Homenaxean a Cunqueiro coa etiqueta #ACunqueiro en blogs e redes sociais dende o 26 de novembro ata o Día do Gordo de Nadal

“Queremos que a xornada do 26 de novembro en Santiago de Compostela non sexa máis que o inicio dunha extensa homenaxe a Don Álvaro Cunqueiro a través dos blogs e redes sociais, así como nos medios de comunicación. Unha homenaxe que debería prolongarse ata o día 22 de decembro, data na que se conmemora o centenario do nacemento do escritor. Para participar nesta homenaxe non tes máis que publicar no teu blog ou web ou nos teus perfís das redes sociais post, notas, receitas, comentarios e referencias a Álvaro Cunqueiro, a súa obra literaria e o seu amor pola gastronomía e os viños. Con esas publicacións contribuirás a levar a estender polo mundo enteiro o coñecemento sobre Cunqueiro e a súa obra. Empregaremos o hagstag ou etiqueta #ACunqueiro, que reúne a inicial do nome e o apelido completo do autor, pero tamén porque dedicamos esta iniciativa A Cunqueiro. Contamos coa túa colaboración e agradecemos que remitas un enlace co que publiques a soledadfelloza[arroba]gmail.com ou info[arroba]colineta.com para enlazalo dende esta web. Mil primaveras máis para a obra inmortal de Álvaro Cunqueiro!” Vía Manuel Gago e Certo.

As librarías móvense cara á era dixital

“Xurxo Patiño, Presidente da Federación de Libreiros de Galicia e Michelle Chevallier, a coordinadora de proxectos de CEGAL (Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros), presentaron hoxe en Santiago o proxecto CEGAL en rede. Esta ferramenta dixital posibilita a fluidez da información entre distribuidores, editores e librarías a través dos seus propios programas de xestión proporcionando información clara e inmediata da situación e vendas dos libros. Usuarios, editores e medios de comunicacións disporán dunha lista dos libros máis vendidos en Galicia por tramos semanais e mensuais, feita a partir dos datos directos das propias caixas rexistradoras dos establecementos. (…)” Vía Cultura Galega.

A gran base de datos das cantigas galego-portuguesas

“O Instituto de Estudos Medievais, da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, presentou o pasado 27 de outubro o proxecto Littera, financiado pola Fundação para a Ciência e Tecnologia. Dirixido pola profesora Graça Videira Lopes, este proxecto procura iniciar, de forma coherente, coordenada e cientificamente consistente, a edición, protección e actualización do patrimonio literario e cultural medieval galego-portugués, nas súas dúas grandes vertentes: poesía e prosa narrativa. O sitio web Cantigas é un servizo público dirixido a docentes, especialistas e público en xeral. A base de datos conta coa totalidade das cantigas medievais presentes nos cancioneiros galego-portugueses, as imaxes dos manuscritos e a música medieval ou as versións ou novas composicións contemporáneas. Tamén se comparte información sobre todos os autores nela incluídos, os personaxes e lugares referidos nas cantigas, así como a Arte de Trovar, o pequeno tratado de poética trobadoresca que abre o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, colaboradora neste proxecto. A páxina ofrece un glosario, notas explicativas de versos, notas de lectura, toponimia e antroponimia que completan os textos das cantigas, ademais de información de base sobre algúns dos seus aspectos formais. Tamén se ofrecen imaxes dos manuscritos. A base permite a lectura secuencial dos folios dos cancioneiros, así como a visualización independente das miniaturas contidas no Cancioneiro da Ajuda. E inclúe ficheiros de audio e pautas das cantigas, ademais de información sobre autores e intérpretes. Os textos contidos na base están escritos segundo as normas do Novo Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa.” Vía Galicia Confidencial.

Medio cento de novos anacos de tradición

“O traballo da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega retomou este outono as súas Polafías. O un de outubro celebrábase un destes encontros, centrados na colleita de historias, cantigas, contos e lendas no local social de Doade, en Xirarga, Beariz. O web da AELG acaba de publicar o resultado daquel traballo. Máis de medio cento de vídeos nos que podemos atopar desde os contos de Celso Fernández Sanmartín ata as historias dos veciños, como a da muller que anda ao revés ou os empregos do corno de alicornio, así como cantigas e sucedidos locais.
Antonio Reigosa, responsable da Sección de Literatura Oral, anuncia que en breve se publicarán novos vídeos rexistrados na Polafía realizada no Pazo de Tor, en Monforte, e está prevista outra no barrio coruñés de Monte Alto. Asimesmo, tamén se publicarán gravacións de Ángel Rivas Veiga en Orxas, Pastoriza e de Josefa Arias en Santaballa, Vilalba, dentro da sección Mestres da Memoria.” Vía Cultura Galega.

