“A
sexta-feira, 20 de Janeiro, às 20:00 horas, serão apresentados os Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP nos locais da Escola Oficial de Idiomas (Rua Real, 29), de Ferrol. O evento conta com a organização da própria Fundaçom Artábria e com a colaboração da Pró Academia e do Departamento de Português da EOI de Ferrol. O presidente da AGLP, o catedrático José-Martinho Montero Santalha, apresentará a coleção CLÁSSICOS DA GALIZA, editada por Edições da Galiza em parceria com a Academia Galega da Língua Portuguesa, focando a sua exposição na edição do volume Queixume dos Pinhos e Outros Poemas. Os Clássicos da Galiza são uma reedição dos grandes autores galegos adaptados ao Acordo Ortográfico de 1990 com notas e glossários que enriquecem o texto literário. Celso Álvarez Caccamo apresentará o recentemente criado Arquivo Digital da AGLP, um inovador repositório de materiais digitalizados acerca da língua e cultura galega.” Vía Portal Galego da Língua.
Arquivo da categoría: Internet
Publicado o número 43 da revista Atenea
“A
publicación do Ateneo de Ferrol, a revista Atenea, ten xa dispoñible na rede o seu número 43, dedicado nesta ocasión aos relatos de Nadal. En concreto, a revista publica textos de 18 autores que responderon á súa convocatoria Un conto de Nadal para unha nenez atea, con nomes como Alberte Momán, Irene Quinteiro, Rocío Ledesma ou Moncho Iglesias. O adianto da programación para o comezo deste 2012 e unha revisión de libros das novidades incorporadas á biblioteca do Ateneo completan esta entrega.” Vía Cultura Galega.
Páxina oficial sobre Valentín Paz Andrade
“Avogado,
xornalista, poeta, viaxeiro, home de empresa e vinculado a política. A personalidade multifacética de Valentín Paz Andrade, empapada ao mesmo tempo de grande humanidade, estivera marcada por un único obxectivo: traballar por e para Galicia.” Así comeza a páxina oficial sobre Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado neste 2012 no Día das Letras Galegas.
Publicado o nº 1 da Revista de Poesía
Desde
Poesía galega:
“Publicamos hoxe o número 1 da Revista de Poesía, un proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon hoxe a disposición do público o primeiro número pechado da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. A saída de cada número da Revista de Poesía ten un dobre carácter: líquido (iremos publicando na páxina web os artigos do número seguinte na medida en que os vaiamos recibindo) e sólido (semestralmente, en maio e novembro, pecharemos e maquetaremos cada número nun arquivo conxunto). Actualmente ofrecemos xa material do número 2, onde potenciamos a revista con seccións novas e máis colaboracións abrindo unha vía cara aos contidos gráficos e a poesía visual. O enderezo de contacto para enviar textos é gaapsdc@gmail.com e podedes consultar aquí as normas de publicación.”
Agustín Fernández Paz incorpórase á Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
“O
escritor lucense Agustín Fernández Paz e a bonaerense Ema Wolf foron as últimas incorporacións da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes ó seu portal de Literatura Infantil e Xuvenil. Dirixido por Branca-Ana Roig Rechou e María Isabel Soto López –da Universidade de Santiago de Compostela–, o portal que a Biblioteca Virtual dedica a Fernández Paz recolle fragmentos das súas obras máis importantes, algúns estudos sobre a súa obra e un completo álbum gráfico. (…)” Vía Galicia Hoxe.
A Coruña: presentación dos novos números de Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP
O
venres 13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, preséntanse os novos números da colección Clássicos da Galiza, editados por Edições da Galiza xunto á Academia Galega da Língua Portuguesa. No acto, presentado por António Gil Hernández e Celso Älvarez Cáccamo, presentarase tamén o recentemente creado Arquivo Digital da AGLP.
As escollas electivas, novo blog sobre poetas contemporáneos en lingua galega
“Benvidos ao caderno As escollas electivas, espazo onde se ligan os poetas contemporáneos en lingua galega.
Criterios para participar deste espazo.
– Os poetas para seren incluídos terán:
– Que ser proposto/a por outro/a poeta.
– Escribir poesía en lingua galega, independientemente do lugar de residencia ou da nacionalidade.
