Ferrol: conferencia de Xulio López Valcárcel

O xoves 16 de febreiro, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Xulio López Valcárcel falará sobre Poesía, de Celso Emilio Ferreiro, O deserto dos tártaros, de Dino Buzzati (versión galega de Xavier Rodríguez Baixeras) e Herba aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro.

Gondomar: Marica Campo no Clube de Lectura Sete Vidas

O martes 7 de febreiro na Biblioteca Municipal de Gondomar ten lugar a cita mensual co Clube de lectura Sete Vidas. Nesta ocasión, os lectores e lectoras que queiran achegarse á biblioteca poderán falar arredor do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo, publicado en Baía Edicións, ás 20:00 horas. A partir das 21:00 horas, a propia escritora achegarase á Biblioteca para conversar sobre a súa obra coas persoas que acudan ao club.

Gondomar: Miguel Anxo Fernández participa no Club de lectura Sete vidas

O martes 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a primeira cita do ano do club de lectura Sete Vidas, organizado por Espazo Lectura, que xirará arredor da novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, quen estará presente para dialogar cos asistentes.

Santiago: presentación da nova web de Fervenzas Literarias

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, Fervenzas Literarias celebra o seu quinto aniversario coa inauguración da súa nova web, onde os lectores poderán atopar as seccións de sempre, contidos dinámicos e novos apartados. Fervenzas Literarias nace con vontade de ser un elo da cadea que una o libro co lector, co que pretende consolidar un proxecto vencellado dende a súa orixe coa difusión e a promoción da lectura de Galicia. Intervirán no acto: Xurxo Patiño, Presidente da Federación de Libreiros de Galicia; Belén López, Vicepresidenta da Asociación Galega de Editores; Carlos Negro, Vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en Compostela; Carina Fernández, Directora da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela; e Nacho Alonso, director de Fervenzas Literarias.

María do Cebreiro: “Ler ou non”

Artigo de María do Cebreiro en El País:
‘(…) A presenza (ou ausencia) dos clásicos da literatura galega no sistema de ensino obrigatorio é unha cuestión decisiva. Afecta directamente ao xeito no que estamos enfrontándonos á transmisión do noso pasado cultural. Un pasado cultural ameazado. Por iso mesmo é de estrañar que o problema non estea a merecer a atención que require.
Paradoxalmente, a crise do ensino da literatura galega vén coincidir coa preeminencia concedida á lingua por parte do nacionalismo hexemónico. Pero ningunha lingua debería aspirar a ser un fetiche. E o que é máis importante, ningunha lingua é independente dos seus usos. As linguas transmiten ideas, sensacións e valores que a miúdo os textos literarios encarnan dun xeito singular. Unha cousa é impoñer nas aulas o pasado literario, como se se tratase dunha realidade unívoca, e outra ben diferente é minorizalo nos programas de estudos. Facelo implicaría limitar de xeito substantivo o horizonte de lecturas que nos permite habitar o mesmo espazo aos adultos e aos mozos.
Benvidos ao deserto do real. Na fin da Galaxia Gutenberg, o importante xa non é que os rapaces lean a este autor ou a aqueloutro. O importante é que lean. Xa non se trata de experimentar aquilo que só certos autores, e dunha certa maneira, transmitiron nalgunhas obras, e só nesas. Trátase de ler aquilo que os profesores, en cánones mudables, lles damos para que escollan. Como me dixo un dos meus alumnos: “Vostede lía o que lle mandaban, agora lemos o que queremos ler”. (…)’.

Gondomar: Agustín Fernández Paz falara sobre a súa última novela en Espazo Lectura

O martes 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, centrado en títulos de narrativa, coa participación de Agustín Fernández Paz, para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Non hai noite tan longa (Xerais, 2011). Na primeira parte da sesión, de 20:00 a 21:00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.

Marta Dacosta: “Memoria dunha muller pegada a un libro”

Artigo de Marta Dacosta en Cadernos Redelibros:
“Di unha curmá de meu que son unha muller pegada a un libro. Si, como tantas outras mulleres e homes que teñen na lectura un dos seus praceres predilectos. Cando isto sucede, os libros convértense en chanzos da memoria e os textos ilumínanse cos sucesos da vida propia, lente a través da cal ler e interpretar. (…)”

Pico Sacro: lectura pública do Alba de Gloria de Castelao, o sábado 23 de xullo

“Diante da desfeita cultural que sufrimos, da que o roubo do Códice Calixtino non é máis que o colmo do abandono e desprezo que padece o noso patrimonio e os bens materiais e inmateriais que forxaron a nosa conciencia colectiva, a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura vai celebrar o vindeiro sábado 23 de xullo, ás 12:00 horas, unha lectura pública do Alba de Gloria de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico do que soubemos das súas lendas e misterios grazas a obra medieval agora desaparecida. Rememorando á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da patria galega. No 125 aniversario deste autor que é infravalorado e esquecido por unhas institucións que deberan celebralo, as asociacións culturais galegas queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.”

O galego retrocede como idioma de lectura no primeiro semestre de 2011

“O 4 % da poboación lectora española que le en máis dunha lingua escolle o galego como idioma de lectura de xeito habitual ou ocasional por detrás do castelán, inglés, catalán e francés. Así se desprende dos datos achegados polo Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España correspondente ao primeiro semestre de 2011 e no que o 47,1% dos lectores declara ler en dúas ou máis linguas (castelán e outra/s), unha redución fronte ao 52,9% do informe de 2010. Este estudio encargado pola Federación de Gremios de Editores de España deixa así este indicador da lectura en galego rebaixando en 0,4% ao resultante do ano 2010. En clave galega o Barómetro achega tamén que a valoración que os galegos facemos do noso sistema bibliotecario puntúase nun 7,87 lixeiramente superior á media española que está nun 7,83.” Vía Cultura Galega.