arquivo Digital da AGLP, um inovador repositório de materiais digitalizados acerca da língua e cultura galega.” Vía Portal Galego da Língua.

Publicado o número 43 da revista Atenea

“A publicación do Ateneo de Ferrol, a revista Atenea, ten xa dispoñible na rede o seu número 43, dedicado nesta ocasión aos relatos de Nadal. En concreto, a revista publica textos de 18 autores que responderon á súa convocatoria Un conto de Nadal para unha nenez atea, con nomes como Alberte Momán, Irene Quinteiro, Rocío Ledesma ou Moncho Iglesias. O adianto da programación para o comezo deste 2012 e unha revisión de libros das novidades incorporadas á biblioteca do Ateneo completan esta entrega.” Vía Cultura Galega.

Páxina oficial sobre Valentín Paz Andrade

“Avogado, xornalista, poeta, viaxeiro, home de empresa e vinculado a política. A personalidade multifacética de Valentín Paz Andrade, empapada ao mesmo tempo de grande humanidade, estivera marcada por un único obxectivo: traballar por e para Galicia.” Así comeza a páxina oficial sobre Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado neste 2012 no Día das Letras Galegas.

Publicado o nº 1 da Revista de Poesía

Desde Poesía galega:
“Publicamos hoxe o número 1 da Revista de Poesía, un proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon hoxe a disposición do público o primeiro número pechado da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. A saída de cada número da Revista de Poesía ten un dobre carácter: líquido (iremos publicando na páxina web os artigos do número seguinte na medida en que os vaiamos recibindo) e sólido (semestralmente, en maio e novembro, pecharemos e maquetaremos cada número nun arquivo conxunto). Actualmente ofrecemos xa material do número 2, onde potenciamos a revista con seccións novas e máis colaboracións abrindo unha vía cara aos contidos gráficos e a poesía visual. O enderezo de contacto para enviar textos é gaapsdc@gmail.com e podedes consultar aquí as normas de publicación.”

Agustín Fernández Paz incorpórase á Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

“O escritor lucense Agustín Fernández Paz e a bonaerense Ema Wolf foron as últimas incorporacións da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes ó seu portal de Literatura Infantil e Xuvenil. Dirixido por Branca-Ana Roig Rechou e María Isabel Soto López –da Universidade de Santiago de Compostela–, o portal que a Biblioteca Virtual dedica a Fernández Paz recolle fragmentos das súas obras máis importantes, algúns estudos sobre a súa obra e un completo álbum gráfico. (…)” Vía Galicia Hoxe.

A Coruña: presentación dos novos números de Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP

O venres 13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, preséntanse os novos números da colección Clássicos da Galiza, editados por Edições da Galiza xunto á Academia Galega da Língua Portuguesa. No acto, presentado por António Gil Hernández e Celso Älvarez Cáccamo, presentarase tamén o recentemente creado Arquivo Digital da AGLP.

As escollas electivas, novo blog sobre poetas contemporáneos en lingua galega

“Benvidos ao caderno As escollas electivas, espazo onde se ligan os poetas contemporáneos en lingua galega.
Criterios para participar deste espazo.
– Os poetas para seren incluídos terán:
– Que ser proposto/a por outro/a poeta.
– Escribir poesía en lingua galega, independientemente do lugar de residencia ou da nacionalidade.
– Nomear alomenos a outro/a poeta, ata un máximo de vinte.
Cada poeta achegará:
– Bio-bibliografía.
– 1 fotografía.
– Nomeado/a por…
– Mencionar a (máximo 10 nomes de poetas vivos en lingua galega).
– Poética (espazo libre no que expresar a túa reflexión en canto á poesía).
– Enderezos electrónicos do autor (caderno, web, facebook, twitter, tuenti…)
– Selección de poemas. Máximo 1.000 palabras. Pode estar publicado ou ser inédito.
Enviarase ao enderezo: asescollaselectivas@gmail.com
O material achegarase en formato .odt, .doc ou .docx.
A imaxe en formato .jpg.
Dito material será achegado polo interesado persoalmente. Non se admiten envíos de terceiras persoas.”