Sarria: Presentación do libro gañador do VIII Fiz Vergara Vilariño

Hoxe venres 12 de decembro ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Sarria preséntase a obra gañadora da última edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, “Libro de Alicia” de Olalla Cociña. A autora estará presente no acto, no que tamén participarán a gañadora da primeira edición do premio, Marica Campo; o director da editorial Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, a presidenta da Asociación Cultural Ergueitos, María Casar, e o Concelleiro de Cultura de Sarria, Xermán Arias. Haberá ademais unha actuación musical do dúo composto por Sylvie de Luca (piano) e Maria Ruíz (frauta).

IMPLÍCATE, Noite de música e palabra solidaria

A ONG galega IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO organiza un ano máis IMPLÍCATE! Noite de música e palabra solidaria. O espectáculo celébrase o vindeiro domingo 14 de decembro ás 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela, e contará coa partipación de Yolanda Castaño e Luís Tosar como presentadores, a música de Xabier Díaz, Iria Piñeiro e The Homens, a danza de Disque Danza e María Reimóndez, o teatro de Celso Parada e Patricia Vázquez e a poesía de María do Cebreiro, Marga do Val, Xavier Cordal e Celso Fernández Sanmartín. As entradas están dispoñibles no servizo de venda de Caixa Galicia e no propio teatro. Os cartos que se recaden no IMPLÍCATE serán destinados ao proxecto Corredor de Desenvolvemento que IMPLICADAS ten en marcha no estado de Tamil Nadu, na India.

Polafía en Riotorto

O sábado 6 de decembro de 2008, ás 18:00 no Mazo da Fraga de Ferreiravella, terá lugar unha Polafía baixo o epígrafe “De contos cos ferreiros”. Actuará tamén o músico Xavier Blanco.
Coa colaboración da Asociación Cultural “Arrincadeira” e do Concello de Riotorto. Organiza: AELG. Patrocina: Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo.

Polafía en Friol

O sábado 22 de novembro de 2008, ás 18:00 no Museo Etnográfico de San Paio de Narla, intervirá nesta Polafía o músico ANTÓN CASTRO, de Álvaro do Sixto, “O novo Laxe”, e veciñas e veciños do concello de Friol.
Colaboran: Asociación de Mulleres Rurais “Fonte da Xonza” / Asociación Cultural “Cova da Serpe” / Museo Etnográfico de San Paio e Rede Museística da Deputación de Lugo. Coordinadores: Isidro Novo e Antonio Reigosa. Divulgador: Antonio Reigosa. Recitador: Isidro Novo.
Organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega e patrocina a Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Muxía: Voces poéticas contra a violencia de xénero

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Muxía organiza un acto de sensibilización contra a violencia de xénero, apostando por unha educación na igualdade ao longo de todo o ano.
Intervirán: Carmen Adán (Secretaria Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia), Ánxeles Sánchez (Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Muxía) e.Miguel Anxo Fernán Vello (escritor e editor).
Ademais, ofrecerán un recital de poesía Marilar Aleixandre, Marga do Val, Antía Otero, Enma Couceiro e Marica Campo. A música en vivo estará a cargo de Luís Martínez (piano) e Rosalía Vázquez (violonchelo).

Ver programa.

Vilalba: Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, “chairegos de honra “

O 15 de novembro de 2008, en Vilalba ás 12:00, terá lugar unha táboa redonda coa participación de:
• Antía Cal
• Marica Campo
• Isaac Díaz Pardo
• David Otero
• Ramón Regueira
Despois celebrarase un xantar de Irmandade na NOVA RUTA de Vilalba. O evento será amenizado cun concerto de A Quenlla.
Para apuntarse ao xantar ou máis información: 646 41 38 90 e xermolos@xermolos.org
(Asociación Cultural Xérmolos)

O Grupo Ouriol en Montevideo

Eva Veiga«O grupo Ouriol, formado pola poeta Eva Veiga e os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, aterrou en Montevideo o pasado 9 de outubro. Diversas actuacións levaron a poesía galega de todos os tempos por distintos espazos da cidade, algúns vinculados coa colectividade galega e outros, como a Feira Internacional do Libro, abertos a todo tipo de público. Dúas cousas quedaron claras en todas as actuacións: a vixencia da identidade cultural en todos os descendentes de galegos, e a calidade do público uruguaio.» (A Nosa Terra)