– Nomear alomenos a outro/a poeta, ata un máximo de vinte.
Cada poeta achegará:
– Bio-bibliografía.
– 1 fotografía.
– Nomeado/a por…
– Mencionar a (máximo 10 nomes de poetas vivos en lingua galega).
– Poética (espazo libre no que expresar a túa reflexión en canto á poesía).
– Enderezos electrónicos do autor (caderno, web, facebook, twitter, tuenti…)
– Selección de poemas. Máximo 1.000 palabras. Pode estar publicado ou ser inédito.
Enviarase ao enderezo: asescollaselectivas@gmail.com
O material achegarase en formato .odt, .doc ou .docx.
A imaxe en formato .jpg.
Dito material será achegado polo interesado persoalmente. Non se admiten envíos de terceiras persoas.”
O Grupo de Investigación Rosalía de Castro estrea web
“O
Grupo de Investigación Rosalía de Castro, coordinado por María do Cebreiro Rábade e cun proxecto orientado ao estudo da obra narrativa rosaliana, anuncia a publicación do seu web, con información sobre produción e reunións científicas, bibliografía e máis datos.
O obxectivo do proxecto é emprender unha análise da obra narrativa de Rosalía de Castro dende tres claves metodolóxicas: historiografía literaria comparada, estudos de xénero e estudos de tradución. Asemade, o proxecto pretende contribuír á difusión social da literatura de Rosalía e participar do proceso de renovación dos estudos rosalianos.
Os membros do grupo son: Fernando Cabo Aseguinolaza (USC), Margarita García Candeira (Universidade de Huelva), Helena Miguélez Carballeira (Universidade de Bangor), Kirsty Hooper (Universidade de Liverpool), María López Sández (USC), Manus O’Duibhir (USC), María do Cebreiro Rábade Villar (USC), Mirta Suquet Martínez (USC) e Dolores Vilavedra (USC).” Vía Poesía galega.
Armando Requeixo: Día de Feira XV
Artigo
de Armando Requeixo no seu blog, Criticalia:
“Hai dúas semanas quixen pulsar a vosa opinión sobre un asunto que me parecía de non pouco interese: ¿que territorio mediático ten, hoxe por hoxe, máis peso na difusión da nosa literatura: as páxinas culturais dos xornais e das revistas ou as redes sociais, webs e blogs literarios? (…) Fica demostrado, pois, que a atención que pensei que era bo prestarlle a este tema é algo que tamén outros senten, así que supoño que iso explica a vosa sempre xenerosa participación na enquisa, que desvelou un resultado moi clarificador: practicamente tres de cada catro de vós (para ser exactos o 74%) cre que, nestes momentos, as redes sociais, webs e blogs literarios son máis decisivos á hora de dar a coñecer e valorar a nosa escrita que os suplementos dos xornais e as páxinas das revistas culturais e/ou especializadas, que só para un 26% son a primeira opción para informarse. Como persoa que se manexa nos dous espazos, quero pensar que ambos cumpren unha función, mais non nego —todo o contrario, estou convencido de que así é— que a importancia das plataformas on line medra día a día e vai, paseniñamente, desprazando do centro de poder mediático as vellas publicacións periodísticas e revisteirís. Este fenómeno é especialmente notorio entre as novas promocións de lectores, alfabetizados xa dixitalmente, nos que o hábito da lectura do xornal en papel ou da revista literaria ten desaparecido practicamente. (…)”.
Santiago: presentación da nova web de Fervenzas Literarias
O
xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, Fervenzas Literarias celebra o seu quinto aniversario coa inauguración da súa nova web, onde os lectores poderán atopar as seccións de sempre, contidos dinámicos e novos apartados. Fervenzas Literarias nace con vontade de ser un elo da cadea que una o libro co lector, co que pretende consolidar un proxecto vencellado dende a súa orixe coa difusión e a promoción da lectura de Galicia. Intervirán no acto: Xurxo Patiño, Presidente da Federación de Libreiros de Galicia; Belén López, Vicepresidenta da Asociación Galega de Editores; Carlos Negro, Vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en Compostela; Carina Fernández, Directora da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela; e Nacho Alonso, director de Fervenzas Literarias.