Convocado o I Certame de Relatos Tempos Dixitais por Redelibros e Meubook

Redelibros e Meubook convocan o I Certame de Relatos Tempos dixitais para fomentar a creatividade e a escrita en lingua galega na rede 2.0.
Os beneficios das vendas do volume de relatos que se publicará cos relatos seleccionados serán doados a unha asociación sen ánimo de lucro a prol do fomento da lectura e/ou o uso do galego elixida polos usuarios da rede social.

BASES

Participantes. Poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos, de calquera nacionalidade.
Requisitos. Cada autor poderá presentar un máximo de dous relatos, sempre que sexan orixinais e inéditos. As obras han de estar escritas en galego e en forma narrativa. A temática será libre. A extensión mínima dos relatos é de 20.000 matrices (caracteres con espazos) e máxima de 50.000 (entre 10 e 25 páxinas).
Presentación das obras. Para participar no certame, o/a autor/a deberá estar rexistrado como usuario na Redelibros. Para presentar os relatos, deberá publicalos na sección Textos da rede social e seleccionar, no momento de facelo, a categoría Tempos dixitais creada ao efecto.
Prazo de admisión. O prazo de admisión comprenderá dos días do 3 de outubro ao 30 de novembro de 2011.
Votacións e premios. Concordando coa filosofía participativa da rede, os relatos subidos serán votados e comentados por todos os usuarios de Redelibros que así o desexen mediante o sistema de valoración por estrelas que aparece na parte inferior de cada texto subido. Só entrarán na selección final os relatos que teñan un mínimo de cinco valoracións de usuarios. Por este método elixiranse os cinco primeiros clasificados.
Paralelamente, un xurado elixido por Meubook e Redelibros seleccionará dous relatos máis (que poden coincidir ou non cos máis votados). O anuncio definitivo dos seleccionados farase nun acto público o 4 de decembro, no Culturgal (Pontevedra). Todos os relatos premiados serán publicados por Meubook e Redelibros nun volume conxunto, en formato epub e papel (impresión baixo demanda) e distribuídos na tenda online de Meubook e na de Redelibros. A cada autor seleccionado seranlle entregados dous exemplares en papel e un epub. Os beneficios das vendas do volume de relatos serán doados a algunha asociación sen ánimo de lucro a prol do fomento da lectura e/ou o uso do galego, que será proposta e elixida polos usuarios de Redelibros e Meubook no espazo habilitado para ese fin na rede social.
Propiedade. Redelibros e Meubook resérvanse os dereitos de edición, publicación e venda da edición do volume seleccionado. Non obstante, os autores conservarán todos os dereitos sobre os seus traballos e serán libres de editar ou publicar os seus relatos de calquera outra forma ou con calquera outra editorial. No caso de que as obras premiadas sexan obxecto de posteriores publicacións, deberán levar en lugar visible a reseña de que foron Premio do Certame de Relatos Tempos dixitais convocado por Redelibros e Meubook.
Organización. A organización resérvase o dereito de tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sempre que considere que poden contribuír a un maior éxito do certame.

En Galiza, a 3 de outubro de 2011

Nace o dixital Praza Pública, “un instrumento para o cambio”

“A este país non lle cómpre o silencio”. É un dos avisos, breves e estralantes, na web do proxecto Praza Pública, que empezará a comunicar como xornal dixital en xaneiro. A liña ideolóxica tamén a explicitan: “Sermos un instrumento para o cambio, para o avance do país. Enriquecer o autogoberno, como expresión da pluralidade da sociedade”. Resume o que cumpría recuperar o xornalista Marcos Pérez Pena, no equipo fundador canda Manuel Barreiro e Filipe Díaz: “O obxectivo é ser un medio aberto e colaborativo, con aquel espírito do primeiro Vieiros, o barrio galego na Internet”. Coma o primeiro medio de comunicación en galego na Rede, Praza Pública está aberto a quen queira colaborar -cobrando, iso si, xornalistas e opinadores-, coa idea de trazar estratexias cooperativas co resto dos medios que seguen comunicando en galego ou teñen previsto facelo, como Sermos Galiza ou Diagonal-Galiza. “Queremos facer xornalismo en galego”, convén Pérez Pena, “de calidade e na Rede, para unha sociedade galega que o reclama porque non o ten”. (…)” Vía El País.

Santiago: VIII Encontro Galego de Ilustración, organizado pola AGPI

O sábado 29 de outubro, na Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar o VIII Encontro Galego de Ilustración, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. O programa é o seguinte:

PROGRAMA DE MAÑÁ. ENTRADA LIBRE PARA TODO O PÚBLICO:
10:00 h. Recepción.
10:15 h. Presentación oficial do Encontro.
10:30 h. Charla: A ilustración ante os novos tempos da profesión, por Gemma Cortabirte.
11:45 h. Charla: Entre dous, a obra conxunta. Con Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
13:00 h. Mesa redonda: Como convivir cos medios dixitais?. Con Manuel Bragado e Manuel Gago, moderados por Henrique Torreiro.
14:15 h. Fotomatón na Praza da Quintana.

PROGRAMA DE TARDE. ACTOS EXCLUSIVOS PARA SOCIAS/OS DA AGPI:
15:00 h. Xantar de confraternización dos socios da AGPI (con inscrición previa) no Restaurante O Dezaseis.
17:30 h. Asemblea Xeral de socios da AGPI (salón de actos da Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín).

A revista Tempos Novos crea unha publicación en galego na rede: temposdixital.com

“O xoves 27 de outubro, ás 19;00 horas no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, preséntase Tempos Dixital, a nova presenza na rede da revista Tempos Novos, un dos poucos medios escritos en galego que resiste a oleada de peches. A revista dixital estará dirixida por Luís Álvarez Pousa, profesor da USC e director de Tempos Novos e coordinada por Denís Fernández Méndez, xornalista. Contará no seu consello de redacción con Comba Campoi, Paulo Carlos López, Sara Torreiro e Francisco Martínez Hidalgo. Esta revista dixital pretende “abrir o campo” de contidos do mensual, incluíndo ademais textos dirixidos a un público máis novo (entre 18 e 35 anos de idade) ampliando así o espectro do público lector do medio en papel. Por iso inclúe unha sección de deportes e prestará especial atención ás novas formas da cultura, manténdose na liña de xornalismo de análise e interpretación que vén caracterizando á revista Tempos Novos desde o seu nacemento en 1997, ano de fundación da empresa editora responsable tamén da revista de libros Protexta, dos Informes Galicia e agora tamén de Tempos Dixital.” Vía Galicia Hoxe.

I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, o 18 e 19 de novembro

As I Xornadas de Literatura e Ensino. A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo, que terán lugar o venres 18 e sábado 19 de novembro no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás) de Santiago de Compostela, son un curso organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia-Xunta de Galicia.
A asistencia é libre. Para o colectivo docente non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación por 10 horas, e a matrícula é preferente para socios/as da AELG e da AS-PG (por orde de inscrición). Para as persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación resérvanse 25 prazas.
A matrícula, gratuíta, farase desde o 24 de outubro ao 15 de novembro de 2011 a través da web da AS-PG.

Os obxectivos previstos son:
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualizar da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega.

Pode descargarse aquí o programa, que está composto polas seguintes actividades:

VENRES 18 DE NOVEMBRO

16:30 h. Conferencia inaugural: Que vén sendo iso de ensinar literatura? Instrucións de uso para docentes nos biosbardos, por Xosé Miranda.
17:30 h. Mesa redonda: A literatura galega nas aulas do século XXI: estratexias de sedución. Participan: Antón Riveiro Coello, Xavier Seoane e Pilar Ponte Patiño. Coordina: Mercedes Queixas Zas.
19:00 h. Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG, por Mercedes Queixas Zas.

SÁBADO 19 DE NOVEMBRO

10:30 h. Mesa redonda: A literatura infantil e xuvenil en Galicia: tópicos, prexuízos e puntos de fuga. Participan: Pilar Sampedro, Manuel Lourenzo González e Fran Alonso, coordinados por Armando Requeixo.
12:00-12:30 h.. Pausa-café.
12:30 h. Mesa redonda: Itinerarios lectores durante a adolescencia: criterios de selección. Participan: Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre e Xabier P. DoCampo, coordinados por Marcos Sánchez Calveiro.
16:30 h. Mesa redonda: Os “irmáns pequenos” no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Participan: Antonio García Teijeiro (poesía); Teresa González Costa (teatro) e Antonio Reigosa (literatura oral). Coordina: Carlos Negro.
18:00 h. Mesa redonda: A escola e as outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada. Participan: Gracia Santorum, Ánxeles Abelleira e Jacobo Fernández Serrano baixo a coordinación de Francisco Castro.

Crónica posterior en Poesía galega e o blogue de Armando Requeixo, Criticalia.

Ramón Villares recibe a medalla da Universidade de Lisboa como “investigador honorario”

“O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, recibirá este xoves 20 de outubro a medalla do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa como “investigador honorario”. Segundo informou a USC nun comunicado de prensa, o profesor Villares, que será presentado por José Sobral, recibirá a mención da institución no acto de apertura do ano académico. Doutor en Historia (1980) e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dende 1987, foi tamén investigador principal de cinco proxectos de investigación (CYCIT e Xunta de Galicia), así como de varios convenios de asistencia técnica.” Vía Galicia Hoxe.